
A Casa do Cazador de Negueira de Muñiz acolleu este luns, 13 de xullo, a quinta e última xornada de presentación das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, un proxecto de cooperación que durante os meses de xuño e xullo percorreu os cinco territorios vitivinícolas amparados polas Indicacións Xeográficas Protexidas galegas.
Nesta ocasión foi a quenda da IXP Terras do Navia, coa presentación da Ruta dos Viños entre Montañas, un itinerario que convida a descubrir un territorio no que a viticultura de montaña, a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía conforman unha experiencia enoturística singular.

A xornada contou coa asistencia do alcalde de Navia de Suarna, José Fernández; do concelleiro de Obras de Navia de Suarna, Jorge Eugenio Rodríguez; do alcalde de Cervantes, Benigno Gómez; da concelleira de Negueira de Muñiz, Raquel Díaz Barcia; do alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López, ademais do equipo técnico do GDR e representantes do sector vitivinícola, turístico e doutras entidades participantes no proxecto.

Como non podía ser doutra maneira, na xornada tamén participaron as adegas Bodega da Señora, Adega Sidrón, Adega Panchín, Adega Cancelada e Adega Vizcaín, que presentaron os seus proxectos e os viños que elaboran nas Terras do Navia. O seu traballo exemplifica unha viticultura de montaña fortemente ligada ao territorio, ás variedades tradicionais e á conservación da paisaxe, converténdose nunha peza fundamental desta proposta enoturística. Durante a sesión destacouse o potencial da viticultura de montaña como elemento diferenciador das Terras do Navia e o papel que o enoturismo pode desempeñar na dinamización económica do rural e na promoción dos produtos locais.
O antropólogo Rafael Quintía foi o encargado de presentar a Ruta dos Viños entre Montañas, mentres que o sumiller Luis Paadín dirixiu unha cata comentada na que as persoas asistentes puideron coñecer as características dos viños elaborados polas adegas da IXP Terras do Navia.

A programación completouse cunha visita guiada por parte do itinerario enoturístico e unha nova cata comentada, permitindo descubrir sobre o terreo os recursos naturais, patrimoniais e vitivinícolas que forman parte desta proposta.
O GDR Montes e Vales Orientais participa neste proxecto de cooperación xunto aos GDR Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Adercou e Salnés-Ulla-Umia, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia. A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención LEADER do PEPAC 2023-2027 e conta co financiamento do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).




