Saberes tradicionais: xabóns e champú solido

Imaxe principal do obradoiro de xabóns e champús sólidos celebrado en Baleiro con Diana Forero como mestra

O Centro Social Cultural de Baleira e a sede da Asociación As Bulideiras das Nogais acolleron nas últimas semanas senllos obradoiros no que os participantes aprenderon a elaborar xabóns artesanais e champús sólidos da man de Diana Forero, propietaria dos Apartamentos Sons do Eo.

Estas actividades, coordenadas polo GDR Montes e Vales Orientais e que foron un auténtico éxito en canto ao número de asistentes, tiñan como obxectivo recoñecer aqueles recursos do territorio que poden ser aproveitados para realizar distintos traballos. Neste caso tratouse de recoñecer os materiais, aceites e plantas naturais do entorno que serven de ferramentas para elaborar xabóns e champús sólidos de xeito totalmente artesá.

Partindo de cero, Diana Forero guiou aos asistentes nun proceso de elaboración que comeza coa saponificación, onde conflúen tres elementos: auga, graxas ou aceites e unha base/álcali. Nestes obradoiros tamén se fixo moito fincapé nas medidas de seguridade que hai que cumprir á hora de tratar con estes produtos, xa que hai algúns ingredientes corrosivos como a sosa cáustica. Así mesmo, é imprescindible realizar certos traballos ao aire libre ou nunha sala ben ventilada, ao igual que se deben empregar elementos como gafas de seguridade ou luvas.

Finalmente, Diana Forero explicou a cantidade de ingredientes que hai que empregar en cada formulación para que a composición final dos xabóns e os champús sexa perfecta. Ademais da aprendizaxe, cada participante puido levar para a casa unha mostra dos xabóns.

No seguinte documento pódese atopar toda a información relativa a estes dous obradoiros, así como o proceso para conseguir que os xabóns e os champús sólidos sexan unha realidade.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais agradecemos a implicación e o traballo desenvolvido por Diana Forero nestes dous obradoiros, así como aos participantes pola súa asistencia e ao Concello de Baleira e á Asociación As Bulideiras das Nogais polas cesións dos locais nos que se desenvolveron os respectivos talleres.

Saberes tradicionais: preparados menciñais

Foto do 'Taller de preparados menciñais naturais'

O pasado mes de agosto desenvolveuse no Instituto Vello da Fonsagrada un ‘Taller de preparados menciñais naturais’ que foi un auténtico éxito de participación. O obradoiro foi impartido por Alkimias Tres Herbas e colaborou na organización o GDR Montes e Vales Orientais buscando a meta de aprender a aproveitar os recusos do territorio.

O numeroso grupo de persoas participantes aprenderon a identificar plantas silvestres presentes na natureza da montaña e a preparar con elas remedios naturais como maceracións ou ungüentos.

As formadoras de Alkimias Tres Herbas explicaron todo o proceso que hai que levar a cabo para conseguir estes preparados menciñais naturais desde o momento inicial da recolección das plantas e como se debe levar a cabo esta, ata as receitas finais pasando pola conservación dos ingredientes e a extracción das propiedades que conteñen.

Nesta ligazón pódese descargar un amplo manual para aprender a realizar estes preparados.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais agradecemos enormemente o traballo e compromiso das integrantes de Alkimias Tres Herbas, a asistencia de todas as persoas que nos acompañaron neste obradoiro, así como a colaboración do Concello da Fonsagrada coa cesión do espazo no que se desenvolveu o mesmo.

Xa somos + de 100 mulleres en Rede

Rede de Mulleres do Territorio

O GDR Montes e Vales Orientais impulsou a creación dunha Rede de Mulleres no territorio co obxectivo inicial de aportar perspectiva de xénero á estratexia de desenvolvemento local e involucrar ás mulleres no desenvolvemento rural do territorio. Hoxe, esta Rede suma máis de 100 mulleres que están a traballar ou vivir nalgún dos catorce concellos que forman parte do GDR.

