Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos moi satisfeitos co desenvolvemento do ‘Concurso Pintameles 2023’, xa que consideramos que foi un auténtico éxito de participación. É por iso que queremos amosar o noso agradecemento a todos os colexios que participaron nesta edición pertencentes aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita e A Pontenova. Estamos moi contentos coa implicación que demostraron os colexios, na figura dos seus mestres, e, sobre todo, o propio alumnado.
Deseños numerosos e de gran calidade
Durante a fase de recollida de propostas para ser o cartel oficial da Feira do Mel da Montaña deste ano recibíronse 205 deseños realizados polos nenos e nenas da zona, unha cifra espectacular que fala moi ben da importancia que ten este evento na contorna. Ademais, o xurado tivo un traballo moi difícil á hora de decidir cales debían ser os finalistas, dado que nesta edición houbo moita calidade nos debuxos e o alumnado da montaña demostrou unha vez máis que coñece a apicultura tradicional que se practica na zona.
Exposición no certame
A gañadora do concurso foi Carlota López Rego, alumna do Ceip Plurilingüe Santa María, de A Fonsagrada, a quen felicitamos desde o GDR. O seu deseño foi o que puidemos ver no cartel desta edición da feira, mentres que o resto de debuxos foron expostos no recinto no que se celebrou o certame de exaltación do mel local en Baleira.
A pasada semana recibimos a visita dos responsables de tres Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) polacos cos que estamos colaborando nun proxecto europeo baseado na apicultura e que tamén inclúe ao GDR Terras de Miranda, da Mariña.
Logo de estar do martes facendo distintas actividades pola comarca mariñá, os técnicos polacos tiveron o mércores unha xornada cargada de visitas na Montaña acompañados en todo momento pola nosa xerente, Fe Álvarez. Foron recibidos en Baleira polo seu alcalde, Ángel Enrique Martínez-Puga; na sede do propio GDR Montes e Vales Orientais; e de ali dirixíronse á Pena de Nogueira, en Negueira de Muñiz, para visitar o ecomuseo de El País del Abeyeiro, onde coñeceron o xardín de polinizadores Fernando Fueyo e o souto artístico de Humboldt. Alí mesmo, realizaron unha cata de meles.
Posteriormente movéronse ata A Fonsagrada, onde puideron desfrutar dunha degustación de produtos locais na sede da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), ao tempo que recibiron un agasallo composto de distintos produtos locais. No municipio fonsagradino tamén puideron coñecer o traballo que está desenvolvendo un apicultor que se está pasando á produción ecolóxica.
Conclusións e plans de futuro
Meira foi a última parada dos técnicos dos GDR polacos e dos equipos técnicos dos GDR lugueses. Logo de seren recibidos no Concello polo alcalde meirego, Antonio de Dios, levaron a cabo unha proveitosa sesión de traballo. Na mesma tiráronse varias conclusións do que significaron estas xornadasna Mariña e na Montaña, ao tempo que tamén se trazaron plans de futuro, xa que a cooperación entre os cincos GDR seguirá nos próximos meses. A xornada completouse pola tarde cunha visita guiada a Meira.
Feira do Mel da Montaña
Esta actividade cos GDR polacos e o das Terras de Miranda está encadrada dentro da Feira do Mel da Montaña, que chega á súa sexta edición este ano e cuxos días centrais se celebrarán en Baleira os vindeiros venres 20 e sábado 21 de outubro. O programa do venres arrincará cunha xornada técnica, a partir das 16 horas, na que os asistentes aprenderán a catar e a conservar o mel. Tamén haberá un obradoiro de conservas con mel. Máis tarde, desde as 20 horas, terá lugar un magosto popular con castañas, outras larpeiradas e música.
O sábado21 é o día onde se desenvolve a feira, que se abrirá ás 10 da mañá e contará con múltiples actividades e cos postos de venda e exposición dos apicultores da montaña. Ás 11 levarase a cabo unha cata, ás 12 do mediodía será a quenda para as músicas do ciclo do ano e ás 13 horas haberá unha degustación da cociña de Ancares-Terras de Burón. Pecharase a feira coa entrega de premios do II Concurso de Mel de Montaña, o sorteo do Pasaporte Gastronómico Ancares – Terras de Burón e música popular.
Aberto o prazo para ser expositores
Aqueles produtores e produtoras de mel ou produtos artesanais e gastronómicos interesados en participar na sexta Feira do Mel da Montañapoden anotarse aínda chamando aos teléfonos 982.35.52.90 ou 659.27.57.43.
Andaina de interpretación ambiental
O programa desta sexta edición da Feira do Mel de Montaña pecharase a tarde do sábado 21, a partir das 16 horas, cunha andaina de interpretación ambiental pola fraga da Marronda. Os participantes farán unha ruta circular duns seis ou sete quilómetros por un espazo dunha beleza espectacular e no que coñecerán a súa flora.
