A Pontenova e Baleira acollen un obradoiro de formación na rede dentro do programa de Tierra de Oportunidades

A Pontenova e Baleira acollerán este sábado, 8 de novembro, un obradoiro de formación que ten como obxectivo axudar a mellorar a presenza en internet de pequenos negocios. Levará por título ‘Comunica e diferencia o teu negocio na rede’ e enmárcase dentro do programa Tierra de Oportunidades, unha iniciativa que puxeron en marcha o pasado verán Caixabank e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais que busca apoiar e impulsar o emprendemento rural e a creación de emprego, así como deter o crecente despoboamento dos núcleos rurais. Estes programas de formación e acompañamento para detectar necesidades e impulsar proxectos son, xunto ás axudas directas a emprendedores rurais, as dúas liñas de actuación na provincia de Lugo do programa Tierra de Oportunidades.

O obradoiro a desenvolver este sábado na Pontenova e Baleira consistirá nunha charla colaborativa dunhas catro horas de duración na que os participantes e varios expertos analizarán a presenza de cada negocio na rede e realizaranse unha serie de propostas adaptadas ao tempo e aos medios dos que dispón cada un dos establecementos que se estudarán. 

Horarios, ubicacións e forma de anotarse

A biblioteca municipal da Casa da Cultura da Pontenova será escenario pola mañá, das 10 ás 14 horas, deste obradoiro de formación, mentres que a activade trasladarase pola tarde, desde as 16 e ata as 20 horas, á biblioteca da Casa da Cultura de Baleira. Aquelas persoas interesadas en participar poden anotarse no número de teléfono 622 540 968 ou a través das ligazóns publicadas nas redes sociais do GDR.

A VIII Feira do Mel de Montaña de Baleira destaca o valor do produto local e o traballo apícola do territorio

Esta pasada fin de semana, os días 25 e 26 de outubro, Baleira converteuse, unha vez máis, na capital do mel da montaña coa celebración da VIII Feira do Mel de Montaña, un evento que volveu poñer en valor o traballo das persoas apicultoras, a calidade do mel da comarca e o papel deste produto como motor económico e identitario do territorio.

O programa

Durante toda a fin de semana, a veciñanza e visitantes puideron gozar de obradoiros, degustacións, música e actividades para todas as idades.

O sábado 25 disputouse o primeiro aberto de billarda, obradoiros de cosmética, precata do mel do concurso e magosto, con degustación de empanada, viño e castañas.

O domingo 26 foi o turno de obradoiros familiares, como o de elaboración de barriñas enerxéticas, onde se pon de manifesto os diferentes usos do mel e a degustación de produtos elaborados con mel e cervexa artesanal. Tamén foi o día da visita das autoridades.

Elaboración de barriñas enerxéticas na Feira do Mel de Montaña de Baleira 2025

A calidade do mel

Nesta edición, mandáronse 16 mostras ao laboratorio. Para pasar o concurso de cata, esixíuselles aos produtores a mellorar os parámetros oficiais, é dicir, Mel de Galicia marca como humidade máxima no mel o 18% e dende o GDR Montes e Vales esiximos o 17,5% e neste rango entraron 14 das 16.

Tamén se fixo análise polínica e foi predominante o castiñeiro. Ao concurso presentáronse meles de moi alta calidade cunha garantía de frescura, xa que son meles non sometidas a quentado e isto garante todas as súas propiedades.

