
Casa Albaredo, en Brañas (Pedrafita do Cebreiro), acolleu os días 12 e 13 de setembro unha formación práctica centrada no valor dos bosques e nas posibilidades que ofrecen os espazos naturais para o benestar e o desenvolvemento de novas experiencias turísticas.
Unha formación con participantes de diferentes territorios
A actividade tivo unha excelente resposta e reuniu persoas vinculadas ao sector procedentes de diferentes concellos do territorio, así como participantes chegados de A Coruña, Oviedo e O Bierzo. A elevada participación puxo de manifesto o interese por propostas que conectan natureza, benestar e turismo.

Natureza, neurociencia e terapia forestal
A formación foi impartida por Alfonso Polvorinos, biólogo especialista en conexión coa natureza e autor de Neuronaturaleza, e Soraya Manzano, especialista en Terapia Forestal, que guiaron as persoas participantes ao longo de dúas xornadas nas que teoría e práctica estiveron estreitamente ligadas.
Os contidos abordaron a relación entre natureza e neurociencia, o valor dos bosques e os seus diferentes elementos terapéuticos, así como as posibilidades que ofrece o turismo de benestar na natureza. O obxectivo foi comprender como os espazos forestais poden converterse en escenarios para experiencias que favorezan a conexión coa contorna e o benestar das persoas.
Experimentar o bosque a través dos sentidos
A parte práctica permitiu trasladar estes coñecementos ao propio territorio. As persoas participantes realizaron actividades de interpretación da paisaxe, aprendendo a identificar e comprender aqueles elementos naturais que poden formar parte dunha experiencia de benestar; un paseo sensorial forestal, no que se traballou a conexión coa contorna a través dos sentidos; e, finalmente, un baño de bosque guiado, unha experiencia inmersiva que permitiu experimentar directamente esta práctica de Terapia Forestal.
As diferentes actividades serviron así para coñecer e experimentar os bosques desde unha perspectiva diferente, identificando os seus recursos e elementos terapéuticos e as posibilidades que poden ofrecer para a creación de novas experiencias vinculadas ao turismo de benestar.
Ao remate da formación, as persoas participantes recibiron diplomas acreditativos da súa participación, como peche de dúas xornadas de aprendizaxe e experimentación no medio natural.

Unha oportunidade para o turismo de benestar no territorio
O encontro serviu tamén para poñer sobre a mesa o potencial dos recursos naturais do Xeodestino Ancares-Terras de Burón para desenvolver novas propostas turísticas vinculadas ao benestar. Os seus bosques, paisaxes e espazos naturais ofrecen posibilidades que van máis alá da súa función como recurso turístico e que poden converterse en escenarios para experiencias relacionadas co descanso, a conexión coa natureza e o coidado persoal.
A presenza de participantes procedentes de diferentes puntos de Galicia, Asturias e O Bierzo contribuíu, ademais, a crear un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias arredor deste ámbito.
Desde o GDR Montes e Vales Orientais, como entidade xestora do Xeodestino Ancares-Terras de Burón, valoramos moi positivamente o desenvolvemento desta formación e a resposta recibida. A participación acadada e o interese mostrado durante as xornadas reforzan a importancia de seguir explorando novas formas de poñer en valor os recursos naturais do territorio e xerar oportunidades arredor dun turismo ligado á natureza e ao benestar.
As xornadas deixan novas aprendizaxes e posibilidades para continuar traballando na creación de experiencias que permitan descubrir o territorio desde outras perspectivas.




