
O Xeodestino Ancares Terras de Burón continúa avanzando no seu compromiso cun modelo turístico sostible, responsable e ligado á conservación da natureza. Actualmente, o territorio conta con 12 empresas certificadas coa marca Soy Ecoturista un recoñecemento que avala o seu compromiso co patrimonio natural e cultural, así como coa mellora continua da súa actividade.
Esta certificación forma parte do Club de Producto Soy Ecoturista da Asociación de Ecoturismo de España, unha iniciativa que reúne espazos naturais protexidos e empresas turísticas que traballan baixo criterios de sustentabilidade, conservación e desenvolvemento local.
Un destino de referencia en Galicia
Ancares Terras de Burón foi o primeiro destino certificado de ecoturismo da provincia de Lugo e un dos primeiros de Galicia en incorporarse á rede Soy Ecoturista. Este recoñecemento supuxo un importante paso adiante para o territorio, ao situar a conservación da natureza e a implicación da comunidade local no centro da súa proposta turística.
A certificación abrangue empresas de distintos ámbitos: aloxamentos rurais, actividades na natureza, turismo activo, axencias de viaxes e experiencias vinculadas ao patrimonio cultural e ambiental e á gastronomía local.
As empresas certificadas entre 2025 e o que vai de 2026
Na actualidade forman parte da rede de empresas certificadas do destino Ancares Terras de Burón.
Na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, reserva xestionada pola Deputación de Lugo, certificáronse 9 empresas:
- Naviaventours, viaxes con esencia: axencia de viaxes – Navia de Suarna
- Casa do Bico: aloxamento – Becerreá
- Equusfera – A Fonsagrada
- Hotel Piornedo: aloxamento – Cervantes
- Casa O Crego: aloxamento – Cervantes
- Cabanas de Ancares: aloxamento – Cervantes
- Volta Montana: axencia de viaxes e actividades de ecoturismo – Pontevedra
- Coureleando: actividades- O Courel
- Pía Paxaro, sendeiros da natureza- O Courel

Na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras do Burón, reserva xestionada pola Xunta de Galicia, certificáronse 3 empresas ata o momento:
- Sons do Eo: apartamentos turísticos – Baleira.
- Tirolina das Minas: actividades – A Pontenova.
- Casona de Labrada: restaurante, aloxamento e actividades – A Pontenova.
Cada unha delas achega unha visión propia do territorio e contribúe a ofrecer experiencias auténticas, vinculadas á natureza, á cultura local e á identidade da montaña.
Que significa ser unha empresa ecoturista?
Obter a certificación Soy Ecoturista vai moito máis alá de cumprir unha serie de requisitos administrativos.
As empresas participantes deben desenvolver un plan de mellora ou unha actuación concreta de contribución ao territorio, vinculada á conservación da natureza, á sensibilización ambiental, á recuperación do patrimonio ou á promoción dos valores do espazo natural protexido no que operan.
Isto tradúcese en accións reais e medibles que permiten que a actividade turística teña un impacto positivo sobre o territorio. Desde a recuperación de hábitats e a plantación de especies autóctonas ata actividades de educación ambiental, interpretación da natureza ou posta en valor da cultura local, cada empresa achega a súa propia contribución.
O resultado é unha rede de negocios que non só reciben visitantes, senón que tamén participan activamente na conservación e valorización do territorio.
Turismo que contribúe a conservar
O ecoturismo baséase nunha idea sinxela: viaxar pode ser tamén unha forma de conservar.
Ao escoller empresas comprometidas co territorio, os visitantes contribúen á economía local, apoian proxectos sostibles e participan nun modelo turístico que respecta os recursos naturais e culturais.
No caso de Ancares Terras de Burón, este enfoque cobra especial relevancia. O territorio abrangue tres Reservas da Biosfera –Os Ancares Lucenses, Río Eo, Oscos e Terras de Burón e Terras do Miño– e conta cun patrimonio natural e cultural excepcional que require dunha xestión responsable e dun turismo compatible coa súa conservación.
A certificación destas empresas é tamén o resultado dun proceso de acompañamento impulsado polo GDR Montes e Vales Orientais, entidade xestora do Xeodestino, en colaboración coas empresas participantes e cos espazos naturais protexidos do territorio.
O obxectivo é seguir fortalecendo unha rede de iniciativas que demostran que é posible crear oportunidades económicas no rural ao tempo que se protexe o patrimonio natural e cultural.
Para o que vai de 2026, 12 empresas máis das tres reservas están adiantando o proceso de adhesión ao Club e estas empresas están a piques de certificarse. Tamén se van incorporar empresas da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Así, empresas das tres reservas do xeodestino certifícanse e ofrecen auténticas experiencias de ecoturismo no territorio.
Porque o ecoturismo non consiste só en visitar un lugar. Consiste en coñecelo, valoralo e contribuír a que siga sendo un territorio vivo para as xeracións futuras.
Descubre as empresas ecoturistas de Ancares Terras de Burón e as experiencias que ofrecen en: Soy Ecoturista.