Entrega de premios do Concurso de Meles e do Pintameles

O domingo celebrouse tamén a entrega de premios da IV Edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, que recoñeceu aos mellores produtores locais:

  • 1º Premio: Pico do Mel, de Álvaro Álvarez Díaz (Paradela, Navia de Suarna)
  • 2º Premio: Jesús Regueiro Mourín (Viladicente, As Nogais)
  • Premio ao mellor stand: Mel A Ruta Primitiva, de Iago Dorado (Vilar dos Adrios, Baleira)

Ademais, entregáronse os galardóns do Concurso Pintameles, no que participaron escolares de diferentes centros do territorio:

  • David Rodríguez López (CPI Uxío Novoneyra, Pedrafita)
  • María Quindós Pallares (CPI Cervantes)
  • Hugo Álvarez Díaz (CEIP Plurilingüe Concepción López Rey, Baleira)
  • Lía Castro Cabana (CEIP Plurilingüe San Xoán, Becerreá)

Para os dous primeiros colexios, o CPI Uxío Novoneyra e CPI Cervantes, tamén houbo un premio para viaxar e coñecer a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

A Feira, organizada polo Concello de Baleira e o GDR Montes e Vales Orientais, contou coa colaboración de ACD O Varal, Restaurante Moneda, Café-Bar A Marronda, Restaurante Neireo e Hotel Moneda.

Esta é unha cita que consolida a importancia do mel como símbolo da montaña lucense, combinando tradición, produto local e sostibilidade nun mesmo espazo.

O GDR Montes e Vales Orientais impulsa a ‘Semana da Innovación con WhatsApp’ con catro concellos do territorio como protagonistas

Catro concellos do noso territorio acollen esta semana a ‘Semana da Innovación con WhatsApp’, unha cita gratuíta que organizamos desde o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e que está dirixida a cidadáns, profesionais, administracións e emprendedores. Este ciclo comezou este martes, 7 de outubro, desenvolverase ata o día 10 e componse de catro relatorios e un obradoiro práctico. O obxectivo común é aprender a empregar WhatsApp de maneira segura e descubrir como aproveitar o seu potencial na vida diaria, nos negocios e na atención cidadá.

O evento levase a cabo co apoio dos concellos de Navia de Suarna, A Pontenova, A Fonsagrada e Becerreá, xunto á empresa Ciudadano Conversacional, e forma parte do circuito nacional de iniciativas de dixitalización e ciberseguridade promovidas por INCIBE Emprende.

Un programa variado e especializado

Durante catro días, os asistentes poderán participar en diferentes actividades. O martes pola mañá comezou o ciclo cunha conferencia na sala de plenos do Concello de Navia de Suarna no que se ofreceron consellos e boas prácticas para facer un uso seguro do WhatsApp dirixido ás persoas maiores, mentres que xa pola tarde no salón de actos da Casa da Cultura da Pontenova tratouse como utilizar os asistentes de WhatsApp de forma segura para mellorar a satisfacción dos clientes e vender máis.

Esta ‘Semana da Innovación con WhatsApp’ continuou este mércores co mesmo relatorio de apertura, pero nesta ocasión levouse a cabo desde as 15:30 horas na sede da Asociación de Servizos Sociais ACARSERSO, na Fonsagrada.

O resto do programa é o seguinte:

  • Xoves 9 de outubro

9:30 – Usos de WhatsApp seguro nas administracións locais, obradoiro na Aula Cemit informática, Rúa Valgamarín, 27640 Becerreá, Lugo.

  • Vernes 10 de outubro

10:00 – Cómo utilizar asistentes en WhatsApp de forma segura para mellorar a satisfacción dos clientes e vender máis, na Oficina do GDR3 Montes e Vales Orientais, Av. Dr. Escobar, s/n, 27130 Baleira, Lugo.

WhatsApp e Ciberseguridade

A Semana de Innovación con WhatsApp forma parte da colaboración entre INCIBE Emprende e Ciudadano Conversacional, empresa tecnolóxica española con máis de 130 eventos por todo o territorio nacional, cuxo obxectivo é promover o uso seguro das aplicacións conversacionais e achegar á cidadanía e ao tecido produtivo as oportunidades da ciberseguridade aplicada a negocios e administracións públicas.

Ademais da formación, a cita ofrece un espazo de encontro e networking local para fomentar a dixitalización segura como motor de desenvolvemento rural na provincia de Lugo.