Das xuntanzas iniciais xurdiu a petición de poñer en contacto ás mulleres de diferentes perfís e crear puntos de encontro para compartir, formarse, colaborar, aprender… por iso desde o entorno desta rede xa se levan impulsado diferentes encontros e actividades de formación.

A Rede de Mulleres en cifras

  • Máis de 100 mulleres están xa na canle de Whatsapp na que se difunde a información de interese e as actividades que se organizan.
  • 25 profesionais forman parte do directorio público de mulleres que hai na web do GDR e que se pode consultar aquí.
  • Máis de 280 mulleres participaron nalgunha actividade impulsada desde a Rede. A maior parte delas repetindo participación en varias actividades.

Os próximos pasos da Rede de Mulleres

A Rede continúa configurandose en función dos intereses e implicación das mulleres que forman parte dela. Para esta parte final do ano estamos traballando en:

Únete á Rede de Mulleres do Territorio

Mapa GDR3 e Xeodestino Ancares Terras de Buron

A Rede de Mulleres do Territorio é un espazo de portas abertas, no que mulleres de todas as idades e perfís están convidadas a unirse, participar e involucrarse para facela medrar.

Se vives ou traballas nalgún dos 14 concellos nos que traballamos, únete á Rede de Mulleres do Territorio! Podes contactarnos no teléfono ou Whatsapp que temos para a súa coordinación: 622 54 09 68.

A Rede de Mulleres de Ancares Terras de Burón organiza unha xornada intercultural en Láncara

Xornada Intercultural 'Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí', a celebrar o 9 de xuño na Casa de Grande de Láncara baixo a organización do GDR Montes e Vales Orientais e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

A Casa Grande de Láncara acollerá o vindeiro domingo 9 de xuño unha nova xornada gratuíta dirixida ás mulleres do territorio Ancares Terras de Burón coa que seguir consolidando e tecendo a rede que se iniciou no pasado ano. Esta vez, baixo o título ‘Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí’, doce mulleres chegadas desde distintos puntos de España e doutros países como Colombia, Arxentina, Brasil, Nova Zelandia, Romanía ou Bélxica falarán nesta iniciativa intercultural sobre a súa experiencia á hora de asentarse no territorio sobre o que traballamos no Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, impulsor desta Rede de Mulleres, xunto coa FEGAMP.

A xornada, dirixida a mulleres de todas as idades, dará comezo ás 10 da mañá coa benvida a todas as participantes e a súa acreditación. Posteriormente presentarase a xornada e ao redor das 10.45 horas está previsto que se inicien unha serie de conversas nas que varias mulleres ofrecerán a súa visión en primeira persoa de como levaron a cabo o seu asentamento no territorio. A media mañá farase un mercadiño de intercambio de roupa e ás 12.45 horas será a quenda para outro grupo de mulleres chegadas desde puntos moi diversos do globo terráqueo. A sesión matutina pecharase ás 14.30 horas cunha comida de traballo na que as participantes falarán sobre como impulsar a Rede de Mulleres, facendo unha reflexión conxunta sobre este tema a partir das 16.30 horas. A tarde e a xornada pecharase cunha visita guiada á Casa de Cuba en Láncara, Centro de Interpretación da Emigración Galega, para ter memoria de que desde o noso territorio tamén partiron miles de novas poboadoras cara diferentes países do mundo.

Cartel da Xornada Intercultural 'Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí', a celebrar o 9 de xuño na Casa de Grande de Láncara baixo a organización do GDR Montes e Vales Orientais e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

Esta Rede de Mulleres é un elemento máis no que se apoia o programa ‘Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente’ e a iniciativa ‘Aldeas Vivas’ que impulsamos desde o GDR3 en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e que ten por obxectivo atraer novas persoas poboadoras ao territorio da montaña de Lugo.

A xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, explica que “o obxectivo desta xornada de intercambio e convivencia é aprender da diversidade cultural das mulleres que vivimos nalgúns dos 14 concellos que forman o GDR e reflexionar sobre como podemos axudar a asentarse ás persoas que están instalándose aquí”.

