Mulleres participantes na xornada 'As mulleres e a música: transmisión da tradicional oral' que se celebrou en Navia de Suarna o 31 de maio de 2025 promovido pola Rede de Mulleres do Territorio que impulsa o GDR Montes e Vales Orientais e a FEGAMP

Unha trintena de mulleres participaron este pasado sábado 31 de maio en Navia de Suarna nunha exitosa xornada da Rede de Mulleres do Territorio. Aproveitando que o Día das Letras Galegas deste ano 2025 estivo dedicado ás cantareiras e á poesía popular galega, a cita desta ocasión promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais tivo como fío argumental a importancia das mulleres da montaña como transmisoras da tradición oral da zona e dos elementos culturais asociados á música tradicional. Foi polo tanto un día cargado de música e no que tamén se falou de como a tradición oral vai pasando de xeración e xeración e, deste xeito, axudando á conservación das variedades dialectais presentes no territorio.

Esta xornada de intercambio e convivencia, totalmente gratuíta, levou por título ‘As mulleres e a música: transmisión da tradición oral’ e celebrouse ao longo de distintos puntos de Navia de Suarna, xa que contou cun roteiro, un faladoiro, dous mercadiños e unha actuación musical. Xuntou a mulleres de distintas asociacións culturais do territorio completando un rico e variado programa entre as 9:30 horas, momento no que se lle deu a benvida ás participantes e se presentou a xornada, e as 6 da tarde, cando se pechou a mesma. Pola mañá tiveron tempo para facer un roteiro con Cristina Álvarez ata a Casa Quiñones, ubicada en Barcia. Neste establecemento hostaleiro, que é tamén un coworking e un coliving, foi onde se desenvolveu un interesante faladoiro dunhas tres horas no que se tratou o papel que desempeñaron as mulleres nos saberes tradicionais e na súa transmisión, entre os que se atopa a música. Na xornada quedou claro que a figura feminina foi unha parte fundamental para que esta tradición oral fose transmitida e os elementos culturais asociados á música chegasen ata a xeración actual.

Ás 14:30 horas tivo lugar unha comida de traballo e a sesión vespertina incluíu dous mercadiños, un deles orientado ao intercambio de sementes e o outro ao intercambio de roupa. Cada participante podía levar as sementes, plantiñas ou enxertos que considerase oportuno e o mesmo acontecía co de roupa, no que había un máximo de 10 prendas por persoa. A xornada pechouse coa actuación da Asociación Cultural de Eiquí, nunha interpretación aberta á participación de todas as mulleres que levasen os seus instrumentos para acompañalas.

Con esta nova actividade levada a cabo o pasado sábado en Navia de Suarna, o GDR Montes e Vales Orientais segue fomentando que a rede de mulleres do territorio tecida nos últimos anos sexa cada vez máis forte e conte con máis protagonistas, ao tempo que serve para continuar dinamizando o rural e, a maiores, axuda a poñer en valor a figura da muller en todos os ámbitos da vida.

Recommended Posts