Presentación de Aldeas Vivas, a plataforma para a loita contra o despoboamento na montaña luguesa

Aldeas Vivas Presentación

A Delegación da Axencia Tributaria en Lugo foi escenario esta mañá de mércores da presentación do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e da súa ferramenta Aldeas Vivas, unha iniciativa que busca loitar contra o despoboamento do rural e que nace do aproveitamento de sinerxias entre este GDR e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

No acto de presentación participaron Carlos López López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais; Paz Rodríguez Rivera, directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); Isabel Rodríguez López, Subdelegada do Gobierno en Lugo e Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp. Así mesmo, os encargados de presentar o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e a súa ferramenta web www.aldeasvivas.gal foron Lucía González Louro, técnica da Fegamp; Fe Álvarez Sánchez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais; e Román Sánchez Besteiro, técnico do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais.

Os primeiros en intervir foron os representantes das institucións. Isabel Rodríguez, a Subdelegada do Gobierno en Lugo, destacou que desde o Estado se puxera “sobre a mesa a problemática da despoboación rural e a necesidade de afrontar con medios e investimentos o reto demográfico”.

Pola súa banda, Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp, destacou a importancia deste proxecto para o territorio, “un territorio duns 2.500 kilómetros cadrados e só 22.000 habitantes, con baixos índices demográficos e un alto nivel de avellentamento da poboación”, indicou.  Varela Paz destacou que “a través deste estase a facer un esforzo para gañar poboación, aumentar posibilidades de emprego e crecemento local“.

A plataforma www.aldeasvivas.gal é un centro de recursos do territorio, desde vivendas para aluguer, ata traspaso de negocios, pasando por ofertas de emprego e incluso terras para traballar.  Os técnicos do GDR e da FEGAMP apoiáronse nas asociacións do territorio “para poder poñer en marcha esta plataforma e que sexan tamén elas as que axuden a detectar oportunidades para visibilizar na páxina”, afirmou Román Sánchez, un dos técnicos que está a traballar no seu desenvolvemento. “Queremos conseguir que o noso territorio sexa atractivo para novos poboadores que queiran vir ou para persoas do territorio que queiran involucrarse noutras perspectivas vitais e profesionais”, engadiu.

Esta plataforma busca dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio que abrangue o GDR Montes e Vales Orientais, ao tempo que se axuda á integración desta poboación migrante. Con isto búscase colaborar na remuda xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía.

Para logralo, Sánchez debullou as distintas ferramentas das que dispón a plataforma e que permitirán ofertar e demandar recursos habitacionais e oportunidades laborais ou de emprendemento, establecer unha canle de contacto entre demandantes e ofertantes, así como dinamizar a práctica do alugueiro no territorio que permita reter a poboación moza local e captar e asentar poboación nova.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, que traballa para xerar un ecosistema de oportunidades de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía. Conta co financiamento da Secretaría General para el Reto Demográfico do Goberno de España.

Desde o Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais insistiuse en que é primordial que “o entramado social e institucional do territorio faga súa a web e esta se converta nun referente”, ao tempo que tamén considera fundamental que “haxa moita oferta nova na web, porque xa hai distinta xente do territorio que a está vendo que esta plataforma é unha ferramenta moi necesaria e tamén moi útil”, concluíron.

Pola súa banda, Fe Álvarez Sánchez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, sinalou a importancia de sumar esforzos e traballar man a man coas diversas entidades que operan no territorio.  Álvarez salientou que un exemplo perfecto desta colaboración é o proxecto Aldeas Vivas, no que ademais da colaboración institucional entre o GDR e a FEGAMP, está sendo de vital importancia o apoio dos Concellos do territorio. Como mostra deste apoio, os alcaldes de varios concellos do GDR Montes e Vales Orientais acudiron á presentación da ferramenta en Lugo.

Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente Logos

A Rede de Mulleres de Ancares Terras de Burón organiza unha xornada intercultural en Láncara

Xornada Intercultural 'Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí', a celebrar o 9 de xuño na Casa de Grande de Láncara baixo a organización do GDR Montes e Vales Orientais e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

A Casa Grande de Láncara acollerá o vindeiro domingo 9 de xuño unha nova xornada gratuíta dirixida ás mulleres do territorio Ancares Terras de Burón coa que seguir consolidando e tecendo a rede que se iniciou no pasado ano. Esta vez, baixo o título ‘Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí’, doce mulleres chegadas desde distintos puntos de España e doutros países como Colombia, Arxentina, Brasil, Nova Zelandia, Romanía ou Bélxica falarán nesta iniciativa intercultural sobre a súa experiencia á hora de asentarse no territorio sobre o que traballamos no Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, impulsor desta Rede de Mulleres, xunto coa FEGAMP.

A xornada, dirixida a mulleres de todas as idades, dará comezo ás 10 da mañá coa benvida a todas as participantes e a súa acreditación. Posteriormente presentarase a xornada e ao redor das 10.45 horas está previsto que se inicien unha serie de conversas nas que varias mulleres ofrecerán a súa visión en primeira persoa de como levaron a cabo o seu asentamento no territorio. A media mañá farase un mercadiño de intercambio de roupa e ás 12.45 horas será a quenda para outro grupo de mulleres chegadas desde puntos moi diversos do globo terráqueo. A sesión matutina pecharase ás 14.30 horas cunha comida de traballo na que as participantes falarán sobre como impulsar a Rede de Mulleres, facendo unha reflexión conxunta sobre este tema a partir das 16.30 horas. A tarde e a xornada pecharase cunha visita guiada á Casa de Cuba en Láncara, Centro de Interpretación da Emigración Galega, para ter memoria de que desde o noso territorio tamén partiron miles de novas poboadoras cara diferentes países do mundo.

Cartel da Xornada Intercultural 'Un territorio culturalmente diverso. Experiencias de asentarse aquí', a celebrar o 9 de xuño na Casa de Grande de Láncara baixo a organización do GDR Montes e Vales Orientais e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)

Esta Rede de Mulleres é un elemento máis no que se apoia o programa ‘Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente’ e a iniciativa ‘Aldeas Vivas’ que impulsamos desde o GDR3 en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e que ten por obxectivo atraer novas persoas poboadoras ao territorio da montaña de Lugo.

A xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, explica que “o obxectivo desta xornada de intercambio e convivencia é aprender da diversidade cultural das mulleres que vivimos nalgúns dos 14 concellos que forman o GDR e reflexionar sobre como podemos axudar a asentarse ás persoas que están instalándose aquí”.

Inscrición aberta e gratuíta

O prazo para anotarse nesta xornada manterase aberto ata mediados da vindeira semana ou ata que se completen as prazas dispoñibles. Recordar que é unha xornada totalmente gratuíta para todas as mulleres que decidan inscribirse. A inscrición lévase a cabo cubrindo un formulario que se pode atopar na portada desta páxina web ou tamén se pode contactar por Whatsapp ou teléfono no 622.54.09.68.

Programa da xornada

10:00 – Benvida e acreditación das participantes
10:30 – Presentación da Xornada
10:45 – Conversas e experiencias de asentarse no territorio
12:00 – Mercadiño de intercambio de roupa
12:45 – Conversas e experiencias de asentarse no territorio
14:30 – Comida de traballo sobre como impulsar a Rede de Mulleres
16:30 – Reflexión conxunta sobre o papel da Rede de Mulleres
17:00 – Visita guiada á Casa de Cuba en Láncara, Centro de Interpretación da Emigración Galega
18:00 – Fin da xornada

Resumo da ‘Xornada de Emprego para Repoboar o Rural’

Inauguracion da 'Xornada de Emprego para Repoboar o Rural' celebrada o 26 de abril de 2024 na Fonsagrada. Na imaxe aparecen, de esquerda a dereita: Pedro Blanco, Delegado do Gobierno en Galicia; Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada; e Roberto Fernández, vogal da Comisión Executiva da Fegamp e alcalde da Ribeira de Piquín.

O salón de actos da casa consistorial da Fonsagrada acolleu o venres 26 de abril a ‘Xornada de Emprego para Repoboar o Rural’ impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Apuntáronse varias das oportunidades que ofrece o rural galego para poñer en marcha negocios e actividades económicas a través de exemplos en primeira persoa, ao tempo que tamén se analizou a situación que atravesan distintos sectores produtivos e se intentaron trazar posibles solucións para responder ás problemáticas coas que se atopan a diario aquelas persoas que apostan por vivir e traballar no rural.

