O Xeodestino Ancares Terras de Burón está xestionado polo GDR Montes e Vales Orientais e ten en marcha unha ferramenta pensada para dar visibilidade á actividade cultural, social e turística do territorio: unha axenda aberta de eventos.

Esta iniciativa nace coa vontade de recoller e difundir todo o que acontece nos distintos concellos, facilitando que tanto a poboación local como as persoas visitantes poidan coñecer de primeira man a oferta existente. Dende actividades culturais e deportivas ata feiras, rutas, xornadas ou propostas vinculadas ao turismo, a axenda busca converterse nun punto de referencia común.

A axenda é para todos

Un dos aspectos máis relevantes desta proposta é que se trata dunha ferramenta aberta e colaborativa. Poden formar parte dela os eventos de concellos, asociacións, entidades, organizacións e tamén empresas privadas que desenvolvan actividades no territorio. O obxectivo é sumar esforzos para construír unha visión conxunta e actualizada de todo o que se está a facer, reforzando así a dinamización local e a promoción do destino.

A través desta axenda preténdese, non só informar, senón tamén poñer en valor o traballo que se realiza no territorio e facilitar a participación. Ao centralizar a información nun único espazo, mellórase a comunicación, evítase a dispersión e contribúese a que as actividades teñan maior alcance.

Como enviar o teu evento ou actividade á axenda

As persoas ou entidades interesadas en incluír os seus eventos poden facelo de forma sinxela, contactando con Fe (a xerente do GDR), no correo electrónico comunicación@ancaresterrasdeburon.gal ou no teléfono 659 275 743.

Para poder darlle difusión precísase a información e un cartel ou fotografía que acompañe os datos. Por exemplo se organizas un xantar popular e tes cartel, podes enviárnolo xunto á información de data, prezo, recollida de tickets, menú…

Esta nova axenda supón unha oportunidade para dar máis visibilidade ás iniciativas locais e seguir fortalecendo un territorio activo, dinámico e cheo de propostas ao longo de todo o ano.

Recommended Posts