Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos a participar activamente nun novo proxecto de cooperación que une ás cinco Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Viños de Galicia, coa finalidade de reforzar o seu papel como motor de desenvolvemento local e impulsar o enoturismo como unha ferramenta estratéxica para o noso territorio.

Este proxecto, coordinado polo GDR Pontevedra-Morrazo en colaboración cos grupos Salnés Ulla-Umia, Deloa, Mariñas-Betanzos, Adercou e co apoio da Asociación das 5 IXP de Viños de Galicia, busca dar máis visibilidade aos nosos viños e ás persoas que están detrás deles, ao tempo que se consolidan experiencias enoturísticas sostibles e de calidade.

No noso caso, a participación tradúcese en apoiar e difundir os viños de Terras do Navia, unha das cinco IXP vitícolas recoñecidas en Galicia xunto con Betanzos, Val do Miño-Ourense, Ribeiras do Morrazo e Barbanza e Iria. Esta indicación protexida abrangue unha parte fundamental do noso territorio e representa un xeito de facer viño auténtico, en pequenas producións, con adegas familiares que manteñen unha estreita relación coa terra e coas tradicións herdadas.

A través desta iniciativa, queremos tamén convidar a veciños e visitantes a descubrir o potencial enoturístico de Terras do Navia: pasear polos viñedos que se integran na paisaxe, conversar cos viticultores que coidan cada cepa, coñecer as historias familiares que están detrás de cada botella e gozar dunha experiencia que une cultura, gastronomía e natureza.

O enoturismo é unha oportunidade para o noso rural: permite dinamizar a economía local, crear novas sinerxías co sector turístico e hostaleiro, e sobre todo dar a coñecer uns viños que falan de identidade, territorio e esforzo colectivo.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais seguiremos a traballar para que iniciativas coma esta teñan continuidade e repercusión real no noso territorio. Porque cando apoiamos o viño local, estamos tamén a construír futuro para o noso rural. Podes coñecer máis desta iniciativa na páxina web: https://viños.ixp.gal/gl/visitanos

Recommended Posts