
O Concello de Meira acolleu recentemente as Xornadas de Dinamización da Lingua Castelá para a Inserción Social e Laboral, unha formación de 20 horas organizada no marco do Proxecto Piloto de Voluntariado Intercultural impulsado polo GDR-3 Montes e Vales Orientais, en colaboración co Equipo Comarcal de Inclusión Sociolaboral de O Corgo e o propio concello.
Este proxecto nace coa vontade de favorecer a integración das persoas migrantes, ofrecéndolles ferramentas reais para mellorar a súa vida diaria e ampliar as súas posibilidades de inserción laboral. Nun territorio como o noso, onde as comunidades son pequenas e o trato humano é clave, dominar o idioma convértese nun paso esencial para poder relacionarse, atopar emprego e sentirse parte da veciñanza.
Un espazo de aprendizaxe, apoio e convivencia
Durante as 10 sesións da actividade, a aula en Meira converteuse nun espazo de encontro entre persoas procedentes principalmente de Marrocos e Senegal, grupos que adoitan atopar máis barreiras á integración social.
As clases foron impartidas por Elisa Río Conde, profesora de Lingua Castelá no IES Pedregal de Irimia e voluntaria da Rede de Mulleres do Territorio, no que participa ao ser xerente de turismo rural e actividades culturais. Aínda que era a primeira vez que ensinaba a persoas adultas, Elisa destaca que foi unha experiencia novidosa, enriquecedora e profundamente humana. Puxo a disposición do grupo o seu tempo, a súa experiencia e toda a súa sensibilidade pedagóxica. A súa implicación foi fundamental para crear unha metodoloxía práctica, fluída e dinámica, centrada en aumentar a confianza co idioma e facilitar o uso do castelán en situacións cotiás e laborais.
O grupo asistiu con plena regularidade e unha implicación admirable. Segundo explica Elisa, a dinámica centrouse nun enfoque práctico da lingua:
- Uso das preposicións e aspectos básicos do verbo.
- Breves explicacións teóricas.
- Moito exercicio práctico e conversación real.
Un formato pensado para que o alumnado gañase confianza, perdese o medo a expresarse e adquirise ferramentas útiles para a súa vida diaria.
Un dos aspectos máis valorados foi a conciliación familiar: moitas mulleres —maioría no grupo— puideron asistir acompañadas dos seus fillos, algo que resultou clave para garantir a súa participación continua.
Un exemplo de boa práctica que queremos seguir impulsando
Dende o GDR3 destacamos o compromiso das persoas participantes, que mostraron gran motivación, constancia e agradecemento. Para moitas delas, este curso supuxo un paso real cara a unha mellor integración, mellorando a comunicación, gañando autonomía e sentíndose máis acompañadas no proceso.
Na entrega de certificados de participación, celebrada o pasado día 5 de decembro, participaron o Tenente Alcalde de Meira, representantes do GDR3, así como profesionais do Equipo Comarcal de Inclusión Sociolaboral, recoñecendo o esforzo de todas as persoas implicadas.
Estas xornadas son unha mostra do valor do voluntariado, da colaboración institucional e da forza das comunidades locais. Esta experiencia non só reforza a utilidade deste tipo de iniciativas, senón que abre a porta a novos encontros interculturais, como intercambios gastronómicos ou actividades colaborativas que permitan seguir tecendo comunidade.
Un exemplo inspirador que agardamos seguir replicando no territorio, creando máis espazos de encontro que promovan inclusión, igualdade e convivencia.




