Presentación de Aldeas Vivas, a plataforma para a loita contra o despoboamento na montaña luguesa

Aldeas Vivas Presentación

A Delegación da Axencia Tributaria en Lugo foi escenario esta mañá de mércores da presentación do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e da súa ferramenta Aldeas Vivas, unha iniciativa que busca loitar contra o despoboamento do rural e que nace do aproveitamento de sinerxias entre este GDR e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

No acto de presentación participaron Carlos López López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais; Paz Rodríguez Rivera, directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); Isabel Rodríguez López, Subdelegada do Gobierno en Lugo e Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp. Así mesmo, os encargados de presentar o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente e a súa ferramenta web www.aldeasvivas.gal foron Lucía González Louro, técnica da Fegamp; Fe Álvarez Sánchez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais; e Román Sánchez Besteiro, técnico do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais.

Os primeiros en intervir foron os representantes das institucións. Isabel Rodríguez, a Subdelegada do Gobierno en Lugo, destacou que desde o Estado se puxera “sobre a mesa a problemática da despoboación rural e a necesidade de afrontar con medios e investimentos o reto demográfico”.

Pola súa banda, Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp, destacou a importancia deste proxecto para o territorio, “un territorio duns 2.500 kilómetros cadrados e só 22.000 habitantes, con baixos índices demográficos e un alto nivel de avellentamento da poboación”, indicou.  Varela Paz destacou que “a través deste estase a facer un esforzo para gañar poboación, aumentar posibilidades de emprego e crecemento local“.

A plataforma www.aldeasvivas.gal é un centro de recursos do territorio, desde vivendas para aluguer, ata traspaso de negocios, pasando por ofertas de emprego e incluso terras para traballar.  Os técnicos do GDR e da FEGAMP apoiáronse nas asociacións do territorio “para poder poñer en marcha esta plataforma e que sexan tamén elas as que axuden a detectar oportunidades para visibilizar na páxina”, afirmou Román Sánchez, un dos técnicos que está a traballar no seu desenvolvemento. “Queremos conseguir que o noso territorio sexa atractivo para novos poboadores que queiran vir ou para persoas do territorio que queiran involucrarse noutras perspectivas vitais e profesionais”, engadiu.

Esta plataforma busca dar resposta á necesidade de vivendas, locais e terras de alugueiro para o asentamento de novos poboadores no territorio que abrangue o GDR Montes e Vales Orientais, ao tempo que se axuda á integración desta poboación migrante. Con isto búscase colaborar na remuda xeracional do sector agrario, que os mozos poidan levar a cabo o seu proxecto de vida sen ter que emigrar da súa comarca e promocionar o emprendemento e a creación de emprego local a partir dos novos nichos de mercado xerados pola transición dixital e ecolóxica da economía.

Para logralo, Sánchez debullou as distintas ferramentas das que dispón a plataforma e que permitirán ofertar e demandar recursos habitacionais e oportunidades laborais ou de emprendemento, establecer unha canle de contacto entre demandantes e ofertantes, así como dinamizar a práctica do alugueiro no territorio que permita reter a poboación moza local e captar e asentar poboación nova.

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, que traballa para xerar un ecosistema de oportunidades de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía. Conta co financiamento da Secretaría General para el Reto Demográfico do Goberno de España.

Desde o Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) de Montes e Vales Orientais insistiuse en que é primordial que “o entramado social e institucional do territorio faga súa a web e esta se converta nun referente”, ao tempo que tamén considera fundamental que “haxa moita oferta nova na web, porque xa hai distinta xente do territorio que a está vendo que esta plataforma é unha ferramenta moi necesaria e tamén moi útil”, concluíron.

Pola súa banda, Fe Álvarez Sánchez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, sinalou a importancia de sumar esforzos e traballar man a man coas diversas entidades que operan no territorio.  Álvarez salientou que un exemplo perfecto desta colaboración é o proxecto Aldeas Vivas, no que ademais da colaboración institucional entre o GDR e a FEGAMP, está sendo de vital importancia o apoio dos Concellos do territorio. Como mostra deste apoio, os alcaldes de varios concellos do GDR Montes e Vales Orientais acudiron á presentación da ferramenta en Lugo.

Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente Logos

Formación especializada en ‘Sostibilidade e competencias dixitais para o turismo rural’

Formacion Sostibilidade e competencias dixitais

A FEGAMP, organiza en Baleira un curso de especialización en ‘Sostibilidade Turística e Competencias Dixitais’ dirixido a profesionais do sector turístico e tamén persoas interesadas en formarse para desenvolver proxectos relacionados co turismo rural.

CANDO?
1, 2 e 3 de xullo, de 9.30 h. a 14:30 h. 
Na modalidade presencial, realizaranse formacións no territorio en experiencias inmersivas das tradicións rurais durante os tres días, en horario de tarde.

COMO?
Presencial e online.

ONDE?
Casa do Concello de Baleira. Rúa Dr. Escobar, s/n. Baleira. Lugo

CUSTE?
Gratuíto en ambas modalidades. A formación presencial inclúe comida networking e actividades inmersivas no territorio os tres días.

INSCRICIÓNS
Para coidar ao máximo a experiencia formativa, as prazas están limitadas e é preciso inscribirse. Unha vez cubertas as prazas, farase unha lista de agarda por rigurosa orde de inscrición.

Trátase dunha formación intensiva, de gran valor formativo, gratuíta e acreditada polo proxecto RETTURN.  A formación farase en modalidade presencial en Baleira e en modalidade online, retransmitida en streaming.

A modalidade presencial en Baleira, contará con dinámicas e experiencias inmersivas no territorio, baseadas nas tradicións rurais. Estas actividades extra levaranse a cabo polas tardes, completando a formación matutina.

As persoas interesadas en quedarse no territorio durante os días que dura a formación, poden poñerse en contacto co equipo do GDR no teléfono 659275743 se desexan información sobre aloxamentos próximos ao lugar onde se realiza a formación.

Programa formativo

01/07/202402/07/202403/07/2024
MÓDULO 1 – Ferramentas para a xestión de proxectos turísticos
(2,5 horas)
MÓDULO 3 – Emprendemento e innovación no ámbito do turismo rural. (2,5 horas) MÓDULO 5 – Márketing dixital para a promoción de destinos turísticos. (2,5 horas)
MÓDULO 2 – Oportunidades de financiamento para o sector turístico. (2,5 horas)MÓDULO 4 – Economía circular e turismo
(2,5 horas)
MÓDULO 6 – Redes sociais para o sector turístico. (2,5 horas)
COMIDA NETWORKING / PICNICCOMIDA NETWORKING / PICNICCOMIDA NETWORKING / PICNIC
Formación en experiencias inmersivas das tradicións rurais – Turismo en espazos naturais e rituais tradicionais.
Baleira. Cortevella – San Bernabé
Formación en experiencias inmersivas das tradicións rurais – Apiturismo no Ecomuseo El País del Abeyeiro e no xardín de polinizadores. Negueira de MuñizFormación en experiencias inmersivas das tradicións rurais – Natureza e historia en Meira. Pedregal de Irimia e Mosteiro de Santa María.
As actividades resaltadas en negriña, só estarán dispoñibles na modalidade presencial, que se impartirá en Baleira, Lugo.

Proxecto Retturn

A FEGAMP – Federación Galega de Municipios e Provincias, está a desenvolver no ámbito territorial do GDR Montes e Vales Orientais o proxecto Retturn – Red de Experiencias Turísticas Basadas en la Tradición Rural, co obxectivo de transformar o concepto de “turismo rural” mediante a conservación e recuperación de tradicións en perigo de extinción, conseguindo xerar experiencias turísticas memorables.

No noso caso, estase a traballar en crear experiencias relacionadas coas pallozas e os teitos de palla, a trashumancia e a gandería de montaña ou o patrimonio popular apícola.