A VIII Feira do Mel de Montaña de Baleira destaca o valor do produto local e o traballo apícola do territorio

Esta pasada fin de semana, os días 25 e 26 de outubro, Baleira converteuse, unha vez máis, na capital do mel da montaña coa celebración da VIII Feira do Mel de Montaña, un evento que volveu poñer en valor o traballo das persoas apicultoras, a calidade do mel da comarca e o papel deste produto como motor económico e identitario do territorio.

O programa

Durante toda a fin de semana, a veciñanza e visitantes puideron gozar de obradoiros, degustacións, música e actividades para todas as idades.

O sábado 25 disputouse o primeiro aberto de billarda, obradoiros de cosmética, precata do mel do concurso e magosto, con degustación de empanada, viño e castañas.

O domingo 26 foi o turno de obradoiros familiares, como o de elaboración de barriñas enerxéticas, onde se pon de manifesto os diferentes usos do mel e a degustación de produtos elaborados con mel e cervexa artesanal. Tamén foi o día da visita das autoridades.

Elaboración de barriñas enerxéticas na Feira do Mel de Montaña de Baleira 2025

A calidade do mel

Nesta edición, mandáronse 16 mostras ao laboratorio. Para pasar o concurso de cata, esixíuselles aos produtores a mellorar os parámetros oficiais, é dicir, Mel de Galicia marca como humidade máxima no mel o 18% e dende o GDR Montes e Vales esiximos o 17,5% e neste rango entraron 14 das 16.

Tamén se fixo análise polínica e foi predominante o castiñeiro. Ao concurso presentáronse meles de moi alta calidade cunha garantía de frescura, xa que son meles non sometidas a quentado e isto garante todas as súas propiedades.

Entrega de premios do Concurso de Meles e do Pintameles

O domingo celebrouse tamén a entrega de premios da IV Edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, que recoñeceu aos mellores produtores locais:

  • 1º Premio: Pico do Mel, de Álvaro Álvarez Díaz (Paradela, Navia de Suarna)
  • 2º Premio: Jesús Regueiro Mourín (Viladicente, As Nogais)
  • Premio ao mellor stand: Mel A Ruta Primitiva, de Iago Dorado (Vilar dos Adrios, Baleira)

Ademais, entregáronse os galardóns do Concurso Pintameles, no que participaron escolares de diferentes centros do territorio:

  • David Rodríguez López (CPI Uxío Novoneyra, Pedrafita)
  • María Quindós Pallares (CPI Cervantes)
  • Hugo Álvarez Díaz (CEIP Plurilingüe Concepción López Rey, Baleira)
  • Lía Castro Cabana (CEIP Plurilingüe San Xoán, Becerreá)

Para os dous primeiros colexios, o CPI Uxío Novoneyra e CPI Cervantes, tamén houbo un premio para viaxar e coñecer a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

A Feira, organizada polo Concello de Baleira e o GDR Montes e Vales Orientais, contou coa colaboración de ACD O Varal, Restaurante Moneda, Café-Bar A Marronda, Restaurante Neireo e Hotel Moneda.

Esta é unha cita que consolida a importancia do mel como símbolo da montaña lucense, combinando tradición, produto local e sostibilidade nun mesmo espazo.

O GDR Montes e Vales Orientais impulsa a ‘Semana da Innovación con WhatsApp’ con catro concellos do territorio como protagonistas

Catro concellos do noso territorio acollen esta semana a ‘Semana da Innovación con WhatsApp’, unha cita gratuíta que organizamos desde o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e que está dirixida a cidadáns, profesionais, administracións e emprendedores. Este ciclo comezou este martes, 7 de outubro, desenvolverase ata o día 10 e componse de catro relatorios e un obradoiro práctico. O obxectivo común é aprender a empregar WhatsApp de maneira segura e descubrir como aproveitar o seu potencial na vida diaria, nos negocios e na atención cidadá.

