
O Programa Fogar Vivo, impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ofrece unha nova oportunidade para transformar vivendas baleiras en fogares vivos. O obxectivo é claro: mobilizar vivendas actualmente sen uso e poñelas no mercado de alugueiro a un prezo accesible, fomentando o acceso á vivenda e fixando poboación no territorio.
Dito programa ten vantaxes tanto para os futuros inquilinos das vivendas (prezo regulado) como para os propietarios (axudas).
Requisitos das vivendas
Fogar Vivo vai dirixido a aquelas vivendas que estean na Comunidade Autónoma de Galicia, sexan de titularidade privada e non estea suxeitas a ningún réxime de protección pública, reúna as condicións axeitadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en réxime de aluguer e que non fosen arrendadas nos tres meses anteriores á presentación da solicitude das axudas.
Que axudas se ofrecen?
O programa contempla tres liñas principais de apoio para os propietarios:
- Axuda para a reparación e adecuación da vivenda cun importe máximo de 11.000€, incluíndo obras de mellora das instalacións, cambio de sanitarios ou mobiliario básico de cociña.
- Axuda adicional de 2.000€ se a vivenda se aluga a menores de 36 anos, persoas con fillos menores ao cargo ou familias con dependentes con grado de discapacidade recoñecido.
- Axuda para contratar seguros de ata 3.000€ para cubrir os seguros de impago ou multirrisco do fogar durante 5 anos.
Os propietarios tamén poden aproveitar beneficios fiscais para a adecuación do inmoble e para o aluguer da vivenda.
Para os inquilinos, estas axudas son compatibles coas axudas do aluguer e o prezo máximo do aluguer está limitado ao importe medio do concello ao que se empraza a vivenda. Isto pódese consultar no PDF que vos deixamos ao final desta páxina.
Prazo de solicitude
Hai que presentar a solicitude, preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo está aberto dende o 18 de xullo de 2025 e remata o 30 de outubro de 2025. Máis información na web do IGVS.