Guía práctica para compensar a pegada de carbono

Plantación de árbores da Asociación Corripa en Pena da Nogueira para compensar a pegada de carbono xerada polas terceiras Xornadas de Ciencia na Aldea

A Asociación Corripa levou a cabo o pasado mes de novembro unha plantación de árbores coa que quixo compensar a pegada de carbono producida polas Xornadas de Ciencia na Aldea celebradas no mes de abril previo. Desde o colectivo están moi concienciados con esta problemática e saben que organizar unhas xornadas destas características supón unha serie de desprazamentos en coche de moitas persoas que acaban xerando un impacto no planeta. Desde a organización de Ciencia na Aldea, calcularon a pegada de carbono xerada e puxéronlle remedio cunha plantación de árbores en Pena da Nogueira aberta aos seus socios, colaboradores e a calquera persoa interesada.

Autor: Juanjo Arrojo (Asociación Corripa)

Ademais, desenvolveron nun documento esta guía práctica que lles pode servir como referencia a outras asociacións, colectivos ou organismos para levar a cabo estes cálculos e facelos dun xeito rápido e eficaz. Así mesmo, inclúe recomendacións á hora de executar a plantación de árbores.

A guía expón catro fases ou pasos principais para calcular esta pegada:

Información sobre a cantidade de emisións

O primeiro é obter a información da cantidade de emisións que se puideron xerar, onde entran dous factores principais. O que ten que ver coa viaxe dos participantes ata o lugar no que se desenvolva o evento. En función de se chegaron nun medio de transporte privado ou público ou se viaxaron en coche, bus, tren ou avión, a pegada será inferior ou superior. Tamén é fundamental coñecer a orixe de cada participante para calcular os quilómetros que tivo que acometer en cada medio de transporte. A outra cuestión ten que ver coas emisións por electricidade. Neste punto o máis básico é coñecer canta enerxía eléctrica se consumiu durante o evento e cal foi a orixe da xeración da mesma. 

Cálculo das emisións

Cos datos anteriores recompilados chega o momento de pasar ao seguinte paso que é o cálculo das emisións, no que contarán coa axuda dunha plantilla Excel.

Na guía tamén se expoñen unha serie de recomendacións para reducir as emisións xeradas durante o evento como promover o uso de transporte público, recordar a posibilidade de compartir un vehículo privado ou de alugar un vehículo eléctrico ou calquera outra opción que conleve o consumo de menos combustible, así como evitar os desprazamentos en avión, salvo que sexan totalmente indispensables. No tocante á electricidade, é importante valorar a posibilidade de utilizar iluminación ou equipos máis eficientes ou valorar a posibilidade de contratar enerxía eléctrica con certificado de orixe renovable, entre outras cuestións.

Cálculo das absorcións

O terceiro e penúltimo punto ten que ver co cálculo das absorcións. Cada especie arbórea ten un factor de absorción diferente e grazas a unha listaxe de especies podemos coñecer as emisións totais que se poden compensar durante 30 anos, tempo que se marca como referencia para o cálculo. Ao ir engadindo a cantidade de plantas de cada especie que se van a empregar na plantación, as emisións compensadas van subindo ata conseguir igualar ou superar as xeradas polo evento.

Recoméndase empregar especies autóctonas da zona e é preciso analizar o tipo de chan onde se van plantar, orientación, uso actual ou entorno inmediato, características claves para que a plantación chegue a bo porto. Na guía expóñense outras cuestións que poden axudar a conseguir a mellor plantación posible.

Plantación das árbores

Finalmente, o cuarto e último paso ten que ver coa propia plantación das árbores. A recomendación é intentar contar coa planta máis axeitada para o lugar, o permiso do propietario do terreo e conseguir todas aquelas autorizacións necesarias para executala, se estivese dentro dun monte de utilidade pública ou dun espazo protexido. Á hora de realizar a plantación plantexan contar con persoal cualificado ou realizalada no marco dunha xornada de voluntariado. Neste último caso terán que contar cos seguros necesarios e aportarlles o material preciso.