Así mesmo, presentáronse dúas ambiciosas iniciativas enmarcadas dentro das accións proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente. Trátase por un lado, dun servizo de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos e por outro ladao, a plataforma Aldeas Vivas, coa que se busca dinamizar as aldeas converténdoas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía.

No seguinte vídeo pode verse un resumo das persoas participantes na Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural:

Esta ‘Xornada de Emprego para Repoboar o Rural’ foi inaugurada por Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada; Roberto Fernández, vogal da Comisión Executiva da Fegamp e alcalde de Ribeira de Piquín; e Pedro Blanco, Delegado do Gobierno en Galicia. Os tres expuxeron os esforzos que están levando a cabo desde as diferentes administracións para intentar evitar o despoboamento do rural e revalorizalo. “O Reto Demográfico ten como obxectivo que todo o mundo, independentemente de onde naza, teña dereito a estudar e emprender os seus negocios”, sinalou Pedro Blanco, que tamén engadiu que “estamos convencidos de que o rural ten futuro se todos traballamos a favor del”.

Nesta ligazón podes acceder á retransmisión que se fixo das xornadas en directo a través da canle de Youtube do GDR Montes e Vales Orientais.

Sector primario e agroalimentario

A benvida deu paso á primeira conferencia, que foi moderada por Ana Díaz, de Arela Comunicación Sostible e tiña como título ‘Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario’. Contou coa participación de Brais Álvarez, do Sindicato Labrego Galego; David Outeiro, gandeiro da Fonsagrada que xestiona unha gandeiría rexenerativa; Manuel Cancio, adegueiro en Negueira de Muñiz e impulsor da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia; e Guarina Rey, concelleira de Brión (A Coruña) e parte importante no desenvolvemento dos obradoiros compartidos que puxeron en marcha na súa vila.

De esquerda a dereita, durante o primeiro faladoiro da Xornada de Emprego para Repoboar o Rural: Brais Álvarez, David Outeiro, Manuel Cancio e Ana Díaz

Brais Álvarez abordou os problemas cos que se atopan os gandeiros á hora de emprender e desenvolver as súas explotacións, que están provocando “o peche continuo de granxas e  proxectos agrarios”, alertou. Entre estas atópase a dificultade para adiantar investimentos e a excesiva burocracia coa que se atopan ás veces, que fai que se alonguen moito os trámites. Tamén incidiu na falta de relevo xeracional e aportou que a agroecoloxía podía ser unha solución.

Pola súa banda, David Outeiro explicou a actividade que está realizando na súa explotación e, seguindo a argumentación do anterior poñente, salientou que “diante de crises como as do Covid e a suba dos prezos, as granxas máis resilientes resultaron ser as que seguían sistemas de produción agroecolóxica, pola súa baixa dependencia de insumos externos”, indicou.

Mentres, o adegueiro Manuel Cancio explicou como recuperaron as antigas viñas de Negueira de Muñiz, que se estaban perdendo. “Cando empecei quedaban dúas viñas e xa se ía plantar outra cousa nunha delas. Tiven que facer case todo de novo e no ano 2001 saíu a primeira botella de viño”, recordou. Foi un proceso longo, no que tiveron que “desmontar toda a mala fama que tiña o viño de Negueira pola súa acidez, pero hai que crer no que se fai e facer as cousas ben feitas”, sinalou.

A adhesión de novos produtores acabou levando á creación dunha asociación de adegueiros a través da que pediron ser Indicación Xeográfica Protexida. “Viron que reunía posibilidades o noso viño, fixéronse estudos e ao final conseguimos esta IXP, que é un espaldarazo importantísimo porque agora é máis fácil chegar aos sitios e comercializar o noso viño”, subliñou. Máis de dúas décadas despois de iniciar este proceso, “hai botellas do noso viño que se están vendendo a 27 euros, cando empezamos comercializándoas por 1’5 euros”, destacou.