Impacto no medio rural

Esta iniciativa pretende demostrar que as ferramentas dixitais poden convertirse en aliadas do desenvolvemento económico e social de municipios rurais, achegando formación, seguridade dixital e novas oportunidades de negocio á poboación.

Sobre INCIBE

O Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) é unha entidade dependente do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial. Consolidado como organismo de referencia no ámbito da ciberseguridade e a confianza dixital, actúa como motor de transformación social, innovación e xeración de talento.

A súa iniciativa INCIBE Emprende impulsa o emprendemento en ciberseguridade, fortalecendo as capacidades de pemes, profesionais e startups. Entre 2023 e 2026 continuará acompañando a emprendedores desde a captación de ideas ata a incubación e aceleración. Estas actuacións forman parte do Programa de Impulso a la Industria de la Ciberseguridad Nacional, contemplado no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.

Sobre Ciudadano Conversacional

Ciudadano Conversacional é unha empresa española fundada no 2019 como una joint venture entre a consultora SAGITAZ e a multinacional SANUKER. Especializouse en solucións de Conversacional Ciberseguro para empresas e administración públicas, ademais de contar cun convenio con INCIBE dentro da iniciativa INCIBE Emprende que impulsa a divulgación e formación en ciberseguridade aplicada á industria conversacional.

Sobre os colaboradores

A Semana “WhatsApp como Motor de Cambio” en Lugo conta coa colaboración dos concellos de Navia de Suarna, A Pontenova, A Fonsagrada e Becerreá, institucións que respaldan a formación dixital como ferramenta de desenvolvemento local e que poñen en valor o seu patrimonio natural, cultural e social.

O GDR Montes e Vales aposta polos viños de Terras do Navia dentro da cooperación das IXP de Galicia

Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos a participar activamente nun novo proxecto de cooperación que une ás cinco Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) de Viños de Galicia, coa finalidade de reforzar o seu papel como motor de desenvolvemento local e impulsar o enoturismo como unha ferramenta estratéxica para o noso territorio.

Este proxecto, coordinado polo GDR Pontevedra-Morrazo en colaboración cos grupos Salnés Ulla-Umia, Deloa, Mariñas-Betanzos, Adercou e co apoio da Asociación das 5 IXP de Viños de Galicia, busca dar máis visibilidade aos nosos viños e ás persoas que están detrás deles, ao tempo que se consolidan experiencias enoturísticas sostibles e de calidade.

No noso caso, a participación tradúcese en apoiar e difundir os viños de Terras do Navia, unha das cinco IXP vitícolas recoñecidas en Galicia xunto con Betanzos, Val do Miño-Ourense, Ribeiras do Morrazo e Barbanza e Iria. Esta indicación protexida abrangue unha parte fundamental do noso territorio e representa un xeito de facer viño auténtico, en pequenas producións, con adegas familiares que manteñen unha estreita relación coa terra e coas tradicións herdadas.

A través desta iniciativa, queremos tamén convidar a veciños e visitantes a descubrir o potencial enoturístico de Terras do Navia: pasear polos viñedos que se integran na paisaxe, conversar cos viticultores que coidan cada cepa, coñecer as historias familiares que están detrás de cada botella e gozar dunha experiencia que une cultura, gastronomía e natureza.

O enoturismo é unha oportunidade para o noso rural: permite dinamizar a economía local, crear novas sinerxías co sector turístico e hostaleiro, e sobre todo dar a coñecer uns viños que falan de identidade, territorio e esforzo colectivo.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais seguiremos a traballar para que iniciativas coma esta teñan continuidade e repercusión real no noso territorio. Porque cando apoiamos o viño local, estamos tamén a construír futuro para o noso rural. Podes coñecer máis desta iniciativa na páxina web: https://viños.ixp.gal/gl/visitanos

O GDR Montes e Vales Orientais súmase a XoGal: un escape room ao aire libre para dinamizar o territorio

Catro Grupos de Desenvolvemento Rural – Terra Chá, Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda e Seitura 22 – unímonos para lanzar XoGal, unha proposta innovadora de escape room ao aire libre que levará á historia, cultura e xogo a dez concellos de Lugo e A Coruña. O noso GDR participa activamente nesta iniciativa, promovendo a dinamización turística e cultural do territorio.