Xornadas de degustación do Cocido da Montaña

Xornadas Cocido da Montaña

Este mes de febreiro, como non pode ser doutro xeito, pola montaña estamos adicados de pleno a preparar (e probar) cocido, butelos e androllas. Coma cada ano, empezamos ca Feira do Butelo da Fonsagrada (3 e 4 de febreiro) e collemos impulso coa Festa da Androlla de Navia de Suarna (11 de febreiro). Pero este ano, incorporamos ao calendario as Xornadas de Degustación do Cocido da Montaña; durante todo o Entroido poderá degustarse o Cocido da Montaña en varios restaurantes e casas de comida de todo o territorio e o 13 de febreiro, coincidindo co martes de Entroido, haberá unha gran degustación en Baleira.

Xornada Degustación Cocido da Montaña en Baleira

O pavillón municipal de Baleira prepárase para a gran Degustación do Cocido da Montaña cunha xornada de festa con actividades gastronómicas, música, sorteos e desfile de disfraces de Entroido.

As 13.45 horas abrirase o pavillón para as persoas que teñan entrada para a degustación. O prezo é de 15€ por persoa e inclúe o xantar, con cocido tradicional da zona, a bebida e unha sobremesa de doces típicos de Entroido. As entradas para a degustación poden mercarse de xeito anticipado nos seguintes establecementos que forman parte da Asociación de Hostalaría de Baleira: A Marronda, O Moneda, O Neireo e O Recuncho de Vane.

Ás 17.30 horas, unha vez rematada a degustación, a entrada ao pavillón será libre, e todas as persoas que se acheguen poderán participar no desfile de disfraces e desfrutar da música e a festa toda a tarde. Ao final deste artigo deixamos os carteis informativos do evento, onde podes atopar toda a información.

Degustacións en todo o territorio

Durante todo o Entroido, os restaurantes e casas de comidas dos 14 concellos que forman o noso territorio, estarán ofrecendo pratos de Cocido da Montaña. En canto teñamos confirmación, iremos subindo os establecementos e as localizacións onde podes degustar o cocido certificado de Cociña de Ancares Terras de Burón, con ingredientes da montaña certificados.

Restaurantes confirmados

Establecementos que ofrecerán Cocido da Montaña aos seus clientes durante o Entroido:

Tes un restaurante ou casa de comidas no territorio e queres sumarte a esta iniciativa? Ponte en contacto con nós no teléfono 659 275 743.

Produtores certificados

Ademais dos restaurantes e casas de comidas, descubre os produtores certificados co selo de ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’:

Pasaporte Gastronómico

Tanto na Feira do Butelo da Fonsagrada, como na Festa da Androlla de Navia de Suarna, poderase selar o Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. Con cada selo, participa en saborosos sorteos. Non deixes de achegarte ao posto do Pasaporte Gastronómico e pedir o teu!

Presentada en Fitur a campaña ‘Déixate Marabillar polo Xeodestino Ancares Terras de Burón’

Mural da campaña 'Déixate Marabillar polo Xeodestino Ancares Terras de Burón'

Na tarde deste xoves 25 de xaneiro presentamos no stand de Galicia en FITUR (Feira Internacional de Turismo) a campaña ‘Déixate Marabillar’, a proposta turística do Xeodestino para este 2024 coa que buscamos que os visitantes coñezan o noso territorio a través dunha serie de oito experiencias. O emprendedor local Carlos Díaz, que vén de crear a primeira axencia turística do territorio, Naviaventours, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, foron os encargados de conducir unha presentación que tamén incluíu un vídeo promocional sobre o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e o Xeodestino.

‘Deixate Marabillar’ ofrece a posibilidade de coñecer un Xeodestino integrado por 14 concellos da área da Montaña de Lugo a través da realización de experiencias que van desde aprender todo o proceso de elaboración do pan ou dos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia ata realización de distintos roteiros, xa sexa a pé, en bicicleta, en coche ou mesmo a cabalo.

Aqueles que se decidan a deixarse marabillar polo noso xeodestino coñecerán un territorio cunha beleza natural impresionante e cunha historia a nivel patrimonial, arquitectónico, cultural e etnográfico que pouco a pouco se está recuperando e dando o valor que ten. Así mesmo, poderán recorrer o xeodestino seguindo os pasos de todas as películas que se rodaron nas últimas décadas neste territorio, desde a máis recoñecida recentemente ‘O que arde’, de Óliver Laxe, ata outras más antigas como ‘A los que aman’, de Isabel Coixet, pasando por filmes como ‘Romasanta’ ou ‘Vilamor’.