O evento levase a cabo co apoio dos concellos de Navia de Suarna, A Pontenova, A Fonsagrada e Becerreá, xunto á empresa Ciudadano Conversacional, e forma parte do circuito nacional de iniciativas de dixitalización e ciberseguridade promovidas por INCIBE Emprende.

Un programa variado e especializado

Durante catro días, os asistentes poderán participar en diferentes actividades. O martes pola mañá comezou o ciclo cunha conferencia na sala de plenos do Concello de Navia de Suarna no que se ofreceron consellos e boas prácticas para facer un uso seguro do WhatsApp dirixido ás persoas maiores, mentres que xa pola tarde no salón de actos da Casa da Cultura da Pontenova tratouse como utilizar os asistentes de WhatsApp de forma segura para mellorar a satisfacción dos clientes e vender máis.

Esta ‘Semana da Innovación con WhatsApp’ continuou este mércores co mesmo relatorio de apertura, pero nesta ocasión levouse a cabo desde as 15:30 horas na sede da Asociación de Servizos Sociais ACARSERSO, na Fonsagrada.

O resto do programa é o seguinte:

  • Xoves 9 de outubro

9:30 – Usos de WhatsApp seguro nas administracións locais, obradoiro na Aula Cemit informática, Rúa Valgamarín, 27640 Becerreá, Lugo.

  • Vernes 10 de outubro

10:00 – Cómo utilizar asistentes en WhatsApp de forma segura para mellorar a satisfacción dos clientes e vender máis, na Oficina do GDR3 Montes e Vales Orientais, Av. Dr. Escobar, s/n, 27130 Baleira, Lugo.

WhatsApp e Ciberseguridade

A Semana de Innovación con WhatsApp forma parte da colaboración entre INCIBE Emprende e Ciudadano Conversacional, empresa tecnolóxica española con máis de 130 eventos por todo o territorio nacional, cuxo obxectivo é promover o uso seguro das aplicacións conversacionais e achegar á cidadanía e ao tecido produtivo as oportunidades da ciberseguridade aplicada a negocios e administracións públicas.

Ademais da formación, a cita ofrece un espazo de encontro e networking local para fomentar a dixitalización segura como motor de desenvolvemento rural na provincia de Lugo.

Impacto no medio rural

Esta iniciativa pretende demostrar que as ferramentas dixitais poden convertirse en aliadas do desenvolvemento económico e social de municipios rurais, achegando formación, seguridade dixital e novas oportunidades de negocio á poboación.

Sobre INCIBE

O Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE) é unha entidade dependente do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial. Consolidado como organismo de referencia no ámbito da ciberseguridade e a confianza dixital, actúa como motor de transformación social, innovación e xeración de talento.

A súa iniciativa INCIBE Emprende impulsa o emprendemento en ciberseguridade, fortalecendo as capacidades de pemes, profesionais e startups. Entre 2023 e 2026 continuará acompañando a emprendedores desde a captación de ideas ata a incubación e aceleración. Estas actuacións forman parte do Programa de Impulso a la Industria de la Ciberseguridad Nacional, contemplado no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.

Sobre Ciudadano Conversacional

Ciudadano Conversacional é unha empresa española fundada no 2019 como una joint venture entre a consultora SAGITAZ e a multinacional SANUKER. Especializouse en solucións de Conversacional Ciberseguro para empresas e administración públicas, ademais de contar cun convenio con INCIBE dentro da iniciativa INCIBE Emprende que impulsa a divulgación e formación en ciberseguridade aplicada á industria conversacional.

Sobre os colaboradores

A Semana “WhatsApp como Motor de Cambio” en Lugo conta coa colaboración dos concellos de Navia de Suarna, A Pontenova, A Fonsagrada e Becerreá, institucións que respaldan a formación dixital como ferramenta de desenvolvemento local e que poñen en valor o seu patrimonio natural, cultural e social.