Catro Grupos de Desenvolvemento Rural – Terra Chá, Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda e Seitura 22 – unímonos para lanzar XoGal, unha proposta innovadora de escape room ao aire libre que levará á historia, cultura e xogo a dez concellos de Lugo e A Coruña. O noso GDR participa activamente nesta iniciativa, promovendo a dinamización turística e cultural do territorio.
Un formato lúdico para poñer en valor o territorio
XoGal, deseñado pola empresa galega Skeirrum, dirixida por mulleres do rural, busca transformar as vilas nun xogo interactivo baseado na súa propia historia, tradición e patrimonio. Trátase dunha experiencia gratuíta, aberta a todas as idades e pensada para ser vivida en grupo. Os menores de 12 anos deberán estar acompañados por un adulto.
Dentro do noso ámbito territorial, XoGal chegará a Navia de Suarna e a Pedrafita do Cebreiro, entre outros, ofrecendo á veciñanza e visitantes a oportunidade de descubrir as singularidades do territorio mentras resolven enigmas e retos históricos.

Calendario XoGal
O primeiro escape room inaugúrase en Vilalba o 28 de agosto coa temática dos Andrade. Os seguintes celébranse en diferentes localidades incluíndo Navia de Suarna o 10 de outubro, baixo o lema “A Lenda da Deusa Navia” e o 19 de outubro en Pedrafita con “A luz vermella no monte”.
A participación será gratuíta con previa inscrición nesta ligazón: https://skeirrumtienda.com/xogal/. Os premios irán dende unha experiencia gastronómica ou a posibilidade de participar noutro concello, para os máis rápidos, ou cestas con produtos típicos dos catro GDRs que participan.
Dende o GDR Montes e Vales Orientais participamos neste proxecto coa intención de seguir dinamizando o rural, a cultura participativa e o turismo sostible.