Agasallo de produtos locais

A posta de largo de ‘Déixate Marabillar’ completouse cun agasallo da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ para que todos os asistentes coñezan de primeira man os produtos locais que forman parte desta iniciativa gastronómica e tamén de ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’. Concretamente, recibiron un tarro de mel multifloral de Toxal Riba (Navia de Suarna) e un código desconto para empregar nas tendas en liña de A Carqueixa (Cervantes) e Son de Lugo (A Fonsagrada).

Ecoturismo como estratexia

A xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez, tamén asistiu á presentación e remarcou a filosofía coa que estamos traballando para a promoción do xeodestino. “Continuamos na nosa liña de apostar por experiencias de ecoturismo, tecendo lazos de colaboración para xerar propostas turísticas sostibles e de calidade que teñan dous pilares fundamentais como son o territorio e as persoas que viven nel”, sinalou Álvarez.

Así mesmo afirmou que “a nosa idea é ofrecer experiencias nos nosos espazos protexidos e naturais conseguindo que os que nos visitan tamén colaboren no desenvolvemento da cultura e a economía local, así como na conservación da natureza e a biodiversidade do territorio”, afirmou desde o stand de Galicia en FITUR.

É importante recordar que os 14 municipios que conforman este Xeodestino Ancares Terras de Burón suman case a metade da superficie Red Natura 2000 de toda a provincia e albergan tres das sete Reservas da Biosfera recoñecidas en Galicia.

Pasaporte Gastronómico

Fe Álvarez tamén sinalou que este ano apostaremos de novo polo ‘Pasaporte Gastronómico’, unha iniciativa que comezou en 2023 e que serve para dinamizar con actividades e sorteos 14 feiras e festas gastronómicas que se celebran no territorio. En cada un destes eventos, os viaxeiros poderán selar o seu pasaporte e rexistralo na web do Xeodestino para así poder entrar no sorteo dos premios que haberá en cada feira.

O calendario deste ‘Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón’ arrincará os días 3 e 4 de febreiro coa Feira do Butelo da Fonsagrada e poderá consultarse completo proximamente na web www.do Xeodestino.

‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’, protagonista dunha feira en Navia de Suarna

Feira de presentación e degustación de 'A Despensa de Ancares Terras de Burón' celebrada na Casa do Chao, en Navia de Suarna

A Casa do Chao, en Navia de Suarna, acolleu o martes 16 de xaneiro unha feira para seguir achegando aos establecementos turísticos da zona a iniciativa de ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’. O evento estivo organizado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña, e estaba dirixido aos produtores agroalimentarios do territorio e responsables de establecementos turísticos, así como a persoas emprendedoras que puideran estar interesados en participar na iniciativa “Cociña de Ancares Terras de Burón”, empresas, entidades do eido turístico, responsables institucionais e prensa.

A feira foi unha nova xornada de traballo coa que dar a coñecer ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’, unha iniciativa que pretende tender pontes e xerar sinerxias entre o sector turístico e o agroalimentario para tecer unha rede colaborativa e así conseguir incorporar os alimentos e produtos que se producen na zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos ou bebidas, aos establecementos turísticos que non dispoñen de cociña nas súas instalacións. Desta maneira, os visitantes que se hospeden nos locais do territorio que abarca o Xeodestino Ancares Terras de Burón, poden coñecer e acceder a distintos produtos de proximidade.

Nesta ocasión, diferentes produtores que xa forman parte de ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’ fixeron unha exposición e degustación dos seus produtos e explicaron que e como se produce no territorio, coa finalidade de seguir sumando empresas á iniciativa.

A feira, que deu comezo ás 12 do mediodía, contou co seguinte programa:

  • 12h. Recepción e benvida de participantes
  • 12.20h. Presentación dos traballos realizados no marco da iniciativa ‘A Despensa de Ancares Terras de Burón’, o estado actual do proxecto e as liñas de futuro. Esta presentación levarona a cabo Iván Sánchez, técnico do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña e Fe Álvarez, xerente do GDR3 – Montes e Vales Orientais.
  • 12.40h. Reflexións sobre boas prácticas de colaboración entre axentes do territorio, emprendemento feminino e igualdade. Participaron Sandra Vázquez, Secretaria Xeral de Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; Margarita Ardao, Directora Xeral de Emprendemento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a chef Lucía Freitas, que presentou o proxecto “Amas da Terra”.
  • 13h. Exposición e degustación de produtos de ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’. Networking entre participantes.
  • 14h. Peche da xornada.