Finalmente, pechou esta primeira mesa a concelleira de Brión Guarina Rey, que rememorou todo o proceso que levaron a cabo para poñer en marcha os obradoiros compartidos cos que contan no seu concello. Rei explicou que esta iniciativa xestouse a partir de outubro de 2017 para axudarlle a un “grupo de persoas que necesitaban contar cun espazo con rexistro sanitario para poder vender os seus produtos elaborados e así poder desestacionalizar as súas vendas e aproveitar os excedentes que teñen nas súas horas e que non se perdan”, afirmou. Agora, logo de atopar a difícil financiación externa, contan “cun obradoiro de masas, un obradoiro de hortalizas e froitas, unha zona de esterilización e outra de formación para poder impartir os cursos e traballar alí”, manifestou.

Sector asociativo e público

O segundo faladoiro xirou en torno ás ‘Oportunidades de traballo impulsadas desde o sector asociativo e público’ e contou coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, secretaria xeral da Fegamp. As primeiras en intervir foron Verónica Marcos e Sofía González, presidenta e técnica da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur). Marcos explicou o traballo que desenvolve Fademur, “recalcando sempre que somos unha organización feminista e progresista que integra en Galicia a máis de 70 asociacións e ten unha masa social de arredor de 10.000 mulleres, polo que somos a maior asociación de mulleres da comunidade”, salientou.

Xa nun campo máis práctico, Sofía abordou o programa de cooperativas rurais de servizos de proximidade que están apoiando desde Fademur e que se atopa no proceso de formación, pero xa tamén creando as primeiras asociacións de mulleres. “O proxecto comezou en maio de 2022 e ten previsto rematar en maio de 2025. Trátase de seis cursos de formación con certificado de profesionalidade, cinco dos cales son de atención sociosanitaria e un de cociña. Como resultado destas formacións estanse creando xa tres cooperativas lideradas por mulleres rurais”, destacou.

Segundo faladoiro da Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada na Fonsagrada o venres 26 de abril

Tomoulles a remuda Miguel Fernández Labrada, da Fundación TerrEo, que explicou que esta fundación municipal de Ribeira de Piquín, xurdiu no ano 2021 para intentar atoparlle solución aos problemas demográficos que ten o pobo, “cunha poboación inferior a 500 habitantes, menos de 20 rapaces menores de 18 anos e unha idade media de 60 anos”, así como para artellar solucións “para as instalacións abandonadas e os terreos sen actividade que foron quedando baleiros no concello precisamente por este contexto demográfico”, indicou.

Con estes fins, a Fundación TerrEo impulsou xa tres grandes proxectos. “O primeiro foi unha explotación extensiva de porco celta de 10 hectáreas totalmente automatizada e da que no 2023 xa se empezaron a vender as primeiras unidades. A segunda iniciativa é a piscifactoría de Santalla dedicada á troita, que xerou tres empregos e sirve xa a máis de 25 clientes, ademais dos particulares que se achegan para mercar directamente, empezando as vendas a comezos deste ano. E por último a fundación xestiona dúas hectáreas de kiwi e xa está solicitada a creación dun polígono agroforestal para a zona de Montefurado”, relatou.

As encargadas de pechar este faladoiro foron Sofía Sanesteban e María José Coira, que amosaron o funcionamento da Rede de Coworkings da Deputación da Coruña. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, comezouse a xestar no ano 2019 no marco do Plan de Emprego Local e agora “agrupa a once coworkings, viveiros de empresas e espazos colaborativos de transformación agroalimentaria”, indicaron. Cunha implantación eminentemente rural, prestan servizos a nivel supramunicipal, están especializados en sectores estratéxicos e buscan “establecer mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e persoas emprendedoras entre os distintos espazos que a conforman”, aseguraron.

O obxectivo desta rede de coworkings é “fomentar o traballo colaborativo a través do uso de espazos de traballo compartidos e apoiar a creación e consolidación de empresas na provincia da Coruña”, manifestaron.

Videoasistencia a maiores de 65 anos

A terceira mesa redonda da xornada, baixo a epígrafe ‘Oportunidades en servizos sociais innovadores’, estivo dedicada integramente á presentación da proba piloto que se vai desenvolver na Fonsagrada do proxecto de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos, en colaboración cos Servizos Sociais municipais. Jorge Caleya, da empresa Zwit Project, encargada de desenvolver esta iniciativa, foi o encargado de presentala.