Un formato lúdico para poñer en valor o territorio

XoGal, deseñado pola empresa galega Skeirrum, dirixida por mulleres do rural, busca transformar as vilas nun xogo interactivo baseado na súa propia historia, tradición e patrimonio. Trátase dunha experiencia gratuíta, aberta a todas as idades e pensada para ser vivida en grupo. Os menores de 12 anos deberán estar acompañados por un adulto.

Dentro do noso ámbito territorial, XoGal chegará a Navia de Suarna e a Pedrafita do Cebreiro, entre outros, ofrecendo á veciñanza e visitantes a oportunidade de descubrir as singularidades do territorio mentras resolven enigmas e retos históricos.

Calendario XoGal

O primeiro escape room inaugúrase en Vilalba o 28 de agosto coa temática dos Andrade. Os seguintes celébranse en diferentes localidades incluíndo Navia de Suarna o 10 de outubro, baixo o lema “A Lenda da Deusa Navia” e o 19 de outubro en Pedrafita con “A luz vermella no monte”.

A participación será gratuíta con previa inscrición nesta ligazón: https://skeirrumtienda.com/xogal/. Os premios irán dende unha experiencia gastronómica ou a posibilidade de participar noutro concello, para os máis rápidos, ou cestas con produtos típicos dos catro GDRs que participan.

Dende o GDR Montes e Vales Orientais participamos neste proxecto coa intención de seguir dinamizando o rural, a cultura participativa e o turismo sostible.

Programa Fogar Vivo: axudas para facilitar o acceso ao alugueiro rural

O Programa Fogar Vivo, impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ofrece unha nova oportunidade para transformar vivendas baleiras en fogares vivos. O obxectivo é claro: mobilizar vivendas actualmente sen uso e poñelas no mercado de alugueiro a un prezo accesible, fomentando o acceso á vivenda e fixando poboación no territorio.

Dito programa ten vantaxes tanto para os futuros inquilinos das vivendas (prezo regulado) como para os propietarios (axudas).

Requisitos das vivendas

Fogar Vivo vai dirixido a aquelas vivendas que estean na Comunidade Autónoma de Galicia, sexan de titularidade privada e non estea suxeitas a ningún réxime de protección pública, reúna as condicións axeitadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en réxime de aluguer e que non fosen arrendadas nos tres meses anteriores á presentación da solicitude das axudas.

Que axudas se ofrecen?

O programa contempla tres liñas principais de apoio para os propietarios:

  • Axuda para a reparación e adecuación da vivenda cun importe máximo de 11.000€, incluíndo obras de mellora das instalacións, cambio de sanitarios ou mobiliario básico de cociña.
  • Axuda adicional de 2.000€ se a vivenda se aluga a menores de 36 anos, persoas con fillos menores ao cargo ou familias con dependentes con grado de discapacidade recoñecido.
  • Axuda para contratar seguros de ata 3.000€ para cubrir os seguros de impago ou multirrisco do fogar durante 5 anos.

Os propietarios tamén poden aproveitar beneficios fiscais para a adecuación do inmoble e para o aluguer da vivenda.

Para os inquilinos, estas axudas son compatibles coas axudas do aluguer e o prezo máximo do aluguer está limitado ao importe medio do concello ao que se empraza a vivenda. Isto pódese consultar no PDF que vos deixamos ao final desta páxina.

Prazo de solicitude

Hai que presentar a solicitude, preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo está aberto dende o 18 de xullo de 2025 e remata o 30 de outubro de 2025. Máis información na web do IGVS.