Éxito do concurso Pintameles 2023

Cartel da Feira do Mel da Montaña do ano 2023 deseñado por Carlota López Rego, alumna do Ceip Plurilingüe Santa María da Fonsagrada

Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos moi satisfeitos co desenvolvemento do ‘Concurso Pintameles 2023’, xa que consideramos que foi un auténtico éxito de participación. É por iso que queremos amosar o noso agradecemento a todos os colexios que participaron nesta edición pertencentes aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita e A Pontenova. Estamos moi contentos coa implicación que demostraron os colexios, na figura dos seus mestres, e, sobre todo, o propio alumnado.

Deseños numerosos e de gran calidade

Durante a fase de recollida de propostas para ser o cartel oficial da Feira do Mel da Montaña deste ano recibíronse 205 deseños realizados polos nenos e nenas da zona, unha cifra espectacular que fala moi ben da importancia que ten este evento na contorna. Ademais, o xurado tivo un traballo moi difícil á hora de decidir cales debían ser os finalistas, dado que nesta edición houbo moita calidade nos debuxos e o alumnado da montaña demostrou unha vez máis que coñece a apicultura tradicional que se practica na zona.

Exposición dos deseños do concurso Pintameles 2023

Exposición no certame

A gañadora do concurso foi Carlota López Rego, alumna do Ceip Plurilingüe Santa María, de A Fonsagrada, a quen felicitamos desde o GDR. O seu deseño foi o que puidemos ver no cartel desta edición da feira, mentres que o resto de debuxos foron expostos no recinto no que se celebrou o certame de exaltación do mel local en Baleira.

Exposición dos deseños do concurso Pintameles 2023

Tres GDR polacos visitaron A Montaña para seguir traballando nun proxecto europeo sobre a apicultura

Foto de grupo diante do Concello de Meira cos tres GDR e apicultores que visitaron a Montaña, acompañados dos técnicos do GDR Montes e Vales Orientais e do das Terras de Miranda

A pasada semana recibimos a visita dos responsables de tres Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) polacos cos que estamos colaborando nun proxecto europeo baseado na apicultura e que tamén inclúe ao GDR Terras de Miranda, da Mariña.

Visita de tres GDR e apicultores polacos á Montaña

Logo de estar do martes facendo distintas actividades pola comarca mariñá, os técnicos polacos tiveron o mércores unha xornada cargada de visitas na Montaña acompañados en todo momento pola nosa xerente, Fe Álvarez. Foron recibidos en Baleira polo seu alcaldeÁngel Enrique Martínez-Puga; na sede do propio GDR Montes e Vales Orientais; e de ali dirixíronse á Pena de Nogueira, en Negueira de Muñiz, para visitar o ecomuseo de El País del Abeyeiro, onde coñeceron o xardín de polinizadores Fernando Fueyo e o souto artístico de Humboldt. Alí mesmo, realizaron unha cata de meles.

Visita de tres GDR e apicultores polacos ao Souto de Humboldt, en Negueira de Muñiz

Posteriormente movéronse ata A Fonsagrada, onde puideron desfrutar dunha degustación de produtos locais na sede da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), ao tempo que recibiron un agasallo composto de distintos produtos locais. No municipio fonsagradino tamén puideron coñecer o traballo que está desenvolvendo un apicultor que se está pasando á produción ecolóxica.

Conclusións e plans de futuro

Meira foi a última parada dos técnicos dos GDR polacos e dos equipos técnicos dos GDR lugueses. Logo de seren recibidos no Concello polo alcalde meiregoAntonio de Dios, levaron a cabo unha proveitosa sesión de traballo. Na mesma tiráronse varias conclusións do que significaron estas xornadas na Mariña e na Montaña, ao tempo que tamén se trazaron plans de futuro, xa que a cooperación entre os cincos GDR seguirá nos próximos meses. A xornada completouse pola tarde cunha visita guiada a Meira.

