Programa Fogar Vivo da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do programa Fogar Vivo, unha liña de axudas destinada a facilitar que vivendas baleiras se incorporen ao mercado de alugueiro con prezos accesibles.

O obxectivo desta iniciativa é activar vivendas que actualmente non se utilizan, apoiando ás persoas propietarias para que poidan acondicionalas e poñelas en alugueiro con máis garantías.

O obxectivo de Fogar Vivo

O principal obxectivo é mobilizar vivendas baleiras privadas para destinalas ao alugueiro, ofrecendo apoio económico ás persoas propietarias para reformalas, acondicionalas e garantir maior seguridade fronte a posibles riscos.

A quen vai dirixido

Poden solicitar estas axudas persoas físicas ou xurídicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas.

As axudas do programa e as súas contías

  • Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación de seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco do fogar. Ata 3.000€.
  • Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda. Neste caso a axuda pode chegar ata os 11.000€ e a subvención será do 80% do gasto xustificado.
  • Unha axuda vinculada á axuda de adecuación e reparación da vivenda, para o caso de que os alugados sexan menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida. Ten unha aportación de 2.000€.

A contía máxima das axudas non poderá superar o límite de 16.000€ por vivenda.

Prazo de solicitude

As solicitudes están abertas ata o 3 de xuño. Pódense consultar as bases neste DOG.

Programas como Fogar Vivo permiten recuperar inmobles en desuso e ampliar a oferta de alugueiro, algo especialmente relevante en moitas zonas rurais. Se tes unha vivenda baleira, esta convocatoria pode axudarche a poñela en uso con apoio público.

Recommended Posts