
A gastronomía e os produtos locais son tamén unha parte fundamental da identidade do territorio. Neste marco, o GDR Montes e Vales Orientais colaborou na III Degustación de Troitas Ribeiregas, organizada polo Concello de Ribeira de Piquín e celebrada o pasado 31 de xullo no Chao de Pousadoiro.
A iniciativa reuniu veciñanza e visitantes arredor dun produto estreitamente vinculado ao territorio: a troita, protagonista dunha proposta gastronómica que permitiu descubrir novas formas de poñer en valor este recurso.
Entre as elaboracións ofrecidas durante a xornada destacou a paella con troita asalmonada e porco celta, unha combinación de produtos que pon o foco na riqueza e na diversidade da gastronomía local.

A degustación converteuse así nun punto de encontro arredor da gastronomía, pero tamén nunha oportunidade para reivindicar os produtos e recursos propios e a súa capacidade para xerar actividade e dinamizar o medio rural.
Desde o GDR Montes e Vales Orientais apostamos pola colaboración con entidades e iniciativas do territorio que contribúen a visibilizar os seus recursos, fortalecer a identidade local e crear novas oportunidades arredor da produción e da gastronomía de proximidade. A III Degustación de Troitas Ribeiregas é un exemplo de como unha proposta gastronómica pode servir tamén para dar a coñecer o territorio e poñer en valor produtos ligados á súa identidade.





