
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural publicou no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria de axudas LEADER 2023–2027, unha ferramenta clave para apoiar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico, social e territorial do rural galego.
No caso do GDR Montes e Vales Orientais, esta convocatoria conta cun orzamento total de 1.457.158,96€, destinado a financiar proxectos que xeren actividade, emprego e mellora da calidade de vida no territorio.
A quen van dirixidas estas axudas?
As axudas LEADER están abertas a unha ampla variedade de promotores e promotoras, sempre que os proxectos se desenvolvan dentro do ámbito territorial do GDR Montes e Vales Orientais e cumpran a normativa vixente. Entre eles:
- Persoas autónomas e empresas.
- Asociacións e entidades sen ánimo de lucro.
- Concellos e entidades públicas locais.
- Comunidades de montes veciñais en man común.
- Mancomunidades.
Que tipo de proxectos se poden presentar?
A convocatoria permite apoiar tanto proxectos produtivos como non produtivos, entre os que destacan:
- Creación, modernización ou ampliación de empresas non agrarias.
- Iniciativas vinculadas á produción agraria, forestal ou á transformación e comercialización dos seus produtos.
- Proxectos de interese social ou comunitario que beneficien ao conxunto da poboación.
- Actuacións incluídas no programa Bono Activa Rural.
No caso dos proxectos produtivos, a axuda pode acadar ata o 50 % do investimento, cun límite máximo de 100.000 €.
Para os proxectos non produtivos, a subvención pode chegar ata o 90 %, cun máximo de 30.000 €.
Prazo e execución dos proxectos
O prazo para presentar solicitudes é de dous meses a partir da publicación da convocatoria no DOG, rematando o 6 de abril.
Unha vez aprobadas, as persoas ou entidades beneficiarias disporán do período 2026–2028 para executar os seus proxectos, cun calendario de investimento progresivo que garante a viabilidade e seguimento das actuacións.
Consulta as bases da convocatoria neste botón:
Tamén podes consultar os baremos de selección de proxectos produtivos e non produtivos:
Acompañamento desde o GDR
Desde o GDR Montes e Vales Orientais ofrecemos información, asesoramento e acompañamento durante todo o proceso: desde a idea inicial ata a presentación da solicitude.




