Xornada de presentación da Ruta dos Viños entre Montañas - Viños das IXP de Galicia

A Casa do Cazador de Negueira de Muñiz acolleu este luns, 13 de xullo, a quinta e última xornada de presentación das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación que durante os meses de xuño e xullo percorreu os cinco territorios vitivinícolas amparados polas Indicacións Xeográficas Protexidas galegas.

Nesta ocasión foi a quenda da IXP Terras do Navia, coa presentación da Ruta dos Viños entre Montañas, un itinerario que convida a descubrir un territorio no que a viticultura de montaña, a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía conforman unha experiencia enoturística singular.

Presentación coa presencia do presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde de A Fonsagrada, Carlos López; xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez e xerente do GDR Pontevedra-Morrazo, coordinador do proxecto, Jose María Tobío

A xornada contou coa asistencia do alcalde de Navia de Suarna, José Fernández; do concelleiro de Obras de Navia de Suarna, Jorge Eugenio Rodríguez; do alcalde de Cervantes, Benigno Gómez; da concelleira de Negueira de Muñiz, Raquel Díaz Barcia; do alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López, ademais do equipo técnico do GDR e representantes do sector vitivinícola, turístico e doutras entidades participantes no proxecto.

Cata comentada con Luis Paadin

Como non podía ser doutra maneira, na xornada tamén participaron as adegas Bodega da Señora, Adega Sidrón, Adega Panchín, Adega Cancelada e Adega Vizcaín, que presentaron os seus proxectos e os viños que elaboran nas Terras do Navia. O seu traballo exemplifica unha viticultura de montaña fortemente ligada ao territorio, ás variedades tradicionais e á conservación da paisaxe, converténdose nunha peza fundamental desta proposta enoturística. Durante a sesión destacouse o potencial da viticultura de montaña como elemento diferenciador das Terras do Navia e o papel que o enoturismo pode desempeñar na dinamización económica do rural e na promoción dos produtos locais.

O antropólogo Rafael Quintía foi o encargado de presentar a Ruta dos Viños entre Montañas, mentres que o sumiller Luis Paadín dirixiu unha cata comentada na que as persoas asistentes puideron coñecer as características dos viños elaborados polas adegas da IXP Terras do Navia.

Cata de viños comentada con produto local

A programación completouse cunha visita guiada por parte do itinerario enoturístico e unha nova cata comentada, permitindo descubrir sobre o terreo os recursos naturais, patrimoniais e vitivinícolas que forman parte desta proposta.

O GDR Montes e Vales Orientais participa neste proxecto de cooperación xunto aos GDR Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Adercou e Salnés-Ulla-Umia, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Recommended Posts