Inauguración do Parque da Poesía no marco do V Recital Poético Musical “SOS Castelo do Navia”

O pasado sábado, 7 de xuño de 2025, Navia de Suarna viviu unha das súas xornadas culturais máis especiais coa celebración do V Recital Poético Musical “SOS Castelo do Navia”, que nesta edición serviu de escenario para a inauguración do Parque da Poesía: un espazo público que xa garda nas súas chantos a voz de múltiples autores e autoras que medraron ou chegaron a este recuncho do país a través da palabra.

A mañá comezou cun paseo poético pola vila, durante o que se foron intercalando recitados con pequenas explicacións sobre o patrimonio local: o río, a ponte, as rúas empedradas e, sobre todo, o castelo de Navia, símbolo da identidade e da reivindicación cultural do territorio. Toño Núñez, presidente da Asociación Veciñal Irmandade Naviega, explica que lle outorgan o nome “SOS Castelo do Navia” ao recital para axudar a difundir a problemática existente co Castelo do Navia: “Canto máis soe e máis se fale del, mellor”, indica.

Ao rematar este percorrido, inaugurouse oficialmente o Parque da Poesía, unha iniciativa feita realidade grazas ao apoio do GDR Montes e Vales Orientais, que tamén colaborou na organización do encontro artístico que o acompaña. Cada poeta leu un poema diante dos chantos gravados e houbo actuación musical de “Cantareiras A.C Deiquí”. “Os poemas que se recitaron foron só os que aparecen nos chantos”, incidiu Toño.

Despois dun xantar colectivo, a poesía continuou na Casa Quiñones, un espazo enxebre e máxico onde o tradicional se mestura coa innovación, e onde tamén houbo música, presentacións e versos ao abrente.

Na volta a Navia, a xornada pechouse cun recital final coa participación de Mero, Paloma Suances e Tania Capón do grupo musical A Quenlla, así como doutras voces que fixeron desta edición unha das máis numerosas ata o momento.

Presentado ás familias dos usuarios o proxecto piloto de videoasistencia a maiores no corazón da Montaña

Participantes na xornada de portas abertas celebrada na Escola do Maior da Asociación de Carballido de Servizos Sociais (Acarserso) para presentar o proxecto piloto de videoasistencia para maiores de 65 anos aos familiares destes usuarios

A Escola do Maior da Asociación de Carballido de Servizos Sociais (Acarserso), na Fonsagrada, acolleu este mércores 18 de xuño pola mañá unha ‘Xornada de Portas Abertas no Corazón da Montaña’ que serviu para dar a coñecer o servizo de videoasistencia sociosanitaria para maiores de 65 anos, unha iniciativa que impulsan a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais. A mesma, que está incluída dentro da plataforma Aldeas Vivas, que forma parte do proxecto global Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, xa se iniciou no último trimestre do pasado ano en Ribeira de Piquín e pouco a pouco foise estendendo con grandes resultados ao resto de concellos do territorio que abrangue o GDR.

Nesta iniciativa son un total de 30 os usuarios dos concellos de Becerreá, A Fonsagrada e Ribeira de Piquín que xa recibiron e traballan cun dispositivo electrónico -unha tablet- logo das sesións de formación que recibiron. A eles uníronselle tamén veciños de Navia de Suarna e A Pontenova, concellos nos que a administración local se encarga de xestionar este servizo. A tablet que recibiron dálles compañía grazas ás distintas ferramentas de estimulación cognitiva que trae incorporadas, xa que poden realizar puzles, pasatempos, xogar ou escoitar música, ao tempo que tamén lles axuda a pedir cita no centro de saúde e a estar en contacto co seu médico.

Na xornada desenvolvida na Escola do Maior de Carballido interviñeron en primeiro lugar representantes dos organismos que impulsan esta iniciativa. Deste xeito, tomaron a palabra o presidente da Asociación Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; a xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fé Álvarez; María Lamelas, que foi a encargada de presentar o proxecto; e Pedro Penelo, presidente de Acarserso, a asociación que exerceu de anfitrioa.

