O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais continúa traballando na consolidación dunha rede de mulleres no territorio a través de distintas actividades. Entre elas destacou a xornada de intercambio e convivencia dirixida a mulleres de todas as idades e sectores que se desenvolveu este pasado sábado 25 de marzo na Casa Chaín de Pol co obxectivo de buscar solucións e facer propostas para incentivar o emprendemento e que as mulleres elixan a Montaña Lucense para vivir e empezar unha carreira profesional ou empresarial.

Baixo o título ‘Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader’, esta actividade do GDR Montes e Vales Orientais ocupou todo un sábado con varias mesas de diálogo, tormentas de ideas e unha táboa redonda para extraer as conclusións finais, antes de facer unha visita cultural ao mosteiro de Meira, co que se pechou a xornada. Estas conclusións derivadas a partir das experiencias das mulleres participantes servirán para facer unha boa estratexia LEADER que apunte sobre as accións, liñas estratéxicas e tipos de proxectos que se deberían incentivar a través do GDR.

O evento arrincou cun café as dez da mañá que serviu de toma de contacto entre as participantes para posteriormente levarse a cabo a benvida oficial a cargo de Lourdes Abuide, propietaria da Casa Chaín; Fe Álvarez, xerente do GDR encargada de explicar o programa; e Verónica Marcos, presidenta en Galicia da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (FADEMUR), que contou a súa experiencia á fronte deste colectivo.

Mesas sectoriais

Durante tres horas desenvolvéronse as distintas mesas de diálogo sectoriais con diferentes e variadas temáticas. Comezou a xornada coa mesa de ‘Cultura, Educación e Lecer’, na que se falou de asociacionismo, do papel das mulleres como dinamizadoras da cultura e das actividades sociais, da educación no rural ou do importante de xerar comunidade. Ofreceron a súa visión Branca Villares, mestra de música tradicional na Montaña; Isabel Calvete; presidente da Anpa do CPI Cervantes e vicepresidenta da Federación Galega de Anpas; Isa García, de Trécola Producións; Mercedes López, da Asociación de Mulleres Olvido de Pol; e Laura Burgué, da Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira.

Logo dunha pausa para un café e un pequeno espectáculo de títeres a cargo de Trécola Producións, tomou a remuda a situación da ‘Agroindustria, gandería e forestal’ e nela tomaron parte Pepita Fernández, a primeira produtora de ovo ecolóxico de Galicia; Ángela, a presidenta da Comunidade de Montes de Parada, en Baleira; Rocío Regueira, técnica da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón); e Ana Álvarez, gandeira de Navia de Suarna. Contou coa moderación de Margarida Prieto, do Sindicato Labrego Galego, e durante a charla falouse dos retos do sector, o papel da muller nestes ámbitos, as lexislacións que afectan ao monte e a gandería, a titularidade compartida das explotacións, a cotización das mulleres gandeiras ou os prezos de producir alimentos.

Tomou a remuda a mesa dedicada ao turismo, con Isolina Rodríguez, de Piornedo Anda; Jimena Santalices, de Las Cabañas de Ancares; Diana Forero, dos Apartamentos Sons do Eo; e Susana Sanz, da Casona de Labrada. Coa moderación de Yoani Jartín, técnica de Turismo do Concello de Meira, tocáronse temas como as novas oportunidades na zona, o turismo de selfie fronte outros modelos de turismo máis respectuosos co entorno, a necesidade de actividades complementarias e abordouse como o turismo pode servir para diversificar outros sectores económicos do territorio.

Ás 14.30 horas foi o momento para a comida, tempo no que as participantes se dividiron en grupos de cinco ou seis e realizaron unha posta en común durante a mesma. Ao estilo dun brainstorming ou tormenta de ideas, as opinións de cada grupo serviron para tirar posteriormente unhas conclusións coas que enriquecer a estratexia LEADER do GDR.

A sesión vespertina deu comezo ás catro da tarde coa última mesa sectorial, que estivo dedicada aos ‘Servizos innovadores’ participaron Silvia Saavedra, da Casa Niño de Navia de Suarna; Laura Doval, de Gaitafilmes; Rosa Pérez, vicepresidenta da Asociación de Mulleres de Pol; Mónica Perán, arquitecta e presidenta da Asociación de Empresarios de Meira; Leticia Gutiérrez, de Ancares Centro Deportivo e da Casa do Maior de Becerreá; Ana Díaz, de Arela Comunicación Sostible; e Guadalupe Anzótegui, tradutora literaria e técnico-científica na Pontenova. Falaron da oportunidade e necesidade de servizos de conciliación e de como proxectos innovadores teñen oco e éxito desde o rural.

Entre as cinco e as seis da tarde procedeuse coa posta en común das conclusións que extraeu cada grupo durante a comida de traballo e a xornada pechouse cunha visita cultural ao Mosteiro de Meira.

Agradecemento e conclusións positivas

Desde o GDR agradecemos a asistencia de todas as participantes e a implicación das máis de 20 mulleres que non dubidaron en ofrecer a súa visión e experiencias participando como poñentes nas mesas redondas desta enriquecedora xornada. Tanto a organización como todas as mulleres que se achegaron á Casa Chaín saíron moi contentas co resultado da xornada, xa que entenden que é importante para tecer unha rede que fará comunidade e tamén servirá para colaborar no desenvolvemento do territorio no futuro.

Recommended Posts