Ruta guiada con Piornedo Anda para seguir tecendo a rede de mulleres

Cartel curto da ruta guiada con Piornedo Anda e o colectivo de Mulleres do Territorio en Rede

O EVENTO

Un roteiro etnográfico polo Piornedo co que consolidar a rede de mulleres e continuar co traballo feito na xornada ‘Mulleres do Territorio. Elaborando a estratexia Leader’.

INFORMACIÓN CLAVE

  • Punto de encontro: escola de Piornedo.
  • Data: domingo 4 de xuño de 2023.
  • Horario: de 10 a 16:30 horas, aproximadamente.
  • Prezo de inscrición: Totalmente gratuíta con prazas limitadas. Apúntate aquí.
  • Dirixida a mulleres de calquera idade dos concellos do GDR Montes e Vales Orientais.
  • Recoméndase levar pantalón longo, calzado axeitado para camiñar e auga.

TECENDO A REDE DE MULLERES DO TERRITORIO

GDR Montes e Vales Orientais, xunto con Piornedo Anda, prepara para o día 4 de xuño unha ruta etnográfica guiada en Piornedo (Cervantes) co obxectivo de darlle continuidade ás conexións e á rede de mulleres da xornada ‘Mulleres do Territorio en Rede. Elaborando a estratexia Leader’, que se celebrou o pasado 25 de marzo en Pol.

A ruta arrincará ás 10 horas desde a escola de Piornedo e rematará no mesmo punto ao redor das 16.30 horas. A inscrición, que se pode facer a través deste formulario, é totalmente gratuíta e conta con prazas limitadas. Antes de comezar o percorrido e ao final da andaina haberá café para todas e durante o percorrido faremos un descanso para comer todas xuntas ao aire libre. O bocadillo, unha froita e unha botella de auga serán facilitadas pola organización. Recoméndase levar pantalón longo e calzado axeitado para camiñar.

Cartel completo da ruta guiada con Piornedo Anda e o colectivo de Mulleres do Territorio en Rede

PIORNEDO ANDA

Piornedo Anda é un colectivo que ten como finalidade principal poñer en valor o lugar de Piornedo e a súa grande riqueza en canto a fauna, flora, etnografía e cultura. Para conseguilo, as súas impulsoras, Lola e Isolina, preparan e organizan ao longo do ano distintas andainas cunha esixencia adaptada á maioría dos públicos e nas que combinan paisaxe con lendas, mitoloxía e a apaixonante historia da zona.

Deste xeito, moitos domingos poñen en marcha roteiros guiados por sendeiros e camiños antigos dos montes da zona. A maioría das veces son circulares e contan cuns percorridos que van dos 7 aos 12 quilómetros de distancia, polo que teñen unha duración aproximado de entre 3 e 5 horas. Durante os mesmos, as guías ofrecen distintas explicacións sobre usos e costumes tradicionais do monte e da vida destes lugares de alta montaña.

Ademais, tamén organizan actividades de encontro na montaña dirixidos a colexios, asociacións de todo tipo e grupos adaptados ás demandas e características que teña cada un deles, tales como rutas etnográficas con ou sen xantar, recreacións lúdicas dos traballos de antes ou xogos tradicionais.

ÚNETE Á REDE DE MULLERES DO TERRITORIO

Anímate a compartir unha mañá de convivencia e descubrir da man de dúas veciñas do lugar un lugar único como Piornedo.Inscríbete no seguinte formulariohttps://forms.gle/NChVdB6dAUz277KQ7

Revolta Rural, maratón de emprendemento

Cartel do maratón de emprendemento Revolta Rural!

Desde o GDR Montes e Vales Orientais estamos colaborando na organización do maratón de emprendemento Revolta Rural! que terá lugar os días 19 e 20 de maio en As Pontes de García Rodríguez.

Este maratón de emprendemento ten como obxectivo impulsar ideas de emprendemento no rural e concretamente nos territorios onde traballamos os tres GDR que participamos: Terras de Miranda, Seitura 22 e Montes e Vales Orientais. Ademais conta coa colaboración de Rural Talent, CaixaBank e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, entre outras entidades.