Inscrición aberta e gratuíta

O prazo para anotarse nesta xornada manterase aberto ata mediados da vindeira semana ou ata que se completen as prazas dispoñibles. Recordar que é unha xornada totalmente gratuíta para todas as mulleres que decidan inscribirse. A inscrición lévase a cabo cubrindo un formulario que se pode atopar na portada desta páxina web ou tamén se pode contactar por Whatsapp ou teléfono no 622.54.09.68.

Programa da xornada

10:00 – Benvida e acreditación das participantes
10:30 – Presentación da Xornada
10:45 – Conversas e experiencias de asentarse no territorio
12:00 – Mercadiño de intercambio de roupa
12:45 – Conversas e experiencias de asentarse no territorio
14:30 – Comida de traballo sobre como impulsar a Rede de Mulleres
16:30 – Reflexión conxunta sobre o papel da Rede de Mulleres
17:00 – Visita guiada á Casa de Cuba en Láncara, Centro de Interpretación da Emigración Galega
18:00 – Fin da xornada

Ruta guiada con Piornedo Anda para seguir tecendo a rede de mulleres

Cartel curto da ruta guiada con Piornedo Anda e o colectivo de Mulleres do Territorio en Rede

O EVENTO

Un roteiro etnográfico polo Piornedo co que consolidar a rede de mulleres e continuar co traballo feito na xornada ‘Mulleres do Territorio. Elaborando a estratexia Leader’.

INFORMACIÓN CLAVE

  • Punto de encontro: escola de Piornedo.
  • Data: domingo 4 de xuño de 2023.
  • Horario: de 10 a 16:30 horas, aproximadamente.
  • Prezo de inscrición: Totalmente gratuíta con prazas limitadas. Apúntate aquí.
  • Dirixida a mulleres de calquera idade dos concellos do GDR Montes e Vales Orientais.
  • Recoméndase levar pantalón longo, calzado axeitado para camiñar e auga.

TECENDO A REDE DE MULLERES DO TERRITORIO

GDR Montes e Vales Orientais, xunto con Piornedo Anda, prepara para o día 4 de xuño unha ruta etnográfica guiada en Piornedo (Cervantes) co obxectivo de darlle continuidade ás conexións e á rede de mulleres da xornada ‘Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader’, que se celebrou o pasado 25 de marzo en Pol.

A ruta arrincará ás 10 horas desde a escola de Piornedo e rematará no mesmo punto ao redor das 16.30 horas. A inscrición, que se pode facer a través deste formulario, é totalmente gratuíta e conta con prazas limitadas. Antes de comezar o percorrido e ao final da andaina haberá café para todas e durante o percorrido faremos un descanso para comer todas xuntas ao aire libre. O bocadillo, unha froita e unha botella de auga serán facilitadas pola organización. Recoméndase levar pantalón longo e calzado axeitado para camiñar.

Cartel completo da ruta guiada con Piornedo Anda e o colectivo de Mulleres do Territorio en Rede

PIORNEDO ANDA

Piornedo Anda é un colectivo que ten como finalidade principal poñer en valor o lugar de Piornedo e a súa grande riqueza en canto a fauna, flora, etnografía e cultura. Para conseguilo, as súas impulsoras, Lola e Isolina, preparan e organizan ao longo do ano distintas andainas cunha esixencia adaptada á maioría dos públicos e nas que combinan paisaxe con lendas, mitoloxía e a apaixonante historia da zona.

Deste xeito, moitos domingos poñen en marcha roteiros guiados por sendeiros e camiños antigos dos montes da zona. A maioría das veces son circulares e contan cuns percorridos que van dos 7 aos 12 quilómetros de distancia, polo que teñen unha duración aproximado de entre 3 e 5 horas. Durante os mesmos, as guías ofrecen distintas explicacións sobre usos e costumes tradicionais do monte e da vida destes lugares de alta montaña.