Visita de tres GDR e apicultores polacos á Montaña

Feira do Mel da Montaña

Esta actividade cos GDR polacos e o das Terras de Miranda está encadrada dentro da Feira do Mel da Montaña, que chega á súa sexta edición este ano e cuxos días centrais se celebrarán en Baleira os vindeiros venres 20 e sábado 21 de outubro. O programa do venres arrincará cunha xornada técnica, a partir das 16 horas, na que os asistentes aprenderán a catar e a conservar o mel. Tamén haberá un obradoiro de conservas con mel. Máis tarde, desde as 20 horas, terá lugar un magosto popular con castañas, outras larpeiradas e música.

sábado 21 é o día onde se desenvolve a feira, que se abrirá ás 10 da mañá e contará con múltiples actividades e cos postos de venda e exposición dos apicultores da montaña. Ás 11 levarase a cabo unha cata, ás 12 do mediodía será a quenda para as músicas do ciclo do ano e ás 13 horas haberá unha degustación da cociña de Ancares-Terras de Burón. Pecharase a feira coa entrega de premios do II Concurso de Mel de Montaña, o sorteo do Pasaporte Gastronómico Ancares – Terras de Burón e música popular.

Cartel da Feira do Mel da Montaña do ano 2023 deseñado por Carlota López Rego, alumna do Ceip Plurilingüe Santa María da Fonsagrada

Aberto o prazo para ser expositores

Aqueles produtores e produtoras de mel ou produtos artesanais e gastronómicos interesados en participar na sexta Feira do Mel da Montaña poden anotarse aínda chamando aos teléfonos 982.35.52.90 ou 659.27.57.43.

Andaina de interpretación ambiental

O programa desta sexta edición da Feira do Mel de Montaña pecharase a tarde do sábado 21, a partir das 16 horas, cunha andaina de interpretación ambiental pola fraga da Marronda. Os participantes farán unha ruta circular duns seis ou sete quilómetros por un espazo dunha beleza espectacular e no que coñecerán a súa flora.

2º Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense

Mel da montaña lucense

A Asociación Montes e Vales Orientais, vén de convocar a segunda edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, para seleccionar os dous mellores meles da montaña do ano 2023.

Convocatoria ao Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense

No marco da VI Feira do Mel da Montaña que se vai celebrar en Baleira os vindeiros días 20 e 21 de outubro, queremos convidar a participar neste concurso a todas as persoas apicultoras que produzan mel nalgún dos 14 municipios que forman parte do ámbito de actuación do GDR Montes e Vales Orientais ou do Xeodestino Ancares Terras de Burón:

  • Baleira
  • Baralla
  • Becerreá
  • Cervantes
  • A Fonsagrada
  • Láncara
  • Meira
  • Navia de Suarna
  • Negueira de Muñiz
  • As Nogais
  • Pedrafita do Cebreiro
  • Pol
  • A Pontenova
  • Ribeira de Piquín

Podes descargar as bases legais e toda a información do concurso aquí.

Premio á Mellor Mel da Montaña Lucense

Entregarase un diploma que acredite ao gañador ou gañadora do primeiro e segundo premio do Concurso, e tamén se lles entregará un trofeo. Ademais, as persoas produtoras que resulten gañadoras terán o dereito a facer uso de dito recoñecemento na súa promoción como produtores de mel.

Resumo dos requisitos para participar

  1. Cumprir cas bases legais que podes descargar aquí.
  2. Poderán participar apicultoras e apicultores individuaris ou asociados con mel de abella que cumpla coa norma de calidade relativa ao mel que está vixente.
  3. Enviar as mostras necesarias para participar antes do 20 de outubro de 2023 as 12 h. do mediodía.
  4. Enviaranse como mostra 2 tarros de 500 gramos, un deles etiquetado e outro sen etiquetar.
  5. O mel ten que ser da colleita de 2023 en calquera dos municipios mencionados anteriormente.
  6. Os envases deben ser de vidrio.
  7. Cubrir a folla de inscrición ao concurso.

Como participar?

Para participar é preciso entregar as mostras persoalmente ou facer que cheguen por correo postal ao enderezo da nosa asociación nos prazos indicados:
Asociación Montes e Vales Orientais
Casa do Concello de Baleira – Planta Baixa
Rúa Dr. Escobar s/n 27130 Baleira – Lugo

Data límite de recepción de mostras: 12 da mañá do venres 20 de outubro de 2023.