Jorge Caleya, de Swit Project, presentando na Fonsagrada o proxecto de videoasistencia dirixido a maiores de 65 anos

Trátase dunha iniciativa pioneira a nivel estatal a través da que 30 usuarios dos Servizos Sociais da Fonsagrada recibirán unha tablet xa preparada e preconfigurada para facerlles máis accesibles diferentes servizos e empregar a tecnoloxía para mellorar a súa calidade de vida.

Esta solución tablet especialmente adaptada vailles permitir aos usuarios estar en contacto continuado coa súa axenda de contactos e cos traballadores sociais, achegándolles ademais servizos dixitais e facéndolles recordatorios como as medicacións que teñen que tomar ou as visitas ao médico.

Así mesmo, nesta proba piloto poñerase a proba tamén un asistente conversacional de voz con intelixencia artificial que está en desenvolvemento na Universidade de Vigo e que serve tamén para a detección temperá de problemas de ansiedade, depresión ou mesmo de deterioro cognitivo prematuro, así que axudará tamén á prevención de doenzas como o párkinson ou o alzhéimer.

Outro dos aspectos relevantes deste proxecto é que as tablets serán un escaparate para as empresas da zona, xerando un ecosistema de emprendemento e innovación baseado nos servizos ás persoas maiores. Os emprendedores e empresas locais que teñan algo que ofrecerlle a estas personas maiores de 65 anos poderán facelo a través destas tablets, que serán como unha especie de ponte ou ventá dixital onde os segundos expoñan os servizos que ofertan aos primeiros.

Vivendas e aluguer

Posteriormente foi tempo para dúas presentacións de proxectos que impulsan distintas administracións. Marco Antonio Fernández Piñeiro, do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, amosou as liñas mestras do Programa VI426E da Xunta, “no que se ofrece unha plataforma informativa onde ofertantes e demandantes poden ver as vivendas”, indicou. Este programa traballa en colaboración cos concellos e Fernández Piñeiro considera que “é unha vantaxe para eles, xa que favorece o incremento de vivendas dispoñibles para o alugueiro nos seus concellos”, afirmou.

Marcon Antonio Fernández Piñeiro, do Instituto Galego de Vivenda e Solo, presentou as liñas dos programas de axuda ao aluguer da Xunta.

As casas que chegan á plataforma son revisadas polos Servizos Sociais de cada concello adherido e teñen que cumprir uns mínimos de habitabilidade; estar en desuso, con algunha excepción; e que poidan ser empregadas ao non ter ningunha carga a nivel xudicial. Mentres, os ocupantes tamén teñen que cumprir unha serie de requisitos.

O seguinte en participar foi o deputado Pablo Rivera Capón, responsable da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, que falou do programa de apoio aos alugueres do organismo provincial, que conta cun orzamento de máis de 200.000 euros e busca paliar a falta de vivendas poñendo en marcha unha bolsa delas para alugar. Este programa está en marcha e tamén falou sobre outro, baixo o nome ‘Y para vivir Lugo’, centrado nos concellos da Fonsagrada, O Valadouro e Xermade.

O deputado Pablo Rivera Capón xunto á xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, durante a Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada o 26 de abril de 2024 na Fonsagrada

Plataforma Aldeas Vivas

A xornada, no tocante aos faladoiros, pechouse coa presentación da plataforma Aldeas Vivas. Lucía González, Paola Condia e Román Sánchez, os técnicos que desenvolveron esta iniciativa, puxeron sobre a mesa as súas liñas básicas, que buscan dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio que abrangue o GDR Montes e Vales Orientais, ao tempo que se axuda á integración da poboación migrante que chegue. Con isto búscase “colaborar na substitución xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía”, sinalaron.

Paola Condia e Román Sánchez presentaron a plataforma Aldeas Vivas na Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada o 26 de abril de 2024 na Fonsagrada

Para logralo, a plataforma dispón de varias ferramentas que permitirán ofertar e demandar recursos habitacionais e oportunidades laborais ou de emprendemento, establecer unha canle de contacto entre demandantes e ofertantes, así como dinamizar a práctica do alugueiro.

