As mulleres do territorio comparten unha xornada para traballar na elaboración da estratexia LEADER do GDR Montes e Vales Orientais

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais continúa traballando na consolidación dunha rede de mulleres no territorio a través de distintas actividades. Entre elas destacou a xornada de intercambio e convivencia dirixida a mulleres de todas as idades e sectores que se desenvolveu este pasado sábado 25 de marzo na Casa Chaín de Pol co obxectivo de buscar solucións e facer propostas para incentivar o emprendemento e que as mulleres elixan a Montaña Lucense para vivir e empezar unha carreira profesional ou empresarial.

Baixo o título ‘Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader’, esta actividade do GDR Montes e Vales Orientais ocupou todo un sábado con varias mesas de diálogo, tormentas de ideas e unha táboa redonda para extraer as conclusións finais, antes de facer unha visita cultural ao mosteiro de Meira, co que se pechou a xornada. Estas conclusións derivadas a partir das experiencias das mulleres participantes servirán para facer unha boa estratexia LEADER que apunte sobre as accións, liñas estratéxicas e tipos de proxectos que se deberían incentivar a través do GDR.

O evento arrincou cun café as dez da mañá que serviu de toma de contacto entre as participantes para posteriormente levarse a cabo a benvida oficial a cargo de Lourdes Abuide, propietaria da Casa Chaín; Fe Álvarez, xerente do GDR encargada de explicar o programa; e Verónica Marcos, presidenta en Galicia da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (FADEMUR), que contou a súa experiencia á fronte deste colectivo.

Mesas sectoriais

Durante tres horas desenvolvéronse as distintas mesas de diálogo sectoriais con diferentes e variadas temáticas. Comezou a xornada coa mesa de ‘Cultura, Educación e Lecer’, na que se falou de asociacionismo, do papel das mulleres como dinamizadoras da cultura e das actividades sociais, da educación no rural ou do importante de xerar comunidade. Ofreceron a súa visión Branca Villares, mestra de música tradicional na Montaña; Isabel Calvete; presidente da Anpa do CPI Cervantes e vicepresidenta da Federación Galega de Anpas; Isa García, de Trécola Producións; Mercedes López, da Asociación de Mulleres Olvido de Pol; e Laura Burgué, da Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira.

Logo dunha pausa para un café e un pequeno espectáculo de títeres a cargo de Trécola Producións, tomou a remuda a situación da ‘Agroindustria, gandería e forestal’ e nela tomaron parte Pepita Fernández, a primeira produtora de ovo ecolóxico de Galicia; Ángela, a presidenta da Comunidade de Montes de Parada, en Baleira; Rocío Regueira, técnica da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón); e Ana Álvarez, gandeira de Navia de Suarna. Contou coa moderación de Margarida Prieto, do Sindicato Labrego Galego, e durante a charla falouse dos retos do sector, o papel da muller nestes ámbitos, as lexislacións que afectan ao monte e a gandería, a titularidade compartida das explotacións, a cotización das mulleres gandeiras ou os prezos de producir alimentos.

Tomou a remuda a mesa dedicada ao turismo, con Isolina Rodríguez, de Piornedo Anda; Jimena Santalices, de Las Cabañas de Ancares; Diana Forero, dos Apartamentos Sons do Eo; e Susana Sanz, da Casona de Labrada. Coa moderación de Yoani Jartín, técnica de Turismo do Concello de Meira, tocáronse temas como as novas oportunidades na zona, o turismo de selfie fronte outros modelos de turismo máis respectuosos co entorno, a necesidade de actividades complementarias e abordouse como o turismo pode servir para diversificar outros sectores económicos do territorio.

Ás 14.30 horas foi o momento para a comida, tempo no que as participantes se dividiron en grupos de cinco ou seis e realizaron unha posta en común durante a mesma. Ao estilo dun brainstorming ou tormenta de ideas, as opinións de cada grupo serviron para tirar posteriormente unhas conclusións coas que enriquecer a estratexia LEADER do GDR.

A sesión vespertina deu comezo ás catro da tarde coa última mesa sectorial, que estivo dedicada aos ‘Servizos innovadores’ participaron Silvia Saavedra, da Casa Niño de Navia de Suarna; Laura Doval, de Gaitafilmes; Rosa Pérez, vicepresidenta da Asociación de Mulleres de Pol; Mónica Perán, arquitecta e presidenta da Asociación de Empresarios de Meira; Leticia Gutiérrez, de Ancares Centro Deportivo e da Casa do Maior de Becerreá; Ana Díaz, de Arela Comunicación Sostible; e Guadalupe Anzótegui, tradutora literaria e técnico-científica na Pontenova. Falaron da oportunidade e necesidade de servizos de conciliación e de como proxectos innovadores teñen oco e éxito desde o rural.

Entre as cinco e as seis da tarde procedeuse coa posta en común das conclusións que extraeu cada grupo durante a comida de traballo e a xornada pechouse cunha visita cultural ao Mosteiro de Meira.

Agradecemento e conclusións positivas

Desde o GDR agradecemos a asistencia de todas as participantes e a implicación das máis de 20 mulleres que non dubidaron en ofrecer a súa visión e experiencias participando como poñentes nas mesas redondas desta enriquecedora xornada. Tanto a organización como todas as mulleres que se achegaron á Casa Chaín saíron moi contentas co resultado da xornada, xa que entenden que é importante para tecer unha rede que fará comunidade e tamén servirá para colaborar no desenvolvemento do territorio no futuro.

Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader

Cartel sinxelo do programa de Mulleres do Territorio en Rede do GDR Montes e Vales Orientais

O EVENTO

Unha xornada de intercambio e convivencia por e para mulleres coa que facer unha estratexia Leader participativa e con perspectiva de xénero.

INFORMACIÓN CLAVE

  • LugarCasa Chaín de Pol.
  • Data: sábado 25 de marzo de 2023
  • Prezo: Inscrición, comida e actividades totalmente gratuítas.
  • Dirixida a: mulleres de calquera idade que estean interesadas en compartir as súas inquedanzas e escoitar as doutras. Haberá máis de 20 poñentes en varias mesas de diálogo.

TECENDO A REDE DE MULLERES DO TERRITORIO

Para continuar consolidando as conexións e o networking no territorio, esta xornada terá unha continuación o sábado 1 de abril en Piornedo cunha ruta etnográfica guiada por Piornedo Anda. A inscrición nesta ruta á completamente gratuíta a través deste formulario. Podes ampliar información neste artigo.

Mulleres do territorio en rede

Desde o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais organizamos a xornada de intercambio e convivencia ‘Mulleres do territorio en rede. Elaborando a estratexia Leader’, unha iniciativa que se levará a cabo este vindeiro sábado 25 de marzo e que ten como un dos seus obxectivos principais buscar solucións e facer propostas para incentivar o emprendemento e que as mulleres elixan a Montaña Lucense para vivir e empezar unha carreira profesional ou empresarial.

Esta xornada de traballo terá como escenario a Casa Chaín de Pol, é totalmente gratuíta e está dirixida a mulleres de todas as idades.

O evento dará comezo ás 10 da mañá e finalizará xa pola noite. Durante a xornada desenvolveranse unha serie de mesas de diálogo e actividades coas que darlle forma a unha estratexia Leader participativa e con perspectiva de xénero. Deste xeito, trataranse que aspectos son importantes á hora de facer un proxecto no noso territorio ou que se debería incentivar, entre outros moitas cuestións.

O evento pretende que dende a experiencia de moitas mulleres que viven e traballan no territorio se poda afondar sobre os aspectos importantes á hora de facer unha boa estratexia LEADER, que se traballe sobre as accións, liñas estratéxicas e tipos de proxectos que se deberían incentivar. Buscamos que esta rede de mulleres se active como unha comunidade de apoio e intercambio de ideas aberta a calquera muller da zona que queira formar parte e aprender da experiencia, vivencias e ideas de todas. Pretendemos tecer unha rede de networking entre mulleres que, ademais de incidir de forma directa no deseño do desenvolvemento do territorio, se poidan apoiar entre si, o que pode ser moi importante para o futuro.

Esta xornada de intercambio e convivencia contará con distintas mesas entre as dez da mañá e as seis da tarde, finalizando o día cunha visita cultural ao mosteiro de Meira. Xa está confirmada a presenza de máis de 20 mulleres que participarán nas distintas mesas redondas que hai programadas.

O evento arrincará ás 10 horas cun café que servirá de toma de contacto entre as participantes para posteriormente realizarse a benvida oficial, a partir das 10.30 horas, que correrá a cargo de Lourdes Abuide, propietaria da Casa Chaín; Fe Álvarez, xerente do GDR que explicará o programa da xornada e que obxectivos se buscan con ela; e Verónica Marcos, presidenta en Galicia da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (FADEMUR), que contará a súa experiencia á fronte deste colectivo.

Entre as 11 e as 14 horas desenvolveranse as distintas mesas de diálogo sectoriais que terán como temáticas cuestións como os servizos, o turismo, a agroindustria, a gandería, a cultura ou o lecer.

A mañá pecharase cunha comida de traballo, tamén gratuíta, na que as participantes se dividirán en grupos e farán unha tormenta de ideas. A sesión vespertina dará comezo cun café e posta en común na que cada grupo expoñerá as conclusións ás que chegou durante a comida.

Posteriormente haberá un teatriño de títeres e ás seis da tarde pecharase a xornada de traballo para dar paso á visita cultural ao mosteiro de Meira.

Inscrición aberta

O prazo de inscrición estará aberto ata que se complete o aforo, que será de 50 persoas. Aquelas mulleres interesadas en participar poden anotarse aínda a través de Whatsapp no número 659275743, enviando un correo electrónico á dirección montes.vales.orientais@gmail.com. A participación e todas as actividades que inclúe a xornada son totalmente de balde.

Programa:

  • 10 horas – Toma de contacto tomando un café
  • 10:30 horas – Benvida
  • 11:00-14.30 horas – Mesas de diálogo
  • 14:30- 15.30 horas – Comida de traballo
  • 15.30 – 18.00 horas – Café e posta en común
  • 18:30 horas – Visita cultural ao Mosteiro de Meira

 Máis iniciativas

Ademais de nesta xornada, o GDR Montes e Vales Orientais tamén traballa noutra actividade que se desenvolverá unha semana máis tarde, na primeira fin de semana de abril, e que cremos que servirá para consolidar esta rede de mulleres, para continuar establecendo contactos e facendo actividades no territorio. Consistirá nunha ruta guiada coa Asociación Piornedo Anda na que se dará a coñecer o fantástico entorno desta localidade. Podes inscribirte á ruta aquí.

Programa completo das xornadas Mulleres do Territorio en Rede do GDR Montes e Vales Orientais