A través de iniciativas coma esta queremos apoiar o emprendemento nas nosas comarcas, favorecer a creación de emprego, fixar poboación no territorio e potencias a cultura emprendedora.

QUE É UN MARATÓN RURAL?

Durante dúas xornadas, reunirémonos persoas emprendedoras, empresas de referencia, persoas expertas en diferentes ámbitos (tecnoloxía, validación de ideas, marketing, comercialización…) para traballar de forma conxunta en solucións aos 6 retos que lanzamos os tres Grupos de Desenvolvemento Rural que participamos.

Os proxectos ou ideas seleccionadas para participar neste maratón terán que presentar a súa idea de negocio en formato «pitch» o sábado 20 de maio ante un xurado que realizará unha valoración das mesmas atendendo a criterios como: innovación, viabilidade económica, creación de emprego, recursos do territorio ou a propia exposición da idea.

Apoiarase aos proxectos gañadores con tres premios por cada GDR. No caso dos proxectos que teñan como ámbito de actuación o GDR Montes e Vales Orientais os premios serán os seguintes:

  • Primeiro premio – 2.500€ en metálico e 20 horas de mentoría.
  • Segundo premio – 1.500€ en metálico e 20 horas de mentoría.
  • Terceiro premio – 500€ en metálico e 10 horas de mentoría.

Ademais, os proxectos seleccionados incorporaranse a un proceso de incubación de proxectos de emprendemento rural de ata seis meses da man de Rural Talent e CaixaBank.

QUEN PODE PARTICIPAR?

Poden apuntarse a este maratón:

  • Persoas que queiran emprender un proxecto no noso territorio.
  • Empresas do noso territorio que queiran desenvolver novas liñas de negocio, que teñan unha facturación inferior a 150.000 euros e data de constitución inferior a tres anos.

Nos dous casos, é preciso que as ideas presentadas se poidan enmarcar nalgún dos retos plantexados para este maratón e que os proxectos estean establecidos ou se vaian a establecer nalgún dos concellos dos tres GDR convocantes.

Os proxectos que se presenten deberán executarse antes do 31 de decembro do 2023 e poderán estar xa en proceso de execución no momento de presentarse a esta convocatoria.

Toda a información está detallada nas bases de participación.

CALES SON OS RETOS?

Neste maratón queremos impulsar proxectos e ideas innovadoras, sostibles e viables que axudena impulsar o desenvolvemento económico e a calidade de vida nos nosos territorios. Poderanse presentar ideas e proxectos que encaixen nestes seis puntos:

  1. Turismo activo e experiencias turísticas.
  2. Plataformas de comercialización turística.
  3. Produción, transformación e comercialización agroalimentaria.
  4. Sector forestal.
  5. Sector enerxía.
  6. Servizos á poboación.

POR QUE INSCRIBIRSE?

  • Participarás en talleres especializados que che axudarán a darlle forma á túa idea de negocio.
  • Compartirás dúas xornadas con outras persoas emprendedoras.
  • O teu proxecto pode gañar ata 2.500€ para darlle un primeiro impulso.
  • Poderás formar parte dunha incubadora de emprendemento e acceder a 6 meses de mentoría especializada.

CANTO CUSTA?

O evento é gratuíto e inclúe a manutención das persoas participantes durante as xornadas da Revolta Rural. Se tes unha idea de emprendemento no noso territorio, anímate a participar!

COMO INSCRIBIRSE?

Podes inscribirte antes do 15 de maio ás 22 horas, na páxina web de Rural Talent, deixamos aquí ligado o formulario directo e nesta outra ligazón as bases legais.
Unha vez recibidas as solicitudes de inscrición, contactarase por correo electrónico ás persoas ou entidades seleccionadas para participar.

Desde o GDR Montes e Vales Orientais, estaremos encantad@s de axudarche coa inscrición e resolver calquera dúbida. Ponte en contacto con nós!

Representantes das entidades que colaboran co maratón de emprendemento Revolta Rural