A Feira do Mel da Montaña celebrará en Baleira unha nova edición os días 24 e 25 de outubro, reunindo un ano máis produtores, artesáns e visitantes arredor do mel e doutros produtos ligados ao territorio. A programación combinará actividades para todos os públicos, degustacións, obradoiros e propostas para coñecer mellor o mundo da apicultura.
Durante a fin de semana, a feira contará coa presenza de diferentes expositores, que ofrecerán os seus produtos e permitirán ás persoas visitantes coñecer de primeira man a diversidade de producións da montaña lucense.

Programación

As actividades comezarán o sábado 24 pola tarde. A partir das 16:00 horas celebraranse diferentes obradoiros con cera e mel, unha oportunidade para descubrir as posibilidades destes dous produtos máis alá do seu uso habitual.
Ás 17:00 horas terán lugar xogos populares, pensados para compartir a xornada en familia e recuperar propostas tradicionais de ocio, entre os que podemos atopar o II Torneo de Billarda.
A programación continuará ás 18:00 horas cun taller sobre a calidade do mel, acompañado dunha cata do mel presentado ao concurso, que permitirá coñecer e comparar as diferentes características dos produtos participantes.
Como peche do sábado, ás 20:30 horas, celebrarase un magosto, cunha degustación gratuíta de empanada, viño e castañas.

O domingo 25 de outubro será a xornada central da feira, coa apertura dos postos ás 10:00 horas.
A partir das 11:00 horas retomaranse os obradoiros, mentres que ás 12:00 horas terá lugar a apertura do panel de cata, un dos momentos destacados da programación vinculada ao concurso do Mellor Mel da Montaña Lucense.
Ás 13:00 horas haberá unha degustación de cervexa de castaña e chulas de mel, combinando dous produtos estreitamente vinculados á gastronomía da montaña.
Xa ás 13:30 horas está prevista a visita de autoridades e, ás 14:30 horas, chegará un dos momentos máis agardados da xornada: a entrega de premios e diplomas do concurso Pintameles e do Mellor Mel da Montaña.

Cartel Feira do Mel de Montaña de Baleira

Un espazo para coñecer e poñer en valor os produtos da montaña

A Feira do Mel da Montaña volve así converterse nun punto de encontro para poñer en valor o traballo das persoas apicultoras, dar visibilidade aos produtos locais e achegar o mundo do mel aos veciños.

Ademais das actividades previstas no programa, as persoas visitantes poderán coñecer as propostas dos diferentes expositores e descubrir outros produtos elaborados no territorio.

No marco da feira celebrarase tamén a quinta edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, no que se recoñecerán os mellores meles presentados polas persoas apicultoras do ámbito de actuación do GDR. As mostras poden entregarse ata o 15 de outubro, seguindo as condicións establecidas para o concurso. A programación inclúe tamén o concurso Pintameles, no que os máis pequenos achegan a súa particular visión do mundo do mel a través dos seus debuxos. As obras participantes poderán verse durante a feira.

Os días 24 e 25 de outubro, a Feira do Mel da Montaña agarda por vós para desfrutar dunha fin de semana de mel, produtos da terra, tradición e actividades para todos os públicos.

.

Recommended Posts