Posteriormente foi a quenda para Jorge Caleya, de Zwit Proyect, a empresa que puxo en marcha a aplicación de videoasistencia da que xa están desfrutando os usuarios e fixo incluso unha proba en directo con tres deles. Tratouse de José Rico, Celia Gómez e Pedro Méndez, que estiveron acompañados tamén polos outros 12 usuarios desta Escola do Maior de Carballido. Estes tres usuarios, coa axuda de Paola C. Avella, técnica do proxecto, e Mari Carmen Carricajo, traballadora social e directora do Fogar de Día de Ribeira de Piquín, amosaron o avance que xa fixeron nestes meses co uso da tablet e as vantaxes que ten para eles dispoñer desta ferramenta. “Queríamos compartir con todos los familiares el trabajo que estamos realizando con estas personas mayores de 65 años y que vean las cosas positivas que les va a aportar esta iniciativa a sus seres queridos. Para ello les hemos entrega un documento a los familiares con los pasos que hemos ido dando. Que hayamos conseguido este número de usuarios en una zona tan alejada es una muy buena noticia”, señala Paola C. Avella, técnica del proyecto.

Pasos dados

O traballo destes meses incluíu unha primeira fase de preparación, na que foron seleccionados os potenciais usuarios e se recolleron datos sobre eles para asignarlles un nivel de coñecemento (básico, medio, avanzado, sénior,…) en función das súas destrezas informáticas. Logo procedeuse á fase de formación, na que os usuarios se familiarizaron coa tablet e as súas ferramentas a través de sesión presenciais, que eran grupais, e virtuais, que xa eran máis individuais. Así mesmo, no documento que recibiron as familias ían unha serie de consellos útiles para acompañar aos seus parentes neste proceso de coñecemento.

A xornada rematou cun xantar e coa intervención de Román Sánchez , xerente de A Carqueixa, que avanzou outra nova iniciativa que van poñer en marcha con estes usuarios e que consiste en desenvolver unha oferta de servizos a través dunha marketplace (plataforma online). “El del marketplace es un proyecto de movilidad sostenible con productos locales. Vamos a poner en marcha una plataforma en la que los usuarios no podrán comprar en línea, pero si tener acceso y comunicación con los proveedores de la zona para que puedan adquirir productos y servicios existentes en el territorio: cuidados, limpieza, maquinaria, comida, entre otros servicios. La idea es que ellos puedan tener acceso a conocer esos productores cercanos y que estos les puedan acercar estos servicios o bienes”, explica Paola C. Avella.

Navia de Suarna acolleu unha xornada na que se analizou a importancia da muller na conservación da transmisión oral e dos elementos asociados á música tradicional

Mulleres participantes na xornada 'As mulleres e a música: transmisión da tradicional oral' que se celebrou en Navia de Suarna o 31 de maio de 2025 promovido pola Rede de Mulleres do Territorio que impulsa o GDR Montes e Vales Orientais e a FEGAMP

Unha trintena de mulleres participaron este pasado sábado 31 de maio en Navia de Suarna nunha exitosa xornada da Rede de Mulleres do Territorio. Aproveitando que o Día das Letras Galegas deste ano 2025 estivo dedicado ás cantareiras e á poesía popular galega, a cita desta ocasión promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais tivo como fío argumental a importancia das mulleres da montaña como transmisoras da tradición oral da zona e dos elementos culturais asociados á música tradicional. Foi polo tanto un día cargado de música e no que tamén se falou de como a tradición oral vai pasando de xeración e xeración e, deste xeito, axudando á conservación das variedades dialectais presentes no territorio.

