Yolanda Granxa Teixeiro e Pistón

Yolanda, Miguel e Elba, son as persoas que están detrás da Granxa Teixeiro E Pistón, unha pequena explotación de cabras e cabalos situada no Concello de Becerreá, nos Ancares.

Esta fin de semana recréase en Cruzul, tamén en Becerreá, a batalla que enfrontou as tropas francesas e inglesas alá polo ano 1808, e como parte desta recreación haberá unha cea ao estilo dos campamentos militares na que se fará cabrito ao espeto; pero non calquera cabrito, porque serán animais criados en liberdade nas fincas que ten nesta zona a Granxa Teixeiro E Pistón.

Aproveitamos que centos de persoas van saborear o seu produto este sábado, para achegarnos a coñecelos un pouco máis de cerca e falar con eles para que nos conten de primeira man como se xestiona unha granxa deste tipo e como as cabras poden ser unha solución para a recuperación de fincas abandonadas e un complemento interesante para a economía familiar.

Os inicios

A chegada das dúas primeiras cabras, no 2013, foi practicamente un experimento para manter limpa a finca que esta familia ten ao lado da casa. “Eu tiña claro que esa pendente non a quería volver desbrozar” bromea Miguel Cordero, recordando como empezaron.

Os bos resultados e a facilidade do manexo deste tipo de gando, animáronos a ir aumentando o número de cabras para poder manter limpas as fincas familiares. Despois viñeron os acordos cos veciños e a ampliación da base territorial alugando terreos na contorna.

Yolanda e Miguel, xestionan agora coa axuda da súa filla Elba, o seu rabaño de cabras a tempo parcial, compaxinándoo con outras ocupacións.  “É certo que, como todas as actividades, esto tamén esixe un certo nivel compromiso, de traballo… e hai que estar pendentes. Pero sempre organizamos a explotación de xeito que fose compatible con outras ocupacións. Se ben ao principio non obtíñamos beneficios, que tampouco nos dese perdas. E así fomos medrando pouco a pouco”, apunta Yolanda Gómez.  

Nestes anos, non só conseguiron facer sostible e estable a súa gandería de cabrún, senón que se converteron nun referente en Galicia formando parte de asociacións sectoriais e de proxectos innovadores, asinaron acordos coa multinacional Inditex para ser provedores dos seus comedores e traballan activamente na recuperación e posta en valor das razas autóctonas de cabra galega e cabalos pura raza galega.

O modelo de produción

As súas cabras e cabalos críanse en extensivo, están sempre pastando por fóra en fincas que pechan para poder telos controlados. Na medida na que van comendo o alimento, trasladan os animais dunhas fincas a outras.

Precisamente a base territorial é un dos principais problemas que teñen. As fincas nesta zona son pequenas e o ideal sería poder contar con extensións grandes, dunhas dúas hectáreas continuas. Para conseguir unha extensión na que se poida traballar con comodidade, é preciso xuntar as fincas de varios propietarios, algo que non resulta fácil. Así, o rabaño da Granxa Teixeiro E Pistón está repartido en diferentes fincas, algunhas bastante distantes entre sí, o que dificulta o manexo e fai preciso transportar animais e tamén adicar bastante tempo ao mantemento dos peches.

A viabilidade dunha explotación de cabrún

No caso da Granxa Teixeiro E Pistón a súa formación, ambos son enxeñeiros forestais,  axudou a que desde o principio fixesen un manexo técnico da explotación, tendo en conta a rendibilidade e o tipo de xestión que querían facer. Aproveitándonos desta cuestión, preguntamos sobre a viabilidade dunha explotación deste tipo:  “Está claro que cun rabaño pequeniño, a rendibilidade vai ser máis pequeniña, pero con estes anos de experiencia traballando co noso rabaño, agora sabemos que se quixésemos vivir só das cabras, en vez de ter cen, teríamos que ter catrocentas ou cincocentas e con iso sacaríamos un salario. Tamén sabemos que para iso precisaríamos alugar dous ou tres montes… “ sinalan.

“Tamén sabemos que cincuenta cabras as podería ter calquera. Facendo un manexo como o que facemos nós, cas cabras sempre fóra e cunha adicación a tempo parcial e véndoo coma un complemento a outra actividade”, apunta Yolanda.  “Ademais, estamos nun momento no que hai moitas oportunidades neste sector e precisamos xente con ganas de traballar e de agarrar esas oportunidades” continúa.

Ambos animan a que a xente da zona se atreva a criar cabras como complemento a outras actividades, “porque hai moita demanda e faltan produtores nesta zona”. A demanda de carne de cabrito supera a capacidade de produción que teñen na actualidade na granxa. Yolanda, que é quen se encarga da parte máis comercial, xestiona unha lista de agarda composta por clientes fieis que repiten cada ano.

A nivel comercial, tanto Miguel como Yolanda inciden na vantaxa que supón a localización do seu rabaño nos Ancares e en Galicia, xa que para as persoas consumidoras, esta localización é sinónimo de calidade e aporta prestixio ao produto. “Por qué o cabrito de Ancares non vai estar nos mellores restaurantes de Galicia? Ten a calidade para estalo”, sinalan mentras comentan o importante de ter unha marca forte e recoñecida como a dos Ancares e a necesidade de sumar produtores para poñer máis produto no mercado.

 Ademais da carne, na Granxa Teixeiro E Pistón tamén venden cabras e cabalos pura raza galega para vida, é dicir, para a recría noutras granxas e explotacións; unha liña de negocio tamén a ter en conta para as persoa que queiran emprender a actividade.

Unha granxa comprometida coa contorna

Miguel, Yolanda e Elba son persoas moi activas e implicadas con moitos proxectos a nivel profesional e persoal. Forman parte da Asociación de Criadores de Cabras e Ovellas de Galicia, da que foron parte da directiva; tamén están na Asociación de Criadores de Cabra Galega, que agrupa aos criadores da nosa raza autóctona e na Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega… e a Granxa Teixeiro E Pistón tamén recibe as visitas escolares do programa “Da Granxa á Escola” na que nenos e nenas de toda a provincia de Lugo se achegan a coñecer o día a día na granxa.

A nivel local, participan na Asociación Rente ao Couce, a través da cal promoven cursos de capacitación en peches para o gando, de poda de castiñeiros ou a Feira do 12 en Becerreá.

“Gústanos o sitio no que vivimos, gústannos os animais e a natureza. Ambos medramos en casas no campo e tamén nos sentimos coa responsabilidade de devolver algo do que recibimos a esta zona”, conclúe a parella.

Recuperar as producións locais

Tradicionalmente na Cociña de Ancares Terras de Burón, os pratos de cordeiro e cabrito estaban presentes en todas as celebracións e era habitual a cría de cabras ou ovellas en moitas casas da montaña. Desde o GDR Montes e Vales Orientais, así como desde o Xeodestino Ancares Terras de Burón, estanse a impulsar diferentes iniciativas relacionadas coa recuperación da cría destes animais, tanto como complemento ás economías familiares como para facer un mellor aproveitamento dos nosos recursos naturais.

Recommended Posts