Comida networking na tenda da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) realizada con produtos de quilómetro cero dentro da Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural

Despois desta presentación, a actividade trasladouse á Tenda de Asgafon (a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada), onde os participantes puideron gozar dunha comida networking con produtos de quilómetro cero. A xornada pechouse pola tarde cunha visita á Ernes, en Negueira de Muñiz, onde os que se desprazaron coñeceron a actividade que desenvolve a Cooperativa Ribeira do Navia (Ribeiregas) e tamén se achegaron á historia da comuna que se instalou décadas atrás na zona.

Visita á Cooperativa Ribeira do Navia (Ribeiregas) na aldea de Ernes (Negueira de Muñiz) durante a Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada na Fonsagrada o 26 de abril de 2024
Visita a aldea de Ernes (Negueira de Muñiz) durante a Xornada de Emprendemento para Repoboar o Rural celebrada na Fonsagrada o 26 de abril de 2024
Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente Logos

A Fonsagrada acolle este venres 26 de abril a ‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’

A Casa do Concello da Fonsagrada acollerá o vindeiro venres 26 de abril unha serie de faladoiros, presentacións e actividades que conformarán a ‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’. Esta actividade está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dentro do marco do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente financiado pola Dirección General de Políticas Contra la Despoblación pertencente ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico do Gobierno de España.

A xornada contará cun abundante programa matutino e pecharase cunha comida e xa pola tarde coa visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia, en Negueira de Muñiz. A xornada, totalmente gratuíta para os que se animen a participar, abrirase ás 10 da mañá na Casa do Concello da Fonsagrada coa benvida e inauguración a cargo de Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada, e de Alberto López, presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Un cuarto de hora máis tarde, ás 10.15 horas, celebrarase o primeiro faladoiro, que estará centrada nas ‘Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario’. Nela participarán representantes dos Obradoiros Compartidos de Brión, Adegueiros do Navia e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, así como membros do Sindicato Labrego Galego, que falarán sobre distintos proxectos agroecolóxicos.

O segundo faladoiro será a partir das 11 horas e xirará en torno ás ‘Oportunidades de traballo impulsadas desde o sector asociativo e público’. Coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP, contarán a súa experiencia impulsando unha cooperativa de coidados persoais a domicilio representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur); a Fundación TerrEo explicará como se poden aproveitar os recursos produtivos desde o sector público; e coñecerase a experiencia da rede de coworkings da Deputación da Coruña.

A terceira e última mesa redonda dará comezo ás 11.45 horas e terá como temática as ‘Oportunidades en servizos sociais innovadores’. Abordarase o Zwit Project de videoasistencia e presentarase a proba piloto do programa de videoasistencia que se está realizando xunto cos Servizos Sociais de A Fonsagrada no marco tamén do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente.

Aldeas Vivas

Tralas mesas redondas levaranse a cabo tres presentacións. A primeira, prevista para as 12.45 horas, será a do programa de mobilización de vivendas para aluguer (VI426E) da Xunta de Galicia; a segunda, a partir das 13.15 horas, será a do programa de apoio aos alugueres da Deputación de Lugo; e a terceira, desde as 13.45 horas, servirá para coñecer a ferramenta Aldeas Vivas que impulsan a FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais, que é outra das liñas de traballo deste proxecto.

Ás 14.15 horas será a clausura institucional da xornada, aínda que despois haberá tempo, a partir das 14.30 horas, para unha comida networking con produtos de quilómetro cero da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) e posteriormente, a iso das 15.30 horas, aqueles participantes que o desexen poderán asistir en Ernes, en Negueira de Muñiz, a unha visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia e un achegamento á historia da Comuna que se asentou naquela zona.

Inscrición aberta e totalmente gratuíta

O prazo para anotarse nesta xornada permanecerá aberto ata o mércores día 24 ou ata que se complete o aforo da Casa do Concello da Fonsagrada. Todas as actividades da xornada, incluso a comida e a visita, serán gratuítas para todas aquelas persoas interesadas en participar. É preciso anotarse para a comida e para a visita a Ernes, xa que o transporte desde A Fonsagrada está incluído. A inscrición pode realizarse nesta ligazón. “Animamos á xente a que se inscriba porque de momento hai prazas, pero quen estea interesado que non tarde demasiado en facelo porque hai bastante demanda tanto para as mesas redondas, como para a comida networking e a visita a Negueira de Muñiz”, sinala a xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez.