O pasado sábado, 7 de xuño de 2025, Navia de Suarna viviu unha das súas xornadas culturais máis especiais coa celebración do V Recital Poético Musical “SOS Castelo do Navia”, que nesta edición serviu de escenario para a inauguración do Parque da Poesía: un espazo público que xa garda nas súas chantos a voz de múltiples autores e autoras que medraron ou chegaron a este recuncho do país a través da palabra.

A mañá comezou cun paseo poético pola vila, durante o que se foron intercalando recitados con pequenas explicacións sobre o patrimonio local: o río, a ponte, as rúas empedradas e, sobre todo, o castelo de Navia, símbolo da identidade e da reivindicación cultural do territorio. Toño Núñez, presidente da Asociación Veciñal Irmandade Naviega, explica que lle outorgan o nome “SOS Castelo do Navia” ao recital para axudar a difundir a problemática existente co Castelo do Navia: “Canto máis soe e máis se fale del, mellor”, indica.

Ao rematar este percorrido, inaugurouse oficialmente o Parque da Poesía, unha iniciativa feita realidade grazas ao apoio do GDR Montes e Vales Orientais, que tamén colaborou na organización do encontro artístico que o acompaña. Cada poeta leu un poema diante dos chantos gravados e houbo actuación musical de “Cantareiras A.C Deiquí”. “Os poemas que se recitaron foron só os que aparecen nos chantos”, incidiu Toño.

Despois dun xantar colectivo, a poesía continuou na Casa Quiñones, un espazo enxebre e máxico onde o tradicional se mestura coa innovación, e onde tamén houbo música, presentacións e versos ao abrente.

Na volta a Navia, a xornada pechouse cun recital final coa participación de Mero, Paloma Suances e Tania Capón do grupo musical A Quenlla, así como doutras voces que fixeron desta edición unha das máis numerosas ata o momento.

Recommended Posts