
A Pontenova e Baleira acollerán este sábado, 8 de novembro, un obradoiro de formación que ten como obxectivo axudar a mellorar a presenza en internet de pequenos negocios. Levará por título ‘Comunica e diferencia o teu negocio na rede’ e enmárcase dentro do programa Tierra de Oportunidades, unha iniciativa que puxeron en marcha o pasado verán Caixabank e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais que busca apoiar e impulsar o emprendemento rural e a creación de emprego, así como deter o crecente despoboamento dos núcleos rurais. Estes programas de formación e acompañamento para detectar necesidades e impulsar proxectos son, xunto ás axudas directas a emprendedores rurais, as dúas liñas de actuación na provincia de Lugo do programa Tierra de Oportunidades.
O obradoiro a desenvolver este sábado na Pontenova e Baleira consistirá nunha charla colaborativa dunhas catro horas de duración na que os participantes e varios expertos analizarán a presenza de cada negocio na rede e realizaranse unha serie de propostas adaptadas ao tempo e aos medios dos que dispón cada un dos establecementos que se estudarán.

Horarios, ubicacións e forma de anotarse
A biblioteca municipal da Casa da Cultura da Pontenova será escenario pola mañá, das 10 ás 14 horas, deste obradoiro de formación, mentres que a activade trasladarase pola tarde, desde as 16 e ata as 20 horas, á biblioteca da Casa da Cultura de Baleira. Aquelas persoas interesadas en participar poden anotarse no número de teléfono 622 540 968 ou a través das ligazóns publicadas nas redes sociais do GDR.