Esta xornada de intercambio e convivencia, totalmente gratuíta, levou por título ‘As mulleres e a música: transmisión da tradición oral’ e celebrouse ao longo de distintos puntos de Navia de Suarna, xa que contou cun roteiro, un faladoiro, dous mercadiños e unha actuación musical. Xuntou a mulleres de distintas asociacións culturais do territorio completando un rico e variado programa entre as 9:30 horas, momento no que se lle deu a benvida ás participantes e se presentou a xornada, e as 6 da tarde, cando se pechou a mesma. Pola mañá tiveron tempo para facer un roteiro con Cristina Álvarez ata a Casa Quiñones, ubicada en Barcia. Neste establecemento hostaleiro, que é tamén un coworking e un coliving, foi onde se desenvolveu un interesante faladoiro dunhas tres horas no que se tratou o papel que desempeñaron as mulleres nos saberes tradicionais e na súa transmisión, entre os que se atopa a música. Na xornada quedou claro que a figura feminina foi unha parte fundamental para que esta tradición oral fose transmitida e os elementos culturais asociados á música chegasen ata a xeración actual.

Ás 14:30 horas tivo lugar unha comida de traballo e a sesión vespertina incluíu dous mercadiños, un deles orientado ao intercambio de sementes e o outro ao intercambio de roupa. Cada participante podía levar as sementes, plantiñas ou enxertos que considerase oportuno e o mesmo acontecía co de roupa, no que había un máximo de 10 prendas por persoa. A xornada pechouse coa actuación da Asociación Cultural de Eiquí, nunha interpretación aberta á participación de todas as mulleres que levasen os seus instrumentos para acompañalas.

Con esta nova actividade levada a cabo o pasado sábado en Navia de Suarna, o GDR Montes e Vales Orientais segue fomentando que a rede de mulleres do territorio tecida nos últimos anos sexa cada vez máis forte e conte con máis protagonistas, ao tempo que serve para continuar dinamizando o rural e, a maiores, axuda a poñer en valor a figura da muller en todos os ámbitos da vida.

Realizas algunha actividade no noso territorio? Presenta o teu proxecto e consegue 1.000€

Tierra de Oportunidades

Se tes un negocio ou realizas algún tipo de actividade no territorio do GDR Montes e Vales Orientais, participa en #TierradeOportunidades, unha iniciativa que impulsamos xunto con Caixabank.

Lanzamos unha nova convocatoria para apoiar o talento e o emprendemento local, cun apoio económico de 1.000€ para cada un dos 4 proxectos seleccionados. Ademais desta achega directa, os proxectos recibirán apoio na súa visibilización e divulgación, e poderán optar a participar noutras fases do certame.

Que tipo de proxectos poden participar?

A convocatoria está aberta a:

  • Autónomos/as e sociedades.
  • Persoas con actividade ou residencia nalgún dos seguintes concellos:
    A Pontenova, A Fonsagrada, Meira, Ribeira de Piquín, Pol, Baleira, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, Láncara, Baralla e Pedrafita do Cebreiro.
  • Ter unha facturación menor de 300.000€.
  • Ter un máximo de 10 persoas traballadoras.

Non importa a antigüidade do teu negocio: poden participar proxectos xa en marcha que teñan previsto facer unha nova inversión ou lanzar unha nova liña de negocio, ben ou servizo.

Como participar?

  1. Entra na web oficial do proxecto para consultar toda a información e descargar os modelos de solicitude.
  2. Cubre os documentos necesarios e envía a túa candidatura ao correo electrónico do GDR Montes e Vales Orientais: informacion@montesevalesorientais.gal

Data límite: martes 10 de xuño de 2025 ás 23:59 horas

IMPORTANTE: Non se aceptarán solicitudes fóra de prazo, incompletas ou presentadas por outra vía.

Precisas axuda?

O equipo técnico do GDR está á túa disposición para asesorarte durante todo o proceso. Podes contactar no teléfono:622 540 968

Esta é unha iniciativa impulsada por CaixaBank e o GDR Montes e Vales Orientais co obxectivo de apoiar o emprendemento e contribuír a fixar poboación no rural. Se tes unha idea, un soño ou un proxecto que merece medrar, este é o momento. Participa e dálle un pequeno empuxón!