Ademais, tamén organizan actividades de encontro na montaña dirixidos a colexios, asociacións de todo tipo e grupos adaptados ás demandas e características que teña cada un deles, tales como rutas etnográficas con ou sen xantar, recreacións lúdicas dos traballos de antes ou xogos tradicionais.

ÚNETE Á REDE DE MULLERES DO TERRITORIO

Anímate a compartir unha mañá de convivencia e descubrir da man de dúas veciñas do lugar un lugar único como Piornedo.Inscríbete no seguinte formulariohttps://forms.gle/NChVdB6dAUz277KQ7

As mulleres do territorio comparten unha xornada para traballar na elaboración da estratexia LEADER do GDR Montes e Vales Orientais

Xornada Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader, organizada polo GDR Montes e Vales Orientais na Casa de Chaín

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais continúa traballando na consolidación dunha rede de mulleres no territorio a través de distintas actividades. Entre elas destacou a xornada de intercambio e convivencia dirixida a mulleres de todas as idades e sectores que se desenvolveu este pasado sábado 25 de marzo na Casa Chaín de Pol co obxectivo de buscar solucións e facer propostas para incentivar o emprendemento e que as mulleres elixan a Montaña Lucense para vivir e empezar unha carreira profesional ou empresarial.

Baixo o título ‘Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader’, esta actividade do GDR Montes e Vales Orientais ocupou todo un sábado con varias mesas de diálogo, tormentas de ideas e unha táboa redonda para extraer as conclusións finais, antes de facer unha visita cultural ao mosteiro de Meira, co que se pechou a xornada. Estas conclusións derivadas a partir das experiencias das mulleres participantes servirán para facer unha boa estratexia LEADER que apunte sobre as accións, liñas estratéxicas e tipos de proxectos que se deberían incentivar a través do GDR.

O evento arrincou cun café as dez da mañá que serviu de toma de contacto entre as participantes para posteriormente levarse a cabo a benvida oficial a cargo de Lourdes Abuide, propietaria da Casa Chaín; Fe Álvarez, xerente do GDR encargada de explicar o programa; e Verónica Marcos, presidenta en Galicia da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (FADEMUR), que contou a súa experiencia á fronte deste colectivo.

Xornada Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader, organizada polo GDR Montes e Vales Orientais na Casa de Chaín

Mesas sectoriais

Durante tres horas desenvolvéronse as distintas mesas de diálogo sectoriais con diferentes e variadas temáticas. Comezou a xornada coa mesa de ‘Cultura, Educación e Lecer’, na que se falou de asociacionismo, do papel das mulleres como dinamizadoras da cultura e das actividades sociais, da educación no rural ou do importante de xerar comunidade. Ofreceron a súa visión Branca Villares, mestra de música tradicional na Montaña; Isabel Calvete; presidente da Anpa do CPI Cervantes e vicepresidenta da Federación Galega de Anpas; Isa García, de Trécola Producións; Mercedes López, da Asociación de Mulleres Olvido de Pol; e Laura Burgué, da Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira.

Xornada Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader, organizada polo GDR Montes e Vales Orientais na Casa de Chaín

Logo dunha pausa para un café e un pequeno espectáculo de títeres a cargo de Trécola Producións, tomou a remuda a situación da ‘Agroindustria, gandería e forestal’ e nela tomaron parte Pepita Fernández, a primeira produtora de ovo ecolóxico de Galicia; Ángela, a presidenta da Comunidade de Montes de Parada, en Baleira; Rocío Regueira, técnica da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón); e Ana Álvarez, gandeira de Navia de Suarna. Contou coa moderación de Margarida Prieto, do Sindicato Labrego Galego, e durante a charla falouse dos retos do sector, o papel da muller nestes ámbitos, as lexislacións que afectan ao monte e a gandería, a titularidade compartida das explotacións, a cotización das mulleres gandeiras ou os prezos de producir alimentos.

