A Fonsagrada acolleu un encontro de labregos para intercambiar experiencias e buscar solucións coas que mellorar os seus proxectos na Montaña

Encontro de labregos da Montaña celebrado na Fonsagrada para coñecer os seus respectivos proxectos

A Fonsagrada foi escenario este mércores 21 de xuño dun encontro de proxectos labregos da Montaña, unha iniciativa organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Sindicato Labrego Galego (SLG), que se desenvolveu ao longo da mañá e da primeira hora da tarde na tenda da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon). A cita atraeu a uns 20 profesionais do sector e incluíu unha visita guiada, xa pola tarde, á granxa de David Outeiro.

O obxectivo principal desta actividade foi “reunir a distintos labregos e labregas do territorio e a outra xente relacionada co sector para que compartan experiencias e fagan comunidade coa idea de elaborar unha estratexia LEADER coa que potenciar os seus proxectos e sacarlles un maior rendemento”, expuxo Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais.

A xornada comezou as 10.30 horas cun café de benvida, ao que seguiu a presentación dos distintos proxectos labregos. Foron un total de 19 os que se amosaron e valoraron, desde varias gandarías ecolóxicas de distintas especies animais -vacas, porcos, ovellas, cabras, polos ou coellos- ata proxectos de turismo e produción agroalimentaria ou mesmo a iniciativa do Departamento de Produción Animal da Universidade de Santiago de Compostela.

Conclusións e degustación

Posteriormente, todos os labregos e labregas participantes fixeron unha posta en común analizando as necesidades que existen na zona da Montaña e estudaron varias das propostas para intentar melloralas e atopar solucións idóneas a todas as problemáticas que se lles presentan no seu día a día ás súas explotacións.

Logo dun pequeno xantar, que incluíu a degustación de produtos de Asgafon, a xornada continuou pola tarde cunha posta en común de todo o que se falou durante a mañá para tirar conclusións e valorar se algunha destas poderían ser incluídas na futura estratexia LEADER do GDR. Este encontro de proxectos labregos finalizou coa visita á granxa de David Outeiro.

Encontro de labregos da Montaña celebrado na Fonsagrada para coñecer os seus respectivos proxectos

Valoración dos participantes

Os labregos e labregas que se achegaron á tenda de Asgafon para coñecer outras realidades e ofrecer a súa visión sobre as súas explotacións agroalimentarias na Montaña fixeron unha valoración moi positiva desta iniciativa posta en marcha polo GDR Montes e Vales Orientais e o Sindicato Labrego Galego.

David Outeiro, propietario da granxa ecolóxica de vacas cachenas, onde practica a coñecida como gandaría rexenerativa, foi un dos que expuxo o seu proxecto vital e empresarial, que se iniciou no 2021 cando se veu “da cidade de Lugo ata Mazaira, na Fonsagrada, terra de orixe de miña nai, para poñer este proxecto en marcha porque creo nun futuro no medio rural para a mocidade”, sinalou.

Outeiro considera “esencial que os proxectos labregos asentados no territorio teñan unha relación co programa LEADER e os GDR que os xestionan os poidan ter en conta”, ao tempo que asegura que é tamén importante “facer este tipo de actividades para intercambiar necesidades, opinións, formación e sobre todo ter unha convivencia e un coñecemento mutuo”, concluíu.

Pola súa banda, Dora Cabaleiro, labrega, integrante do Sindicato Labrego Galego e copropietaria da Cooperativa Ribeiregas, en Navia de Suarna, tamén amosou a súa gratitude pola organización deste encontro. “Estou moi feliz de que se fixera esta iniciativa porque me parece moi importante que, na situación de colapso que vivimos na actualidade, se estean buscando fórmulas para unha transición agroecolóxica e que nesta se teña en conta a produción primaria, xa que os labregos e labregas somos os que custodiamos o territorio”, subliñou.

Cabaleiro aplaude “calquera iniciativa conxunta, colaborativa e participativa que faga rede deses proxectos, que os poña en contacto e sirva para planear xuntos cales son as necesidades que temos no territorio, polo que vexo moi positivo para a comarca este primeiro encontro e agardamos que sexa semente de próximas colaboracións”, demanda.

‘A Despensa de Ancares e Terras de Burón’ chega aos establecementos turísticos do territorio

Presentación aos establecementos turísticos do territorio de 'A Despensa de Ancares e Terras de Burón'

Desde o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, en colaboración co Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Montaña, organizamos unha actividade en Navia de Suarna e A Fonsagrada coa que se persegue impulsar as sinerxias que se poden dar entre os sectores turístico e agroalimentario instalados nos Ancares e Terras de Burón.

O obxectivo principal foi xuntar a diferentes sectores económicos do territorio que contan con necesidades, barreiras e problemáticas aparentemente diferentes e poñer en marcha solucións conxuntas que redunden nun beneficio para todos e, en consecuencia, colaborar no desenvolvemento do territorio. Dúas foron as problemáticas máis notorias que trataron nesta dobre actividade e ás que se lle pode atopar solución uníndose. Por unha banda está o desequilibrio entre a oferta de aloxamentos e a oferta de restauración, xa que neste territorio hai moitos máis aloxamentos que establecementos que sirvan comidas ou ceas aos visitantes; e pola outra banda, hai un sector agroalimentario que está poñendo no mercado produtos de gran calidade e que están buscando darlle saída e ampliar as súas canles de venda.

Primeiras incorporacións

A Despensa de Ancares e Terras de Burón está espertando un grande interese entre os establecementos turísticos do territorio, que eran moi conscientes desta necesidade”, explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. De feito, engade, “algúns albergues e casas rurais xa solicitaron incorporar os produtos desta despensa para ofrecerlla ás persoas que nos visitan coma un servizo complementario ao aloxamento”, apunta.

A primeira cita tivo lugar o 14 de xuño no café-bar Xegunde da Proba, en Navia de Suarna. A segunda desenvolveu un día despois, o 15 de xuño, na Tenda de Asgafon, o establecemento que a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada abriu recentemente na localidade fonsagradina.

Nestes dous eventos presentóuselles aos responsables de negocios de hostalería da zona a oferta gastronómica realizada por dous axentes con forte implantación no territorio coma son Asgafon e A Carqueixa. Esta oferta gastronómica está centrada na liña de pratos caseiros xa cociñados que lanzaron recentemente ambas entidades e que xa comercializan a través da Rede e nos seus propios establecementos físicos. Estes pratos cociñados son susceptibles de seren ofrecidos polos establecementos turísticos e hostaleiros da zona, axudando a complementar os servizos que ofrecen aos visitantes e tamén impulsando a economía local e aos produtores do territorio. ‘A Despensa de Ancares e Terras de Burón’ tamén está aberta á incorporación doutros produtos da zona coma viños, queixos, mel ou conservas, entre outros.

Tecer redes de colaboración

A organización deste evento encaixa na filosofía de traballo do noso grupo, que busca establecer redes colaborativas no territorio que impulsen o desenvolvemento local en todos os seus ámbitos. Así, a meta última é que se establezan liñas de traballo e unha colaboración máis estreita entre produtores e hostaleiros. “Nestas presentacións esperamos incorporar máis establecementos interesados e en futuras actuacións intentaremos implicar a outros sectores da zona, reforzando ademais a colaboración xa establecida entre o Polo de Emprendemento e o GDR”, avanza Fe Álvarez.

Entre estas futuras sinerxias a explorar están actores como empresas ou entidades relacionadas coa loxística, o transporte ou o marketing, que poidan participar no desenvolvemento desta colaboración xa iniciada entre produtores e hostaleiros.