A Asociación Montes e Vales Orientais, vén de convocar a segunda edición do Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense, para seleccionar os dous mellores meles da montaña do ano 2023.
Convocatoria ao Concurso Comarcal de Meles da Montaña Lucense
No marco da VI Feira do Mel da Montaña que se vai celebrar en Baleira os vindeiros días 20 e 21 de outubro, queremos convidar a participar neste concurso a todas as persoas apicultoras que produzan mel nalgún dos 14 municipios que forman parte do ámbito de actuación do GDR Montes e Vales Orientais ou do Xeodestino Ancares Terras de Burón:
Baleira
Baralla
Becerreá
Cervantes
A Fonsagrada
Láncara
Meira
Navia de Suarna
Negueira de Muñiz
As Nogais
Pedrafita do Cebreiro
Pol
A Pontenova
Ribeira de Piquín
Podes descargar as bases legais e toda a información do concurso aquí.
Premio á Mellor Mel da Montaña Lucense
Entregarase un diploma que acredite ao gañador ou gañadora do primeiro e segundo premio do Concurso, e tamén se lles entregará un trofeo. Ademais, as persoas produtoras que resulten gañadoras terán o dereito a facer uso de dito recoñecemento na súa promoción como produtores de mel.
Resumo dos requisitos para participar
Cumprir cas bases legais que podes descargar aquí.
Poderán participar apicultoras e apicultores individuaris ou asociados con mel de abella que cumpla coa norma de calidade relativa ao mel que está vixente.
Enviar as mostras necesarias para participar antes do 20 de outubro de 2023 as 12 h. do mediodía.
Enviaranse como mostra 2 tarros de 500 gramos, un deles etiquetado e outro sen etiquetar.
O mel ten que ser da colleita de 2023 en calquera dos municipios mencionados anteriormente.
Os envases deben ser de vidrio.
Cubrir a folla de inscrición ao concurso.
Como participar?
Para participar é preciso entregar as mostras persoalmente ou facer que cheguen por correo postal ao enderezo da nosa asociación nos prazos indicados: Asociación Montes e Vales Orientais Casa do Concello de Baleira – Planta Baixa Rúa Dr. Escobar s/n 27130 Baleira – Lugo
Data límite de recepción de mostras: 12 da mañá do venres 20 de outubro de 2023.
Esta martes participamos no Pazo de San Marcos de Lugo nunha xornada divulgativa na que se presentou o proxecto do Túnel de Viños, unha iniciativa subvencionada pola Cooperación LEADER na que participan seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de toda Galicia e que ten por obxectivo dar a coñecer os viños de diferentes Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), poñer en marcha un polígono vitivinícola en cada territorio e potenciar o enoturismo.
No acto, celebrado na sala de exposicións da sede da Deputación de Lugo, estivo presente a nosa xerente, Fe Álvarez, acompañada do deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; do concelleiro de Cultura da Fonsagrada, Silbán Rodríguez Palmeiro; de Manuel, en representación do Concello de Navia de Suarna; e as adegueiras de Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. Esta xornada divulgativa contou cunha clase maxistral pola mañá, a cargo dos expertos enólogos Luis e Alejandro Paadín, mentres que os asistentes puideron desfrutar na sesión vespertina dunha cata dirixida por Martiño Santos.
Dar a coñecer os viños da IXP Terras do Navia
Este proxecto do Túnel de Viños e as actividades que leva aparelladas buscan acadar un obxectivo triplo. Por un lado, o primeiro é dar a coñecer os diferentes viños que se producen nos territorios participantes. No noso caso trátase das variedades incluídas na IXP Terras do Navia e que se cultivan nos concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna. Concretamente son o albariño, caíño branco, loureira, godello e torrontés, no referente aos brancos; e o albarín tinto, mencía, brancellao, merenzao, caíño tinto e loureiro, respecto aos tintos.
Mobilización de terras para facer polígonos vitivinícolas
A segunda liña de traballo deste proxecto cooperativo é conseguir a mobilización de terras para intentar que en cada territorio se faga unpolígono vitivinícola, o que axudaría a crear riqueza nas respectivas zonas e tamén postos de traballo.
O viño como un reclamo para atraer un turismo de calidade e sostible
Finalmente, o terceiro obxectivo é potenciar o enoturismo, é dicir, o turismo ligado ao viño. A IXP Terras do Navia parte con vantaxe neste tema, xa que conta cun potencial moi grande para desenvolver actividades relacionadas co enoturismo nun territorio no que hai dúas Reservas da Biosfera, así como varios espazos protexidos pola Rede Natura 2000. Esta meta tamén serviría para poñer en valor a cultura vitivinícola dos Montes e Vales Orientais buscando un turismo de proximidade, de calidade, non masificado e totalmente sostible.