Xornada Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader, organizada polo GDR Montes e Vales Orientais na Casa de Chaín

Tomou a remuda a mesa dedicada ao turismo, con Isolina Rodríguez, de Piornedo Anda; Jimena Santalices, de Las Cabañas de Ancares; Diana Forero, dos Apartamentos Sons do Eo; e Susana Sanz, da Casona de Labrada. Coa moderación de Yoani Jartín, técnica de Turismo do Concello de Meira, tocáronse temas como as novas oportunidades na zona, o turismo de selfie fronte outros modelos de turismo máis respectuosos co entorno, a necesidade de actividades complementarias e abordouse como o turismo pode servir para diversificar outros sectores económicos do territorio.

Ás 14.30 horas foi o momento para a comida, tempo no que as participantes se dividiron en grupos de cinco ou seis e realizaron unha posta en común durante a mesma. Ao estilo dun brainstorming ou tormenta de ideas, as opinións de cada grupo serviron para tirar posteriormente unhas conclusións coas que enriquecer a estratexia LEADER do GDR.

A sesión vespertina deu comezo ás catro da tarde coa última mesa sectorial, que estivo dedicada aos ‘Servizos innovadores’ participaron Silvia Saavedra, da Casa Niño de Navia de Suarna; Laura Doval, de Gaitafilmes; Rosa Pérez, vicepresidenta da Asociación de Mulleres de Pol; Mónica Perán, arquitecta e presidenta da Asociación de Empresarios de Meira; Leticia Gutiérrez, de Ancares Centro Deportivo e da Casa do Maior de Becerreá; Ana Díaz, de Arela Comunicación Sostible; e Guadalupe Anzótegui, tradutora literaria e técnico-científica na Pontenova. Falaron da oportunidade e necesidade de servizos de conciliación e de como proxectos innovadores teñen oco e éxito desde o rural.

Xornada Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader, organizada polo GDR Montes e Vales Orientais na Casa de Chaín

Entre as cinco e as seis da tarde procedeuse coa posta en común das conclusións que extraeu cada grupo durante a comida de traballo e a xornada pechouse cunha visita cultural ao Mosteiro de Meira.

Agradecemento e conclusións positivas

Desde o GDR agradecemos a asistencia de todas as participantes e a implicación das máis de 20 mulleres que non dubidaron en ofrecer a súa visión e experiencias participando como poñentes nas mesas redondas desta enriquecedora xornada. Tanto a organización como todas as mulleres que se achegaron á Casa Chaín saíron moi contentas co resultado da xornada, xa que entenden que é importante para tecer unha rede que fará comunidade e tamén servirá para colaborar no desenvolvemento do territorio no futuro.

Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader

Cartel sinxelo do programa de Mulleres do Territorio en Rede do GDR Montes e Vales Orientais

O EVENTO

Unha xornada de intercambio e convivencia por e para mulleres coa que facer unha estratexia Leader participativa e con perspectiva de xénero.

INFORMACIÓN CLAVE

  • LugarCasa Chaín de Pol.
  • Data: sábado 25 de marzo de 2023
  • Prezo: Inscrición, comida e actividades totalmente gratuítas.
  • Dirixida a: mulleres de calquera idade que estean interesadas en compartir as súas inquedanzas e escoitar as doutras. Haberá máis de 20 poñentes en varias mesas de diálogo.

TECENDO A REDE DE MULLERES DO TERRITORIO

Para continuar consolidando as conexións e o networking no territorio, esta xornada terá unha continuación o sábado 1 de abril en Piornedo cunha ruta etnográfica guiada por Piornedo Anda. A inscrición nesta ruta á completamente gratuíta a través deste formulario. Podes ampliar información neste artigo.

Mulleres do territorio en rede

Desde o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais organizamos a xornada de intercambio e convivencia ‘Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader’, unha iniciativa que se levará a cabo este vindeiro sábado 25 de marzo e que ten como un dos seus obxectivos principais buscar solucións e facer propostas para incentivar o emprendemento e que as mulleres elixan a Montaña Lucense para vivir e empezar unha carreira profesional ou empresarial.