O sector vitivinícola como impulso da cultura, a economía e o turismo do territorio

Xornada divulgativa no pazo de San Marcos de Lugo no que se presentou o proxecto do Tunel de Viños, unha iniciativa subvencionada pola Cooperación LEADER na que participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)

Esta martes participamos no Pazo de San Marcos de Lugo nunha xornada divulgativa na que se presentou o proxecto do Túnel de Viños, unha iniciativa subvencionada pola Cooperación LEADER na que participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de toda Galicia e que ten por obxectivo dar a coñecer os viños de diferentes Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), poñer en marcha un polígono vitivinícola en cada territorio e potenciar o enoturismo.

No acto, celebrado na sala de exposicións da sede da Deputación de Lugo, estivo presente a nosa xerente, Fe Álvarez, acompañada do deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; do concelleiro de Cultura da FonsagradaSilbán Rodríguez Palmeiro; de Manuel, en representación do Concello de Navia de Suarna; e as adegueiras de Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. Esta xornada divulgativa contou cunha clase maxistral pola mañá, a cargo dos expertos enólogos Luis e Alejandro Paadín, mentres que os asistentes puideron desfrutar na sesión vespertina dunha cata dirixida por Martiño Santos.

Xornada divulgativa no pazo de San Marcos de Lugo no que se presentou o proxecto do Tunel de Viños, unha iniciativa subvencionada pola Cooperación LEADER na que participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)

Dar a coñecer os viños da IXP Terras do Navia

Este proxecto do Túnel de Viños e as actividades que leva aparelladas buscan acadar un obxectivo triplo. Por un lado, o primeiro é dar a coñecer os diferentes viños que se producen nos territorios participantes. No noso caso trátase das variedades incluídas na IXP Terras do Navia e que se cultivan nos concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna. Concretamente son o albariño, caíño branco, loureira, godello e torrontés, no referente aos brancos; e o albarín tinto, mencía, brancellao, merenzao, caíño tinto e loureiro, respecto aos tintos.

Mobilización de terras para facer polígonos vitivinícolas

segunda liña de traballo deste proxecto cooperativo é conseguir a mobilización de terras para intentar que en cada territorio se faga un polígono vitivinícola, o que axudaría a crear riqueza nas respectivas zonas e tamén postos de traballo.

O viño como un reclamo para atraer un turismo de calidade e sostible

Finalmente, o terceiro obxectivo é potenciar o enoturismo, é dicir, o turismo ligado ao viño. A IXP Terras do Navia parte con vantaxe neste tema, xa que conta cun potencial moi grande para desenvolver actividades relacionadas co enoturismo nun territorio no que hai dúas Reservas da Biosfera, así como varios espazos protexidos pola Rede Natura 2000. Esta meta tamén serviría para poñer en valor a cultura vitivinícola dos Montes e Vales Orientais buscando un turismo de proximidade, de calidade, non masificado e totalmente sostible.

Xornada divulgativa no pazo de San Marcos de Lugo no que se presentou o proxecto do Tunel de Viños, unha iniciativa subvencionada pola Cooperación LEADER na que participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)

Éxito de participación na primeira xornada de traballo para elaborar os proxectos piloto de ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón’

Primeira xornada de traballo para elaborar os proxectos piloto de 'A Despensa de Ancares-Terras de Burón'

A primeira das tres xornadas de traballo dirixidas a rematar de deseñar os primeiros proxectos piloto de ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón’ foi un auténtico éxito de participación.

A Casa do Concello de Baleira reuniu na tarde do xoves 28 de setembro a dúas decenas de hostaleiros e produtores do territorio interesados en participar nesta iniciativa que impulsamos o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego dá Montaña.

O seu obxectivo é tender pontes entre o sector turístico e o agroalimentario para tecer unha rede colaborativa e incorporar os alimentos que se producen na zona, tales como pratos xa cociñados, conservas, embutidos ou bebidas, aos establecementos turísticos que non dispoñen de cociña nas súas instalacións.

Os participantes na xornada celebrada en Baleira intercambiaron os seus puntos de vista e as súas necesidades nunha cita moi enriquecedora para hostaleiros e produtores. Fe Álvarez, xerente do GDR, valora moi positivamente a resposta dos dous sectores. “A xente amosouse moi interesada neste proxecto e atopámonos cun grupo fantástico, traballador e moi colaborador. Grazas á boa disposición dos participantes, avanzouse moito neste proxecto novo. Hai que ser conscientes de que leva tempo botalo a andar, pero creo que estamos no camiño correcto”, explica.

