Preto de 40 establecementos xa están certificados co selo ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’

Responsables de establecementos hostaleiros e produtores do Xeodestino Ancares Terras de Burón reciben o selo que identifica aos seus negocios como membros oficiais da iniciativa 'Cociña de Ancares Terras de Burón'

Ao redor duns 40 establecementos e negocios do Xeodestino Ancares Terras de Burón recibiron xa o distintivo que os acredita como membros oficiais da iniciativa da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’.  Esta iniciativa abrangue os aloxamentos turísticos que contan cunha despensa onde teñen produtos locais a disposición dos visitantes;  a restaurantes e casas de comidas que ofrecen pratos elaborados con produtos de proximidade e a partir de receitas tradicionais da zona; e tamén aos obradoiros e puntos de venda dos produtores de alimentos do Xeodestino Ancares Terras de Burón.

Aquela veciñanza e visitantes que aposten por hospedarse nun destes negocios hostaleiros e levar algún destes artigos ou compralos nunha tenda que conte con este selo na súa entrada, saberán que van consumir un produto de proximidade e con todas as garantías de calidade, ao tempo que colaboran co desenvolvemento da economía local do territorio. Así o explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. “O noso obxectivo coa ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ é potenciar a economía local buscando tender pontes entre produtores e establecementos para que os alimentos e bebidas que se producen no noso territorio se consuman tamén aquí e para a que a nosa gastronomía actúe como unha fantástica embaixadora turística do xeodestino”, salienta.

Un recuncho especial e saboroso

Un total de 15 establecementos xa teñen preparado un recuncho especial nas súas instalacións dedicado á ‘Despensa de Ancares Terras de Burón’, onde os seus hóspedes e visitantes poderán atopar e mercar distintos produtos pertencentes a dez produtores que xa se adheriron tamén a este proxecto. Os establecementos que xa recibiron o selo que os identifica como participantes son o Complexo O Piñeiral da Fonsagrada; Apartamentos Sons do Eo, bar O Recuncho d’Vane e A Marronda, en Baleira; Antollos do César, en Baralla; Hotel Os Ancares e Casa do Bico, en Becerreá; Casa O Crego e Cabañas de Ancares, en Cervantes; a Casa Grande de Láncara; Casa Suarna, Caserío Meiroi e Supermercados Embutidos Suarna, en Navia de Suarna; Casa Chaín, en Pol; e o Restaurante O Cebreiro, en Pedrafita de Cebreiro.

Recuncho da 'Despensa de Ancares Terras de Burón' dun dos negocios co selo 'Cociña de Ancares Terras de Burón'

Mentres, os produtores que xa están certificados e son participantes de pleno dereito neste clube de produto turístico son a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón), Mel Casa Príncipe, Mel ToxalRiba, O Retiro, Cervexas Píntega, Embutidos Suarna, Adega Sidrón, Ribeiregas e Mel Outurelos.

Estas últimas semanas, produtores e establecementos fixeron un esforzo para que estes recunchos xa estean dispoñibles nesta Semana Santa, unha das temporadas importantes a nivel turístico na zona, xa que son uns días nos que centos de visitantes apostan polos Ancares e as Terras de Burón para pasar o seu tempo de vacacións.

Casas de comidas onde desfrutar da gastronomía local

Na entrada dos restaurantes e casas de comidas dos 14 concellos nos que traballa o GDR Montes e Vales Orientais, xa se comezan a ver pendurados os selos de ‘Cociña de Ancares Terras De Burón’.

A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas certificados. En Baleira, A Marronda, O Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen a Navia de Suarna poderán desfrutar das receitas certificadas na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o Café Bar Xegunde, no Restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada certificáronse O Piñeiral e o Mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o Restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira) completan un listado que está aberto a novas incorporacións.

Turismo sostible

Esta proposta tamén cumpre cunha das liñas de actuación máis importantes do GDR Montes e Vales Orientais, que non é outra que apostar por un turismo sostible. É importante recordar neste punto que o Xeodestino Ancares Terras de Burón foi o primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo de Galicia. “Buscamos un turismo responsable, que non dane os recursos naturais que temos, que respecte a biodeversidade do noso territorio e tamén axude a que medre a economía local”, conclúe Fe Álvarez.

A experiencia da primeira Ruta dos Fornos de Pol

Foto de grupo da primeira Ruta dos Fornos de Pol, celebrada o 3 de marzo de 2024

A primeira Ruta dos Fornos de Pol saldouse cun auténtico éxito de participación, xa que reuniu o pasado domingo 3 de marzo a 120 sendeiristas chegados de toda a provincia de Lugo que desfrutaron dun agradable paseo, recibiron unhas nocións básicas sobre o funcionamento dos fornos e como se fan o pan e as empanadas neles e ademais puideron degustar uns petiscos e gozar de música en cada parada. Organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Olvido e Roteiros de Pol, contou coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a Deputación de Lugo e o Concello de Pol. “Foi un éxito total porque tíñamos pensado contar con 80 persoas e ao final foron 120. Tivemos que facer máis tazas das que prevéramos e tamén máis folletos explicativos sobre os lugares que atravesamos”, salienta Lourdes Abuín, directiva do colectivo organizador e xerente da Casa Chaín de Pol.