Esta xornada de traballo terá como escenario a Casa Chaín de Pol, é totalmente gratuíta e está dirixida a mulleres de todas as idades.

O evento dará comezo ás 10 da mañá e finalizará xa pola noite. Durante a xornada desenvolveranse unha serie de mesas de diálogo e actividades coas que darlle forma a unha estratexia Leader participativa e con perspectiva de xénero. Deste xeito, trataranse que aspectos son importantes á hora de facer un proxecto no noso territorio ou que se debería incentivar, entre outros moitas cuestións.

O evento pretende que dende a experiencia de moitas mulleres que viven e traballan no territorio se poda afondar sobre os aspectos importantes á hora de facer unha boa estratexia LEADER, que se traballe sobre as accións, liñas estratéxicas e tipos de proxectos que se deberían incentivar. Buscamos que esta rede de mulleres se active como unha comunidade de apoio e intercambio de ideas aberta a calquera muller da zona que queira formar parte e aprender da experiencia, vivencias e ideas de todas. Pretendemos tecer unha rede de networking entre mulleres que, ademais de incidir de forma directa no deseño do desenvolvemento do territorio, se poidan apoiar entre si, o que pode ser moi importante para o futuro.

Esta xornada de intercambio e convivencia contará con distintas mesas entre as dez da mañá e as seis da tarde, finalizando o día cunha visita cultural ao mosteiro de Meira. Xa está confirmada a presenza de máis de 20 mulleres que participarán nas distintas mesas redondas que hai programadas.

O evento arrincará ás 10 horas cun café que servirá de toma de contacto entre as participantes para posteriormente realizarse a benvida oficial, a partir das 10.30 horas, que correrá a cargo de Lourdes Abuide, propietaria da Casa Chaín; Fe Álvarez, xerente do GDR que explicará o programa da xornada e que obxectivos se buscan con ela; e Verónica Marcos, presidenta en Galicia da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (FADEMUR), que contará a súa experiencia á fronte deste colectivo.

Entre as 11 e as 14 horas desenvolveranse as distintas mesas de diálogo sectoriais que terán como temáticas cuestións como os servizos, o turismo, a agroindustria, a gandería, a cultura ou o lecer.

A mañá pecharase cunha comida de traballo, tamén gratuíta, na que as participantes se dividirán en grupos e farán unha tormenta de ideas. A sesión vespertina dará comezo cun café e posta en común na que cada grupo expoñerá as conclusións ás que chegou durante a comida.

Posteriormente haberá un teatriño de títeres e ás seis da tarde pecharase a xornada de traballo para dar paso á visita cultural ao mosteiro de Meira.

Inscrición aberta

O prazo de inscrición estará aberto ata que se complete o aforo, que será de 50 persoas. Aquelas mulleres interesadas en participar poden anotarse aínda a través de Whatsapp no número 659275743, enviando un correo electrónico á dirección montes.vales.orientais@gmail.com. A participación e todas as actividades que inclúe a xornada son totalmente de balde.

Programa:

  • 10 horas – Toma de contacto tomando un café
  • 10:30 horas – Benvida
  • 11:00-14.30 horas – Mesas de diálogo
  • 14:30- 15.30 horas – Comida de traballo
  • 15.30 – 18.00 horas – Café e posta en común
  • 18:30 horas – Visita cultural ao Mosteiro de Meira

 Máis iniciativas

Ademais de nesta xornada, o GDR Montes e Vales Orientais tamén traballa noutra actividade que se desenvolverá unha semana máis tarde, na primeira fin de semana de abril, e que cremos que servirá para consolidar esta rede de mulleres, para continuar establecendo contactos e facendo actividades no territorio. Consistirá nunha ruta guiada coa Asociación Piornedo Anda na que se dará a coñecer o fantástico entorno desta localidade. Podes inscribirte á ruta aquí.

Programa completo das xornadas Mulleres do Territorio en Rede do GDR Montes e Vales Orientais