
A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria do programa Fogar Vivo, unha liña de axudas destinada a facilitar que vivendas baleiras se incorporen ao mercado de alugueiro con prezos accesibles.
O obxectivo desta iniciativa é activar vivendas que actualmente non se utilizan, apoiando ás persoas propietarias para que poidan acondicionalas e poñelas en alugueiro con máis garantías.
O obxectivo de Fogar Vivo
O principal obxectivo é mobilizar vivendas baleiras privadas para destinalas ao alugueiro, ofrecendo apoio económico ás persoas propietarias para reformalas, acondicionalas e garantir maior seguridade fronte a posibles riscos.
A quen vai dirixido
Poden solicitar estas axudas persoas físicas ou xurídicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas.
As axudas do programa e as súas contías
- Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación de seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco do fogar. Ata 3.000€.
- Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda. Neste caso a axuda pode chegar ata os 11.000€ e a subvención será do 80% do gasto xustificado.
- Unha axuda vinculada á axuda de adecuación e reparación da vivenda, para o caso de que os alugados sexan menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida. Ten unha aportación de 2.000€.
A contía máxima das axudas non poderá superar o límite de 16.000€ por vivenda.
Prazo de solicitude
As solicitudes están abertas ata o 3 de xuño. Pódense consultar as bases neste DOG.
Programas como Fogar Vivo permiten recuperar inmobles en desuso e ampliar a oferta de alugueiro, algo especialmente relevante en moitas zonas rurais. Se tes unha vivenda baleira, esta convocatoria pode axudarche a poñela en uso con apoio público.