Esta primeira ruta contou cunha distancia de 10 quilómetros e fixo parada en seis fornos. Arrincou ás dez da maña da Capela das Neves, que fixo honra ao seu nome “porque atopamos a capela nevada e alí foi onde tomamos un café e almorzamos para quentar un pouco o corpo”, rememora Abuín. O percorrido era dunha intensidade media-baixa polo que estaba dirixida a todos os públicos. De feito, destacou a participación de dúas nenas de cinco e sete anos de idade.

A pesar das inclemencias meteorolóxicas, a xente respondeu: “Tíñamos medo a que, como estaba chovendo e mesmo nevando, non viñeran, pero a xente veu con calzado e roupa axeitada, paraugas e outros complementos. Ademais contábamos cun par de coches de apoio”. Logo do almorzo dirixíronse ao forno de Bernabel, que era a primeira parada. Posteriormente visitaron os de Labrada, Pásaro, Neira, Mirón e o da Casa Chaín, onde remataba a ruta. “En cada sitio había xa preparado un petisco salvo nun onde había liscos, que se teñen que facer e comer no momento. No último tomamos o postre, que era un doce de biscoito de noces e brownie, cun café, fixemos unha foto de familia e demos por rematada esta primeira ruta dos fornos”, explica. Tamén degustaron empanada, bolas de queixo, chourizo e carne ao forno. Foron en total unhas 6 horas de andaina, aprendizaxe e comida que tamén estiveron acompañadas de música. “Estivo con nós o grupo Axeixo e en cada forno tocaba unhas pezas”.

Participantes de todas as idades

Os participantes eran veciños dos arredores. “Veu un bus cheo de Lugo e logo tivemos xente que veu pola súa conta da Pontenova, Meira, Pol,… Había persoas de todas as idades, desde esas dúas nenas pequenas a xente maior, duns 70 anos e sobre todo xente de mediana idade e moitas parellas de entre 40 e 50 anos”, lembra Lourdes Abuín. En canto ao que máis lles chamou a atención aos participantes, a xerente e propietaria de Casa Chain destaca que “pareceulles moi interesante a idea de facer unha ruta de sendeirismo polo monte e acabar nun forno comendo chourizo ou outras cousas e logo volver a botar a andar. E tamén preguntaban moito polo funcionamento dos fornos, a colocación das chemineas e os diferentes fornos tradicionais que hai. Creo que lles gustou e que valoraran o ben organizado que estaba todo”, salienta.

Obxectivo tamén turístico

Esta ruta e as que pensan facer no futuro teñen un dobre obxectivo. “Por un lado queremos resaltar os fornos e animar á xente a que os conserve e se volvan utilizar, porque sabemos que nas aldeas aínda quedan moitos en desuso e cada vez queda menos xente que coza neles. O obxectivo é poñer en valor esas construcións e que non se perdan, pero tamén entregamos uns folletos explicativos da etnografía dos lugares polos que pasamos, xa que tamén queremos que teña un fin turístico e que se vexa a riqueza dos pobos nos que están os fornos”, destaca.

A Asociación de Mulleres Rurais Olvido e Roteiros de Pol xa traballa en novas rutas. “Queremos que isto teña continuidade e visitar máis fornos. Nesta ocasión tocamos tres parroquias, pero xa estamos falando con persoas doutras que teñen forno e cocen. Seguramente en poucas semanas levaremos a cabo a segunda ruta”, avanza. Coa primeira andaina colaboraron a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, “que nos axudou coa música”, o Concello de Pol, “que se encargou das tazas que entregamos a cada participante para beber nos fornos”, e desde o GDR Montes e Vales Orientais, a través do proxecto ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ démoslle visibilidade á iniciativa e encargámonos da impresión dos folletos explicativos sobre a ruta que se repartiron.

Cursos para aprender a facer pan

A aposta de Lourdes Abuín pola recuperación dos fornos tradicionais é total, xa que no seu propio establecemento turístico organiza desde hai uns meses cursos de amasado e de facer pan. “Temos cursos unha ou dúas veces ao mes e están tendo moi boa acollida. Empezamos o ano pasado e xa imos polo quinto. Facemos un curso que engloba todo o proceso, empezando ás dez da mañá co amasado e logo acabando aló polas cinco da tarde cando sae listo do forno. Polo medio, unha vez que está todo o pan metido no forno e mentres esperamos, sentámonos e facemos un pouco de grupo degustando algún produto tradicional que se comía antigamente nas aldeas como os faragullos ou o caldo de restrido, unhas comidas que tamén me gustaría que se recuperasen. A iso das cinco da tarde quitamos as cousas do forno e a empanada probámola e comémola tamén alí entre todos, mentres que o pan repartímolo para levar”, sinala. A maiores, está preparando uns cursos máis orientados aos nenos e nenas.

Para levar a cabo estes cursos, Lourdes rehabilitou por completo o forno da súa casa. “Quero realmente que se volva facer pan como antes e animo a todo o mundo a apuntarse porque pasámolo realmente ben. Dáme unha alegría enorme que a xente veña, queira recuperar o modo tradicional de recuperar o pan e logo se faga unha festa. A verdade é que sempre o pasamos moi ben”, conclúe.