Participantes na xornada de portas abertas celebrada na Escola do Maior da Asociación de Carballido de Servizos Sociais (Acarserso) para presentar o proxecto piloto de videoasistencia para maiores de 65 anos aos familiares destes usuarios

A Escola do Maior da Asociación de Carballido de Servizos Sociais (Acarserso), na Fonsagrada, acolleu este mércores 18 de xuño pola mañá unha ‘Xornada de Portas Abertas no Corazón da Montaña’ que serviu para dar a coñecer o servizo de videoasistencia sociosanitaria para maiores de 65 anos, unha iniciativa que impulsan a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais. A mesma, que está incluída dentro da plataforma Aldeas Vivas, que forma parte do proxecto global Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, xa se iniciou no último trimestre do pasado ano en Ribeira de Piquín e pouco a pouco foise estendendo con grandes resultados ao resto de concellos do territorio que abrangue o GDR.

Nesta iniciativa son un total de 30 os usuarios dos concellos de Becerreá, A Fonsagrada e Ribeira de Piquín que xa recibiron e traballan cun dispositivo electrónico -unha tablet- logo das sesións de formación que recibiron. A eles uníronselle tamén veciños de Navia de Suarna e A Pontenova, concellos nos que a administración local se encarga de xestionar este servizo. A tablet que recibiron dálles compañía grazas ás distintas ferramentas de estimulación cognitiva que trae incorporadas, xa que poden realizar puzles, pasatempos, xogar ou escoitar música, ao tempo que tamén lles axuda a pedir cita no centro de saúde e a estar en contacto co seu médico.

Na xornada desenvolvida na Escola do Maior de Carballido interviñeron en primeiro lugar representantes dos organismos que impulsan esta iniciativa. Deste xeito, tomaron a palabra o presidente da Asociación Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; a xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fé Álvarez; María Lamelas, que foi a encargada de presentar o proxecto; e Pedro Penelo, presidente de Acarserso, a asociación que exerceu de anfitrioa.

Posteriormente foi a quenda para Jorge Caleya, de Zwit Proyect, a empresa que puxo en marcha a aplicación de videoasistencia da que xa están desfrutando os usuarios e fixo incluso unha proba en directo con tres deles. Tratouse de José Rico, Celia Gómez e Pedro Méndez, que estiveron acompañados tamén polos outros 12 usuarios desta Escola do Maior de Carballido. Estes tres usuarios, coa axuda de Paola C. Avella, técnica do proxecto, e Mari Carmen Carricajo, traballadora social e directora do Fogar de Día de Ribeira de Piquín, amosaron o avance que xa fixeron nestes meses co uso da tablet e as vantaxes que ten para eles dispoñer desta ferramenta. “Queríamos compartir con todos los familiares el trabajo que estamos realizando con estas personas mayores de 65 años y que vean las cosas positivas que les va a aportar esta iniciativa a sus seres queridos. Para ello les hemos entrega un documento a los familiares con los pasos que hemos ido dando. Que hayamos conseguido este número de usuarios en una zona tan alejada es una muy buena noticia”, señala Paola C. Avella, técnica del proyecto.

Pasos dados

O traballo destes meses incluíu unha primeira fase de preparación, na que foron seleccionados os potenciais usuarios e se recolleron datos sobre eles para asignarlles un nivel de coñecemento (básico, medio, avanzado, sénior,…) en función das súas destrezas informáticas. Logo procedeuse á fase de formación, na que os usuarios se familiarizaron coa tablet e as súas ferramentas a través de sesión presenciais, que eran grupais, e virtuais, que xa eran máis individuais. Así mesmo, no documento que recibiron as familias ían unha serie de consellos útiles para acompañar aos seus parentes neste proceso de coñecemento.

A xornada rematou cun xantar e coa intervención de Román Sánchez , xerente de A Carqueixa, que avanzou outra nova iniciativa que van poñer en marcha con estes usuarios e que consiste en desenvolver unha oferta de servizos a través dunha marketplace (plataforma online). “El del marketplace es un proyecto de movilidad sostenible con productos locales. Vamos a poner en marcha una plataforma en la que los usuarios no podrán comprar en línea, pero si tener acceso y comunicación con los proveedores de la zona para que puedan adquirir productos y servicios existentes en el territorio: cuidados, limpieza, maquinaria, comida, entre otros servicios. La idea es que ellos puedan tener acceso a conocer esos productores cercanos y que estos les puedan acercar estos servicios o bienes”, explica Paola C. Avella.

Recommended Posts