
A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), vén de publicar unha nova convocatoria de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes, unha medida clave para mellorar as condicións de habitabilidade e contribuír á fixación de poboación no territorio.
En que consisten as axudas?
Estas subvencións cobren ata o 75 % do custo das actuacións, cun máximo de 30.000 euros por vivenda, e están dirixidas a diferentes tipos de intervencións, entre as que se inclúen:
- Rehabilitación xeral da vivenda (cubertas, forxados, accesibilidade).
- Mellora da eficiencia enerxética.
- Actuacións de protección fronte ao gas radón.
- Terminación, ampliación ou adaptación de inmobles.
- Cambio de uso de locais ou entreplantas para convertelos en vivendas.
Quen pode solicitalo?
As axudas están pensadas para:
- Uso propio: persoas propietarias ou usufructuarias con ingresos inferiores a 6,5 veces o IPREM.
- Alugueiro: sen límite de ingresos, cun máximo de 3 vivendas por persoa, coa obriga de destinar a vivenda ao programa Fogar Vivo, que garante alugueiros a prezo limitado durante un mínimo de 5 anos.
Onde e cando se poden solicitar?
Estas axudas están dispoñibles en concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, segundo a listaxe do IGE 2025.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 21 de xaneiro ao 1 de setembro de 2026, ou ata o esgotamento do orzamento dispoñible (5 millóns de euros).
Como presentar a solicitude?
A tramitación realizarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, co código de procedemento VI435E. Será necesario achegar, entre outra documentación:
- Memoria das obras previstas
- Fotografías do estado actual da vivenda
- Licenza municipal ou autorización correspondente
- Declaracións responsables
As bases completas poden consultarse no DOG do 13 de xaneiro de 2026.
Desde o GDR Montes e Vales Orientais animamos ás persoas propietarias de vivendas no noso territorio a informarse sobre esta convocatoria. Trátase dunha oportunidade importante para rehabilitar vivendas, poñelas en uso e contribuír a revitalizar o rural.