Primeira xornada de traballo para elaborar os proxectos piloto de 'A Despensa de Ancares-Terras de Burón'

Nunha sesión de traballo que se alongou varias horas e na que xa se planificou unha nova reunión para dentro de tres semanas, hostaleiros, produtores e organizadores desenvolveron varios puntos. Houbo unha primeira parte a nivel técnico e logo foi a quenda de escoitar as aportacións das persoas asistentes.

Traballouse moito na cuestión de como se debe levar a cabo a loxística desta iniciativa a nivel organizativo, buscando solucións a problemas como a dispersión xeográfica ou a xestión de produtos perecedeiros. Así mesmo, falouse do expositor de ‘A Despensa de Ancares-Terras de Burón’. É dicir, dos deseños que se van facer para sinalar en cada establecemento hostaleiro o recuncho físico no que van estar, por unha banda, os produtos non perecedoiros (viño, cervexa, mel, marmeladas etc.) e, pola outra, o frigorífico no que estarán os produtos xa cociñados. A loxística e o empreazamento dos produtos nos establecementos, son puntos clave para seguir avanzando.

Esta acción enmárcase nunha das liñas estratéxicas para o noso GDR, no que tamén xestionamos o Xeodestino Ancares – Terras de Burón: ligar gastronomía e territorio. Así, os produtos de ‘A Despensa de Ancares – Terras de Burón’  poden ir acompañados dunhas fichas que conten a historia do territorio para así darlle valor ao mesmo.

Iniciativa aínda aberta a incorporacións

Desde o GDR Montes e Vales Orientais recalcamos que este iniciativa aínda segue aberta para que máis hostaleiros e produtores locais se sumen á mesma. “Estamos moi contentos porque a convocatoria foi un éxito e xa temos apuntados no proxecto a 23 hostaleiros interesados e tamén a moitos produtores como a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), Ribeiregas, varios apicultores e distintas adegas vitivinícolas asentadas no territorio. Así mesmo, animamos a que se unan máis casas de turismo rural, xa que hai produtos moi interesantes que poden contribuír co seu negocio”, conclúe Fe Álvarez.

Primeira xornada de traballo para elaborar os proxectos piloto de 'A Despensa de Ancares-Terras de Burón'

Estratexia de Desenvolvemento Local

Cartel da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa do GDR Montes e Vales Orientais

Desde o GDR Montes e Vales Orientais, vimos de presentar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa. Un documento que se traballou xunto aos axentes do territorio, para marcar os obxectivos e as liñas estratéxicas que marcarán as accións dos próximos anos (2023-2027) en canto a desenvolvemento local.

Xa podes descargar aquí a estratexia completa ou un resumo da mesma:

Obxectivos xerais

Na Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Montes e Vales Orientais, establécense sete obxectivos fundamentais:

– Promover a multifuncionalidade do sector primario e do monte, a mobilidade de terra e o incremento de renda.
– Fortalecer sector agroindustrial do produto local / estratexia ‘da Granxa á mesa’.
– Ecoturismo baseado en pequenos negocios, para un destino diferencial.
– Apoiar servizos innovadores, cooperando e usando as novas tecnoloxías.
– Mellorar a vida no rural con novos servizos e coidado de persoas desfavorecidas.
– Revitalización rural: Rehabilitar espazos e patrimonio para residencia e traballo colaborativo.
– Formación, asesoramento e innovación para o desenvolvemento sustentable e a valorización dos recursos.

Liñas estratéxicas

As liñas estratéxicas de traballo para o periodo 2023-2027 son:

– SECTOR PRIMARIO. Multifuncionalidade. Social. Económico e ambiental.
– SECTOR AGROALIMENTARIO. Produto local.
– ECOTURISMO. Espazos naturais, turismo de natureza.
– SERVIZOS INNOVADORES. Redes de colaboración, novas tecnoloxías
– SERVIZOS SOCIAIS. Calidade de vida, envellecemento activo, persoas vulnerables.
– LOITA CONTRA A DESPOBOACION. Vivendas, espazos de traballo, uso patrimonio.
– FORMACION. Liderar innovación, acceso a financiamento e valorización de recursos.

Consulta toda a información sobre o territorio e a estratexia, nos botóns de descarga que hai ao inicio deste artigo.