
O emprendemento feminino é unha peza fundamental para o desenvolvemento do rural. Detrás de cada novo negocio, de cada iniciativa empresarial e de cada proxecto que comeza hai mulleres que deciden apostar polo seu territorio, crear actividade económica e contribuír a construír o seu futuro.
Con motivo do Día Internacional da Muller Emprendedora, desde o GDR Montes e Vales Orientais queremos dar visibilidade a nove proxectos impulsados por mulleres en sete concellos do noso territorio a través das axudas LEADER. Son iniciativas moi diferentes entre si, tanto pola súa actividade como polos servizos que ofrecen, pero todas teñen algo en común: a vontade de emprender e desenvolver un proxecto profesional no rural.
Nove proxectos, moitas formas de emprender
Sara Fernández | Campamento turístico en Coea, Navia de Suarna
O seu proxecto consiste na construción dun campamento turístico formado por dez cabanas de madeira e unha edificación destinada a servizos, ampliando así a oferta de aloxamento no territorio.

Lucía López | Rehabilitación dunha palloza para agroturismo en A Sendiña, A Fonsagrada
A recuperación dunha construción tradicional convértese nunha oportunidade para crear un novo aloxamento de agroturismo e poñer en valor o patrimonio arquitectónico e cultural da zona.

Laura Lledín | Reforma e acondicionamento dunha adega en Negueira de Muñiz
O proxecto contempla a reforma interior dunha adega na que se realizarán catas dos seus propios viños e de produtos locais, obradoiros, visitas guiadas ás viñas e outras actividades vinculadas á viticultura.

Montserrat Méndez | Pensión Casa Patorno en A Fonsagrada
A rehabilitación dunha edificación permitirá crear unha pensión dunha estrela con oito apartamentos, dous deles adaptados, e capacidade para 31 persoas, incorporando novos servizos á oferta de aloxamento da localidade.

Alejandra Fernández | Punto de atención ao sendeirista e tenda de produtos básicos na Campa da Braña, Cervantes
Un espazo pensado para atender sendeiristas, visitantes e montañeiros, ofrecer información sobre rutas e dispoñer dunha pequena tenda con produtos básicos para a montaña.

María del Mar Labrada e Tamara Fernández | Mellora da eficiencia enerxética de Gandería Palmeiro, SC, en Ventín, Pol
A iniciativa aposta pola modernización da explotación gandeira mediante a instalación de placas fotovoltaicas e a adquisición dun tanque de arrefriamento máis eficiente. O obxectivo é reducir o consumo enerxético, diminuír a pegada de carbono e avanzar cara a unha maior autonomía produtiva.

Leticia Gutiérrez | Centro de actividade integral e ocio activo en Baralla
Un proxecto orientado á creación dun ximnasio moderno que combinará programas de saúde con actividades lúdico-deportivas complementarias, ampliando a oferta de servizos para a poboación.

Lucía Mera | Fogar residencial San José en A Fonsagrada
A iniciativa contempla a creación dunha nova residencia para persoas maiores, con 22 prazas e un servizo de integración social dirixido tamén a residentes con problemas de saúde mental. Trátase dun novo paso nun proxecto empresarial que xa conta cunha primeira residencia.
Para facer realidade esta nova iniciativa, Lucía contará cun local cedido polos seus pais, un apoio familiar que ela agradece especialmente e que pon de manifesto a importancia dos vínculos e da colaboración familiar á hora de impulsar novos proxectos no rural.

Nuria Miranda | Clínica dental en Meira
A apertura dunha clínica dental integral permitirá ofrecer servizos de odontoloxía xeral e atención orientada á prevención e ao coidado da saúde bucodental.

Emprender tamén é construír futuro
Desde o turismo ata a viticultura, pasando pola gandería, os servizos deportivos, a atención ás persoas maiores ou a saúde, estes nove proxectos amosan a diversidade de oportunidades que existen no rural.
Son exemplos de mulleres que transforman ideas en iniciativas concretas, crean novos servizos e contribúen á actividade económica e social dos seus concellos.
A través das axudas LEADER, o GDR Montes e Vales Orientais apoia iniciativas que contribúen ao desenvolvemento do territorio e que permiten que novos proxectos empresariais poidan facerse realidade.
Neste 19 de novembro, queremos recoñecer o traballo e a iniciativa de todas esas mulleres que apostan por emprender no rural e que, co seu esforzo diario, tamén están a construír o futuro das nosas aldeas e vilas.




